TEXTOS DE TRABALLO


BNG - PNB - CiU


A COLABORACIÓN DAS FORZAS NACIONALISTAS DE GALIZA, EUSKADI E CATALUNYA PARA UNHA REFORMULACIÓN DA CONCEPCIÓN DO ESTADO ESPAÑOL E PARA O RECOÑECIMENTO INSTITUCIONAL DOS RESPEITIVOS DIREITOS NACIONAIS


Barcelona, 16 e 17 de Xullo de 1998


1.- VISIÓN CONXUNTA DO ESTADO
1.1.- Antecedentes históricos
1.2.- Os nosos direitos inalienábeis
1.3.- O noso papel actual e futuro no Estado español
1.4.- Estratéxia do Estado con relación aos partidos nacionalistas
1.5.- Comportamentos políticos consecuentes

2.- VISIÓN CONXUNTA ANTE A UNIÓN EUROPEA
2.1. A nosa concepción da Unión Europea
2.2. A nosa posición ante a Unión Europea
2.3. Estratéxia ante a sociedade europea
2.4. Estratéxia ante os organismos políticos europeos


1.- VISIÓN CONXUNTA DO ESTADO

1.1.- Antecedentes históricos

A princípios do século XVIII estabeleceu-se un modelo de Estado español cimentado no centralismo e uniformismo que crebaba unha experiéncia centenária de respeito ás institucións de autogoverno e iniciaba unha profunda incompresión sobre a realidade plurinacional, plurilingue e pluricultural da Península Ibérica.

Como é lóxico, as nacións que foron obxecto deste proceso, proceso que significou un intento constante de supresión do seu carácter nacional, criaron entre si -a nível individual e colectivo- lazos de relación bajxo a represión, intercambiando inquedanzas e elaborando, ás veces conxuntamente, proxectos para romper esa tendéncia. A necesidade de certa unidade de acción, a busca dunha estratéxia concertada foi plasmada historicamente por Galiza, Euskadi e Catalunya en diferentes iniciativas e acordos ao longo deste século.

O 11 de Setembro de 1923, coincidindo coa celebración da Diada Nacional de Catalunya e dous dias antes do golpe militar do xeneral Primo de Rivera, asinou-se en Barcelona o Pacto da Triple Alianza, avalado polas sinaturas de Francesc Macia, Nicolau d'Olwer, Ventura Grassol e Antoni Rovira i Virgili, por Catalunya, Egileor, Gallastegui, Uribe Etxebarria e Robles Arangiz por Euskadi, Alfredo Somoza e Francisco Zamora por Galiza.

Dez anos despois da sinatura da Triple Alianza, o 25 de Xullo de 1933, no Palácio de Fonseca asinou-se o chamado Pacto de Compostela, polo que se constituiu Galeuzca como órgao integrado por partidos e organizacións nacionalistas de Galiza, Euskadi e Catalunya, nacións nas que se celebran actos de apresentación coa participación de Bautista i Roca, Nicolau d'Olwer, Castelao, Suárez Picallo, Alonso Rios, lrujo e Rezola. En 1934 dito pacto foi ratificado en Gernika por ERC. Despois, entre 1939 e 1950, Aguirre, Castelao e Pi i Sunyer, intentaron manter activo o acordo.

Galeuzca criou-se como un movimento solidário que pretendia a constitución dun organismo que coordenase con carácter permanente as actividades a desenvolver desde os tres movimentos nacionalistas. Para iso propuxo-se a criación dunha certa estrutura, cun secretariado que funcionase en cada un dos países.

Os contactos e compromisos de bascos, cataláns e galegos seguiron na preparación do posfranquismo e no advenimento da democrácia, para o que realizaron unha afirmación conxunta sobre o direito das distintas nacións a exercer a sua autodeterminación sempre desde unha formulación pacífica e democrática.

Hoxendia, a homoxeneización autonómica do actual marco político estatal, conduciu a unha descentralización política e administrativa, pero non a un modelo de estado plurinacional, onde o exercício dos nosos direitos nacionais sexa recoñecido e aceitado. As trabas postas ao desenvolvimento pleno dos nosos Estatutos e o non recoñecimento dos nosos respeitivos ámbitos de decisión, fai renovar os nosos desexos de reencontro.

