DECLARACIÓN DE BARCELONA
Coa ollada posta no futuro e, ao mesmo tempo, inspirando-nos noutras iniciativas deste século (a Triple Alianza de 1923 ou a Galeuzca de 1933); o Bloque Nacionalista Galego, o Partido Nacionalista Vasco e Convergència i Unió, reunidos en Barcelona,
DECLARAMOS QUE:
* Ao cabo de vinte anos de democrácia continua ainda sen se resolver a articulación do Estado español como plurinacional.
* Durante este período padecimos unha falla de recoñecimento xurídico-político, e mesmo de asunción social e cultural das nosas respeitivas realidades nacionais no ámbito do Estado.
* Este recoñecimento, ademáis de xusto e democrático, resulta absolutamente necesário nunha Europa en proceso de articulación económica e política e que, ademais aponta, a meio prazo, cara a unha redistribución do poder político entre as suas diversas instáncias e níveis.
* E é-o, tamén, nun mundo cada vez máis interdependente, sobre o que pesa a ameaza da uniformización.
Por todo iso cremos que hai que abrir unha nova xeira na cal se produza por parte do Estado e de Europa o recoñecimento das nosas realidades nacionais e se obteña o poder político suficiente para poder oferecer as nosas próprias respostas aos retos do século XXI.
E ACORDAMOS:
* Facer un chamamento á sociedade española para compartir e dialogar sobre unha nova cultura política acorde con esa comprensión do Estado e promover unha concienciación colectiva que reforce a idea da sua plurinacionalidade.
* Oferecer a Europa e ao mundo as nosas propostas na defensa da diversidade. Encabezar a política das identidades, e da sua convivéncia positiva e criativa.
* Organizar de xeito sistemático o intercámbio de información, opinión e colaboración entre as xentes e sectores da cidadania activos nos ámbitos intelectual, cultural, educativo, profisional e empresarial, co obxectivo de dialogar sobre as nosas propostas e difundi-las.
* Estabelecer un plano de traballo conxunto entre as nosas respeitivas organizacións sobre: língua e cultura; fiscalidade e financiamento público; símbolos e institucións; presenza na Unión Europea e sobre outras cuestións que acordemos.
Por iso e por todo o devandito estabelecemos unha relación estábel e permanente entre as nosas tres forzas políticas; unha estrutura aberta que permita levar a cabo as actuacións conxuntas que requiran os obxectivos declarados e acordados.
Finalmente, comprometemo-nos a continuar traballando e desenvolvendo
os temas que comezamos a abordar neste primeiro encontro tripartito, nas
reunións que este mesmo ano celebraremos en Bilbo, en Setembro,
e Santiago, en Outubro.
 
Barcelona, 16 de xullo de 1998.