Partindo da especificidade das nosas respeitivas nacións e tendo en conta as diferentes condicións obxectivas, coidamos necesária unha estratéxia de colaboración para  conseguirmos o obxectivo compartido do recoñecimento da nosa realidade nacional e das suas implicacións políticas.

Asi, coa perspectiva de superarmos o actual marco e avanzarmos na conformación institucional e política dun estado plurinacional, é preciso vertebrar unha colaboración política entre as nosas tres nacións, colaboración que desexamos sexa capaz de abrir-se á participación doutras forzas alén das nosas.

1.2.- Os nosos direitos inalienábeis

A construción nacional dos nosos respeitivos países constitui o proxecto político básico que compartimos os partidos nacionalistas. Este princípio atopase no centro do pensamento nacionalista e debe orientar-se á acción política, tanto nas accións internas como no proxecto político comun de relación co Estado español e coa Unión Europea.

Por iso o primeiro obxectivo da nosa acción política é o recoñecimento da nosa realidade nacional e do poder político que por direito nos corresponde. Iso supón admitir os seguintes princípios:

* Todo povo que ten conciéncia de nación e vontade de sé-lo ten direito a unha vida de autogoverno.
* O autogoverno dos povos é a cristalización da sua liberdade.
* Esta liberdade é o camiño através do que se estabelece o intercámbio e a colaboración entre os povos.

A nosa visión do carácter plurinacional do actual Estado Español toma como ponto de partida os feitos nacionais obxectivamente incuestionábeis, con expresión e conciéncia própria consolidada, historicamente vixentes desde antes mesmo da aparición das formas modernas de Estado en Europa e que, no presente século, foron os motores que forzaron por duas veces os correspondentes deseños constitucionais do Estado español que os recoñeceron, e tentaron fórmulas institucionais tendentes a arbitrar un encaixe para o problema político que representan. Trata-se de Galiza, Euskadi e Catalunya, ás que como nacións lles corresponde exercer a sua soberania nacional.

Pese a que os direitos das nosas nacións son prévios á Constitución, algunhas interpretacións centralistas situan o direito ao autogoverno na Carta Magna e non nas próprias nacións. Os nosos direitos nacionais non poden ser negados nun estado democrático. Reiteramos que o recoñecimento de Galiza, Euskadi e Catalunya é condición prévia e necesária para plasmar constitucionalmente o carácter plurinacional do Estado español.

O princípio de soberania resulta cualitativamente distinto ao princípio de autogoverno que se consolida mediante o desenvolvimento dos Estatutos de Autonomia que, ainda nun cenário de desenvolvimento total, só supoñen un proceso de descentralización política e administrativa, pois o elemento constitutivo do poder segue a localizar-se no Estado. Debemos superar a fórmula autonómica por canto é unha carta outorgada por un Estado que, conforme á definición constitucional, di basear-se nunha soa nación, única e indivisibel, a nación española, negando o carácter plurinacional do Estado e a coexisténcia doutras nacións.

O Estado español é, ao mesmo tempo, a institución que nega a soberania que nos pertence como nacións e o espazo político no que conquinsar a liberdade nacional, por meto da acción conxunta para configurarmos un Entado plurinacional de tipo confederal. Este seria o modelo apropriado para un Estado plurinacional, por canto parte do recoñecimento da soberania de cada nación, do respeito ao direito que teñen a tratar-se en pe de igualdade e a fomentar a colaboración e coordenación baseadas na equidade, a solidariedade e a liberdade de cada unha. O exercício do direito de autodeterminación cabalmente entendido asenta-se nos procesos e obxectivos devanditos. Dito direito e un direito colectivo fundamental. Cada nación ha de poder decidir en todo momento e en toda circunstáncia cal quer que sexa a sua estrutura politica, a sua articulación administrativa e o seu nível de dependencia e independencia a respeito doutras instáncias.

Ademais, tanto os partidos nacionalistas como os partidos de ámbito estatal, debemos entender que as categorias políticas de relación dos povos cambian ante a nova realidade europea. Agora os conceitos de soberania, autogoverno, autonomia, independencia, direito de autodeterminación, adquiren unha nova dimensión e formulan-se doutro xeito. Mais ese cámbio alcanza a todos, aos pertencentes a colectividades nacionais sen dispoñeren dunha estrutura estatal e aos que hoxe posuen e representan a unha nación e teñen un estado.

Para poder avanzar nun proxecto de remodelación do Estado español é imprescindíbel que, comprometidos os nacionalistas neste proceso e proxecto, os partidos estatais recoñezan e respeiten os ámbitos de decisión comunitária das nosas respeitivas nacións con todas as opcións que iso supón (independéncia, confederación, federación). Unicamente a asunción deste duplo compromiso permitirá avanzar no proceso de remodelación.

A colaboración conxunta debe estar dirixida á constitución dun Estado plurinacional, pluricultural e plurilingue, vertebrado apartir dos proxectos de emancipación nacional que se formulen desde Galiza, Euskadi e Catalunya, concebindo a loita pola autodeterminación como un proceso que resulta da combinación de distintas reivindicacións e accións políticas que, tendo cada unha a sua virtualidade e individualidade, se integran nunha alternativa concretada na soberania nacional.

Esta reflexión desenvolvémo-la desde o nacionalismo catalán, galego e basco, pero desde a convicción de que ese respeito e recoñecimento ao ámbito democrático de decisión é aplicábel a outras realidades de povos e nacionalidades do Estado español.

Cremos ademais que, sendo importantes a curtura, a língua e a história á hora de definir a un povo ou un espazo de direito colectivo, é fundamentalmente a vontade da sua cidadania de se desenvolver como ámbito soberano o que o define. É por iso que dicemos que este direito pode ser aplicábel a outras nacionalidades e povos do Estado.

1.3.- O noso papel actual e futuro no Estado español

A institucionalización do Estado das autonomias foi, como fórmula de compromiso, en certa medida, o resultado da masa crítica acadada polos movimentos nacionalistas no momento da transición. Porén, o desenvolvimento do modelo constitucional, através dos Estatutos de Autonomia e a progresiva homoxeneización competencial dos mesmos, fomlou parte dunha estratéxia das forzas estatais para desvirtuaren o autogoverno das nacións sen estado e reforzaren os instrumentos institucionais, políticos, culturais e económicos do poder central.

Non se deu un status específico para Galiza, Catalunya e Euskadi, apesar da referéncia constitucional diferenciadora de nacionalidades e rexións, coa excepción da singularidade expresada na disposición adicional primeira da Constitución para os territórios bascos e da mención das nacionalidades históricas na disposición transitória segunda.

O estabelecimento de alianzas ou perspectivas de traballo conxunto das forzas nacionalistas resulta unha necesidade para avanzar na superación do actual modelo e na plasmación de reformas e medidas encamiñadas ao recoñecimento polo Estado español dos nosos direitos nacionais.

No futuro deberán intensificar-se as actuacións que se deriven deste traballo conxunto, dirixindo a nosa acción política á globalidade da sociedade do Estado español, actuacións que, máis aló dos nosos partidos, tamén deben protagonizar quen coincidan coas formulacións xenéricas da Nova Cultura Política que propugnamos e de cuxa influéncia tampouco deben ficar excluídos os actuais partidos de ámbito estatal.

Unha Nova Cultura Política que deberá ter componentes pedagóxicos para difundir un novo modelo e unha nova concepción de Estado, unha nova atitude fronte á diversidade de culturas e línguas, unha plasmación desta diversidade nos símbolos e as institucións, unha adecuación do financiamento ás necesidades que temos de governar en función desta realidade plurinacional, un transpaso de competencias que faga políticamente efectivo o recoñecimento da plurinacionalidade do Estado e unha presenza no campo internacional en función do mesmo princípio de recoñecimento das nosas nacións.

Neste senso a tarefa dos partidos nacionalistas nesta fase debera estar encamiñada a que cada partido nacionalista deseñase o cuadro de autogovemo e poder que estime suficiente para respostar aos retos do novo cenário político, para, despois, apoiar-se mutuamente nas respeitivas demandas. Todos os partidos nacionalistas deberian encontrar no resto dos integrantes deste acordo posicións de apoio.

Explicitando algunhas actuacións comuns, a título indicativo, poderiamos sinalar as seguintes:

* A competencia plena e exclusiva na lexislación sobre os respeitivos idiomas e culturas.
* A análise do papel do Senado nun Estado plurinacional.
* O nomeamento polo Parlamento de Galiza, Catalunya e Euskadi das suas respeitivas representacións entre os maxistrados do Tribunal Constitucional do Estado.
* A ampliación das competencias xurídicas, dando-lle unha función axeitada aos Tribunais Superiores de Xustiza.
* O control efeitivo da seguranza pública non supracomunitária.
* A competencia plena na Administración Local, con capacidade de estruturar todos os ámbitos da mesma, incluída a modificación dos ámbitos provinciais e das Deputacións.
* O estabelecimento dun sistema de financiamento que asegure a autonomia e a suficiencia financeiras.
* A competencia exclusiva nos recursos naturais próprios.
* O recoñecimento da presenza internacional como nacións con efeitos institucionais nas cuestións referentes á identidade e aos intereses vitais.

O noso papel no Estado español ten que ficar centrado en grande medida en facer posíbel que se consigan as condicións necesárias de modernidade e progreso que permitan garantir a existencia de condicións mínimas sobre as que se podan apoiar as nosas aspiracións como povos. Garantir o sistema democrático, garantir o progreso económico sobre o que se poda asentar unha coesión social e modernizar as estruturasdo Estado, adaptando-as ao seu carácter plurinacional e ao novo marco da Unión Europea, alen da simples unión económica.

1.4.- Estratéxia do Estado con relación aos partidos nacionalistas

A estratéxia tradicional do Estado español en relación aos nacionalismos supuxo unha incapacidade histórica para achar unha solución á realidade que presenta a existencia dunhas nacións diversas no seo do devandito Estado.

A Constitución de 1978 supón un intento de defrontar dita realidade, pero a criación do actual estado autonómico baseado no deseño de múltiplas autonomias e o seu desenvolvimento en base ao " café para todos" deixou en evidéncia a dificuldade que existe de abordar o problema de fundo que é o da realidade plurinacional do Estado español.

Pese a iso, a nova orde política nacida apartir de 1975, permitiu que as forzas nacionalistas tiveran unha ampla marxe de actuación que reforzou o seu peso através dunha acción política libre e dunha acción de governo ali onde o exercen.

Do mesmo xeito, o seu papel decisivo na governabilidade do Estado permitiu que os nacionalismos se convertesen nun elemento habitual e referente inevitábel no espectro político español, circunstáncia que ten consecuencias mediáticas que introduciron a componente nacionalista como un elemento máis na cultura política do Estado incluso nos seus níveis máis populares.

Pese a todos estes feitos, a dificuldade conceptual de aceitación dun estado autenticamente plurinacional por parte das forzas centralistas e o seu apego a unha idea do Estado español como un estado-nación uniformista, hoxe obsoleta, supuxo unha acción política e mediática centrada no rearmo ideolóxico, na defensa de posicións unitaristas e en ataques ao nacionalismo cada vez máis explícitos.

As dificuldades para un avance na reestruturación plurinacional de dito estado obedecen a un pacto de fundo das forzas centralistas que intentan acurtar cada vez máis as marxes de actuación e manobra, sacralizando o actual marco constitucional e estatutário como intocábeis.

A utilización eleitoral do antinacionalismo e un fenómeno no que o PP e o PSOE rivalizan nunha retórica que cria un clima ideolóxico no Estado hostil á aceitación do carácter plurinacional plurilingue e pluricultural do mesmo e á xustiza das nosas reivindicacións nacionais.

Neste senso a estratéxia que seguen as forzas políticas estatais verbo do nacionalismo articula-se sobre as seguintes liñas de actuación:

* Diluir o nacionalismo e os seus componentes políticos diferenciadores na aposta pola xeneralización artificial do sistema autonómico. As pretensións nacionalistas pasan a ver-se nese contexto como extravagáncias ou priviléxios.
* Retroceso/bloque estatutário, como forma de limitación do autogoverno e criando á vez a imaxe de "insaciabilidade" do nacionalismo.
* Deslexitimación social do nacionalismo no conxunto español (violéncia en Euskadi, presión económica catalana, etc.).
* Construción dun entramado institucional (ordenamento xurídico básico, Senado, Tribunal constitucional, etc.) no que recoñecendo determinados comportamentos políticos autónomos, especialidades culturais e algunhas singularidades específicas, resulta indubitado o marco xurídico e político globalmente unitário español.
* A orientación dada á construción de grandes infraestruturas, de globalización de meios de comunicación, de concentracións de estruturas económicas obedecen, na medida en que é posíbel, a reforzar o carácter unitário do Estado español.
* Peche absoluto ao aceso de representación e participación directa na UE e no espectro internacional.

1.5.- Comportamentos políticos consecuentes

O novo panorama político que se abre en distintos terreos (globalización, crise do Estado- nación, diversidade, modificación das identificacións sociais, ...), pese ás resistencias de certos sectores, constitui unha realidade que nos atinxe a todos.

Abre-se paso unha nova cultura política da que os nacionalismo identitários como os que representamos, van ser suxeitos e protagonistas. Nova cultura política para o conxunto do Estado español, cuxa extensión e a condición imprescindíbel para a consecución dos obxectivos que propugnamos.

Unha nova cultura centrada nunha comprensión da realidade estatal, que require, entre outras cousas, un criterio de valoración das realidades sociais distinto do que difundiu secularmente o Estado uniformizador.

É por iso que, con independencia de diferentes realidades sociais e proxectos políticos últimos e alen das lexítimas relacións bilaterais que se produzan, os nosos partidos consideran necesário estabelecer unha acción conxunta política centrada no desenvolvimento dos devanditos princípios e obxectivos.

A promoción desta nova cultura política supoñerá accións políticas que concretaremos en sucesivos encontros, tais como:

* Criación dun marco estábel e permanente de relación entre as nosas forzas políticas. Aberto á participación no mesmo de todos os partidos políticos que compartan os princípios e obxectivos no ámbito deste documento.
* O impulso de relacións e da coordenación con outras forzas políticas capaces de impulsar esta nova cultura política.
* A promoción de elementos de estudo, análise e colaboración das ideas, conceitos, programas e actuacións sobre os que se sustenta unha acción política acorde coa vontade de promover unha visión do carácter plurinacional, plurilingue e pluricultural do Estado e a existéncia das nosas tres nacións.
* A difusión das presentes formulacións políticas ao conxunto da sociedade, afin de promové-los e dá-los a coñecer e de facer fronte de xeito conxunto ás atitudes hostis que atinxan á existéncia de cada nación e aos seus direitos básicos.
* O impulso das relacións entre asociacións culturais, linguísticas, pedagóxicas, deportivas, económicas, etc. como forma de comunicación, intercomunicación e colaboración.
* A presenza das nosas forzas políticas en cursos de formación, escolas de verán, debates, etc. que organicen cada unha no seu país. O intercámbio de experiéncias, información e alternativas nos distintos níveis de acción política (local, nacional, estatal, europea).
* A coordenación política no Congreso dos Deputados e no Senado co fin de manter un diálogo sobre as iniciativas e posición de cada unha das forzas políticas nacionalistas e a sua atitude en relación coa política do Governo en temas cruciais ou significativos para os nosos respeitivos proxectos de autogoverno, cos efeitos de condicionar a sua decisión.
* O impulso conxunto da reforma do entramado institucional  (Constitución, ordenamento xurídico básico, Senado, Tribunal constitucional,...) que non permite o pleno recoñecimento político das nosas respeitivas nacións.
* O traballo coordenado para conseguir unha participación directa e efeitiva nos foros europeus e internacionais.
 

2.- VISIÓN CONXUNTA ANTE A UNIÓN EUROPEA

2.1. A nosa concepción da Unión Europea

Compartimos unha concepción daUnión Europea que se apoia na seguinte análise e conviccións:

* Somos povos de antigas raizames europeas que contribuimos a sua história ao longo dos séculos.
* Somos povos con vontade de seguirmos contribuindo a dita história. Non é unha opción para nós, pois responde a un despregue da nosa personalidade.
* Desexamos que esta construción se faga en pé de igualdade entre os povos e, portanto, integrando a realidade das actuais nación sen estado.

A nosa aportación como povo a este proceso exixe-nos o afortalecimento das características de identificación nacional no novo contexto de transformación do conceito de soberania. Esta identificación interna nos novos cenários baseará-se, probabelmente, en factores que conformen unha forma colectiva de ser englobando entre estes a história, a língua, a cultura, a forma de traballar e relacionar-se e outros quizá máis difusos, pero que aglutinan e dan identidade política a unha sociedade.

A Unión Europea é unha realidade ineludíbel para os nosos povos, polo que desde as nosas institución nacionais estamos obrigados a estar presentes nas institucións europeas representativas e a utilizar todas as vias, ben directas, ben hoxe através do Estado español, que permitan defender as aspiracións e intereses dos povos catalán, galego e basco, tanto no campo político como no económico, linguístico e cultural.

Unha Unión Europea que procura a integración, debe evitar o uniformismo e a imposición, buscando e garantindo a libre adesión das realidades nacionais e dos povos de Europa, incorporando ao núcleo da construcción da Unión Europea a aplicación do Direito de autodeterminación de todos os povos europeos.

Apostamos por:

* Unha Unión que sexa fiel adail das políticas que preserven a democrácia como sistema político, a economia sostíbel como formulación de futuro, a sociedade do benestar como elemento de xustiza social e a subsidariedade como instrumento de aproximación ás demandas reais da cidadania no seu conxunto.
* Unha democrácia no ámbito europeu que reforce a capacidade de control e impulso do Parlamento europeu en relación coa Comisión e o Consello, con capacidade lexislativa en todas as matérias, respeitando as competéncias dos Parlamentos nacionais incrementando asi a transparéncia na toma de decisións e corrixindo o défice democrático existente nas institucións da Unión Europea.
* Un espazo europeu que, nun cenário de globalización, sexa un referente para o desenvolvimento de politicas económicas e sociais de redistribución máis xustas e defensoras das conquistas sociais e do Estado do benestar que desenvolva unha política expresa e firme contra do desemprego que en toda Europa abarca a 18 millóns de persoas, o 11% da povoación activa e traballe a favor da implantación de estruturas mundiais que incorporen á economia global componentes de carácter social, meioambiental e defensa das liberdades.
* Unha Unión Europea que debe desenvolver unha defensa activa dos direitos humanos e de igualdade entre os povos, loitar contra toda discriminación racial, étnica ou social, favorecer a integración dos imigrantes e o direito ao asilo, defender unha acción destinada a conquistar e exercer os direitos das mulleres impulsando na prática as políticas igualitárias e promover unha política destinada a resolver os problemas específicos da mocidade, especialmente o desemprego.
* Unha Europa que faga das políticas de cooperación ao desenvolvimento, baseadas nunha relación de xustiza e solidariedade, cara aos países do Terceiro Mundo, un dos eixos principais das suas políticas.

Neste senso, é fundamental a nosa presión e traballo conxunto para facer avanzar á Unión Europea, como proxecto político cos eixos anteriormente definidos, máis alá da simples Unión económica.

2.2. A nosa posición ante a Unión Europea

A Unión Europea constitui para Galiza, Catalunya e Euskadi o novo espazo próximo de relación e o entorno dentro do cal as nosas nacións desenvolven o seu autogoverno. A construción da Unión Europea afecta nun dobre senso a povos como os nosos que carecen de estado próprio.

Por unha banda, a toma de decisións no espazo europeu supón a asunción de competéncias próprias do noso governo polas institucións comuns europeas, sen que se produza directamente a contrapartida da participación directa das nosas nacións neste espazo comun de decisión co que iso supón de mutación e merma das competencias próprias dos nosos povos en prexuízo do autogoverno e en benefício da participación estatal no funcionamento da Unión Europea.

Pero, por outra banda, na medida en que se produce un novo modelo de integración que supón a apertura de fronteiras, a cesión de competencias a institucións supraestatais e, en certa medida, ao debilitamento dos atributos clásicos do Estado-nación, abre-se un novo marco de referencia política de consecuéncias ainda incertas, e, en todo caso, non predeterminadas que, con independencia da actual forma de integración no Estado español, require unha acción supraestatal específica das nosas nacións que permita a participación directa dos nosos povos no novo espazo político.

Neste contexto a nosa vontade consiste en transladar os efeitos derivados do recoñecimento como nación e da ampliación de poder político que os nosos povos reclaman, á escena europea e internacional, o cal constitui o noso grande obxectivo político comun.

Esta actuación deberá aplicar, a este nível, os princípios que inspiran as formulacións da nova cultura política que orienta a nosa acción na actualidade. Iso significa que tamén no terreo internacional teremos que mover-nos máis alá dos ámbitos estritos das institucións politicas e transmitir estas formulacións a distintos sectores da sociedade civil como paso prévio para obtermos o apoio social para conseguir os obxectivos devanditos.

2.3. Estratéxia ante a sociedade europea

Desde un ponto de vista interno, dentro das nosas próprias sociedades, debemos ampliar o debate sobre as grandes cuestións de política internacional e especialmente daquelas que nos afectan de forma máis directa. Iso permite-nos participar dunha forma activa e crítica nos procesos de criación de estados de opinión e na toma de decisións sobre cuestións internacionais.

É importante a nosa aportación sobre temas como a ampliación da Unión Europea cara ao Este, as migracións, a defensa do modelo de Estado e sociedade de benestar, os direitos democráticos e sociais en Europa, a solidariedade e a cooperación cos países excluídos no Terceiro Mundo, a política de seguranza en Europa, o comércio internacional, os aspectos sociais e meioambientais no comércio internacional, os conflitos bélicos e políticos no mundo ou a defensa do meio ambiente a escala planetária.

Este grande debate ten que ter efeitos de implicación no ámbito interno das nosas sociedades, pero tamén un efeito de participación e de difusión exterior en función da capacidade que teñamos de facer que o noso tecido social sexa capaz de participar como tal nos organismos homónimos do tecido social doutros lugares.

É neste senso que debemos impulsar o recoñecimento directo e a presenza internacional de asociacións e colectivos das nosas nacións no seo de federacións e entidades internacionais, asi como a asentamento nos nosos países das sedes europeas e internacionais de asociacións profisionais, federacións, entidades e organismos transnacionais públicos e privados.

Temos que afortar a proxección cultural das nosas nacións desde a perspectiva internacional. O mesmo ocorre no que se refire ao ámbito económico. Neste senso debemos aproveitar a presenza da sociedade civil, persoas e entidades das nosas respeitivas comunidades e moi vinculadas a elas que residen en diversos países e que poden facilitar o estabelecimento dunha rede de proxección.

Esta actuación exterior articulada pode permitir unha defensa dos intereses políticos, sociais, económicos e culturais das nosas nacións, no contexto europeu e internacional, complementária do labor institucional. Trata-se en definitiva de buscar formulacións que permitan defender a nosa identidade e as nosas realidades socioeconómicas, culturais e políticas en Europa e no mundo.

Se en Catalunya, Euskadi e Galiza somos capaces de organizarmo-nos para que na Unión Europea e no ámbito internacional se identifiquen con claridade os intereses cataláns, galegos e bascos e a nosa forma de facer-nos dunha lexitimidade política como "lobby", podemos lograr a nível da Unión e do mundo o recoñecimento plurinacional e singularizado que pretendemos.

2.4. Estratéxia ante os organismos políticos europeos

Na medida na que o ámbito europeu é o noso espazo politico próximo de relación e que o mesmo afecta ao noso autogoverno, debemos desenvolver conxuntamente unha estratéxia ante os organismos políticos europeus dirixida ao recoñecimento das nacións catalana, galega e basca na diversidade e pluralidade que compón este novo espazo e, en particular, a estar presentes nas decisións que afectan ás nosas competéncias de autogoverno nacional e aos nosos intereses específicos.

O noso conceito da nova cultura política persegue unha rexeneración da forma de conceber a prática política, aprofundando sincera e eficazmente naqueles mecanismos que garantan a real aplicación dun sistema democrático, favorecedor da participación e corresponsabilidade da cidadania cara ao exercício real do conxunto de direitos e deberes sociais. Estes conceitos desexamos estendé-los ás institucións europeas coa finalidade de favorecer a sua proximidade á cidadania. A participación dos nosos povos nas institucións europeas, como realidades próximas coas que se identifica a cidadania, axudaria, sen dúbida algunha, a conseguir esa cercania, participación política e corresponsabilidade.

Para iso, o estabelecimento de canles de relación directa das institucións nacionais catalanas, bascas e galegas coas institucións europeas é totalmente necesário.

Os elementos básicos desta participación deberian contemplar entre outros:

* Garantia de participación das autoridades das respeitivas nacionalidades nos órgaos e nas institucións da Unión nas que existan delegacións estatais cando traten cuestións relacionadas coas competéncias estatutárias.
* Aprofundar na aplicación do princípio de subsidiariedade por parte das institucións comunitárias, no senso de que as decisións se toman o máis perto posíbel da cidadania e no respeito á estrutura político-administrativa dos Estados membros.
* Adaptación da normativa comunitária,de forma que, ao referir-se a execución estatal da mesma, faga expresa referéncia ao nível da nacionalidade respeitiva, cando este nível sexa competente para a execución conforme ao ordenamento xurídico interno de cada Estado.
* Aplicación e xestión das políticas comunitárias no plano administrativo máis descentralizado posíbel, tendo en conta as competéncias dos poderes subestatais e a organización político-administrativa dos Estados membros.
* Lexitimación do direito de acción ante o Tribunal de Xustiza, cando as nosas competéncias se vexan afectadas polas medidas tomadas pola Unión Europea, incluindo o direito de acudir ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea para recorrer actos das institucións da Unión ou dos Estados membros que atenten contra os intereses cataláns, bascos e galegos en violación do ordenamento xurídico comunitário, e de dirixir a defensa dos seus actos ou accións cando estes sexan cuestionados nas institucións europeas.
* Estabelecimento de circunscricións nacionais para as eleicións europeas. Neste senso, e na medida na que as próprias institucións europeas deberán desenvolver nun futuro próximo unha lei eleitoral uniforme, abre-se un campo de traballo nas institucións europeas.
* Estreitamento de relacións entre os nosos parlamentos nacionais e o Parlamento europeu mediante a participación das Cámaras catalana, galega e basca nos mecanismos de encontro entre a Eurocámara e os parlamentos estatais.
* Estabelecimento de canles xurídicas que permitan desenvolver mecanismos de cooperación transfronteiriza, mesmo con criación de acordos permanentes e institucionais en todas aquelas matérias competenciais do ámbito de actuación dos autogovernos catalán, galego ou basco.
* Recoñecimento da oficialidade linguística en Europa do catalán, o euskera e o galego, tendo ademais en conta que este último e o portugués forman parte do mesmo sistema linguístico e, polo tanto, poderia ser usado xa en calquer instáncia europea. A cultura expresada nestas línguas debe gozar das mesmas facilidades de produción, expansión, difusión e publicidade de que gozan as culturas asociadas ás línguas oficiais dos estados.
* Arbitraxe de canles de participación das nosas nacións nas negociación dos tratados internacionais que afecten as suas competéncias.
* Presenza das nacionalidades na delegación do Estado español que participe na próxima Conferéncia intergovernamental para a reforma institucional europea.
* Estabelecimento dun sistema de información que permita a Galiza, Catalunya e Euskadi o coñecimento exaustivo dos proxectos e dos debates no seo da Unión Europea que afecten aos seus intereses
* Estabelecimento de mecanismos de consulta prévios ás nacionalidades do Estado en relación coas reunións do Consello Europeu cando se traten matérias que afecten ao seu ámbito competencial.
* Participación directa en todos os comités da Comisión Europea cando se traten asuntos que sexan competéncia das nacionalidades.
* Apresentación, decisión, xestión e control a nível de nacionalidades dos planos, programas e instrumentos de financiamento estrutural comunitária.
* Recepción directa dos governos autónomos dos fundos comunitários que se desenvolvan no ámbito das suas competéncias próprias.

Finalmente, entendemos que a presenza das formulacións nacionalistas que representamos dentro do mundo político europeu non debe quedar cinxida ao campo das institucións públicas e dos comités que delas dependen. Os nosos partidos deben promover a criación de plataformas periódicas, e de organismos permanentes que congreguen e aglutinen o debate e as formulacións políticas do nacionalismo de afirmación, do nacionalismo que fai realidade o princípio de subsidiariedade e que permitan aproximar o poder da Unión Europea aos povos que se configuran como nacións, mesmo cando non teñan estado .