O desencantamento que fixo Dama Xelda
("Guía da Galiza Máxica" - Vitor Vaqueiro)

    Unha lenda, que xunta as tradicións da zona de San Andrés de Teixido referidas a cousas encantadas no camiño ao santuario co tema clásico de galegos cativos polos musulmáns, é a seguinte:

    Un mozo do país cae prisioneiro dos saracenos e fica encelado en Córdoba. Alí, unha xove árabe, de nome Zulema, namórase del e axúdao a fuxir. Ela foxe con el e os dous namorados van vivir a Pontedeume. Nesta cidade mora unha meiga de grande poder, Aldonza Cambas, que, levada polos ciúmes que xera a beleza de Zulema, víraa en silveira, póndoa no camiño que vai para o santuario de Santo André de Teixido. A xente que prende a súa roupa na silveira, se non ten amuletos no mesmo instante contra o feitizo, fica á súa vez enfeitizada e muda en animal ou pedra.
        Certo día vai ao santuario cumprir a peregrinaxe unha moza, Saura Rosa, filla dun conde, e unha sabia, chamada Dama Xelda. No camiño, a saia de Saura Rosa fica prendida dunha silveira e a moza sinte que non pode andar. Dama Xelda, que entende que se trata dun feitizo, tracexa un círculo no medio do camiño e invoca a presenza de Aldonza Cambas, a quen obriga a desenfeitizar os seres encantados. Perante a negativa de Aldonza Cambas, Dama Xelda provoca un trebón de vento e tronos estarrecentes, ao tempo que a terra comeza a tremer. Apavorada, Aldonza Cambas executa o desencantamento. Zulema e moitas outras mulleres recuperan o seu aspecto humano, ao tempo que  Aldonza Cambas falece, arrebatada por unha enxurrada incríbel que se forma súpetamente. (L. Carré Alvarellos, "Lendas tradicionais Galegas") . As mozas desenfeitizadas diríxense ao santuario de Teixido, onde o santo lles di que han ir tomar as nove ondas antes de que amañeza, levando con elas nove follas de oliveira ( fórmula absolutamente idéntica á que se emprega no baño das nove ondas na praia da Lanzada, en Noalla, Sanxenxo e que recolle unha cantiga popular ) . Así o fan as tres mulleres que , despois , cumpren a súa romaxe a santo André de Teixido (Manuel Murguía. "Dama Gelda", no boletín da Real Academia Galega).
    Da lenda dános conta o seguinte romance:

Camiño de San Andrés
nas ponlas dunha silveira
en onde estaba encantada
a hermosa moura Zulema.
Encantouna cando estaba
collendo nas azucenas
no xardín do seu pazo
Aldonza Cambas a meiga.
Camiño de San Ansrés
deixouna nunha silveira
para encantar os romeiros
que ían por aquela terra.
Tamén vai á romaría
Saura Rosa Berenguela,
filla do conde de Alarcos,
señora de gran nobreza,
que leva na súa compaña
a dama María Xelda,
muller que nunca houbo outra
tan sabida como ela.
Camiñaban pola estrada
e chegaron á silveira:
ponse a berrar Saura Rosa
como se aturaran nela:
-Qué tendes, miña señora,
qué vos pasa, Berenguela?.
-Sucédeme que non podo
pasar por esta silveira.
-É cousa de encantamento,
respondeu a dama Xelda.
Despois no medio da estrada
fixo unha roda pequena;
mandoulle coller á Sara
unha ponla de silveira:
Preséntate Aldonza Camba
ven, desencanta a Zulema.
Cando falou desta sorte
a dama Xelda María
co aquel seu mirar celobre
e aquela triste sorrisa
parece anxo da vinganza
que a inocencia defendía;
falou cunha voz de trono
que respetos lle metía
e anque é meiga Aldonza Cambas
presto á cancela acudía.
-Qué queredes, dama Xelda
qué queredes vos, María?
-Quero e mando desencantes
a Saura Rosa e Zulema.
-Sodes moi altiva dama
sodes altiva e soberba,
inda ninguén me mandou
dende que vivo na terra.
Sabede, Xelda María
que a Aldonza Cambas é meiga,
pobres, ricos e fidalgos
todos lle baixan cabeza.
-Quen vos baixará cabeza
non será Xelda, señora,
nunca a baixou a ninguén,
non vai comezar agora,
e mándolle, Aldonza Cambas,
pois Deus mo ordenou así
que sesencante as doncelas
que encantadas ten aquí.
Ergueuse un trebón de vento
e tremeu a terra toda:
da silveira sae Zulema,
e tamen sae Saura Rosa.
A enxurrada levou logo
o corpo da meiga Aldonza,
mais a alma nos infernos
dando voltas está agora.
Fóronse dalí as meniñas
e fóronse á romaría;
cando chegaron alí
o santo así lles dicía:
-Ide tomar as nove ondas
antes de que saia o día
e levaredes convosco
as nove follas de oliva.
Alí, nun areal triste,
estaban as tres meniñas:
van tomar as nove ondas
antes de que saia o día,
brancas como as albas neves
que aló polo monte había.
Así que as teñen tomadas
volvéronse á romaría:
foise bautizar Zulema
así que chegado había:
púxeronlle alí de nome
Andresa Xelda María,
Andresa, por san Andrés
a quen fixo romaría;
Xelda, por aquela dama
a quen tanto lle debía;
e despois de bautizada
nun convento se metía,
e desque estivo de monxa
mil penitencias facía:
todos a tiñan por santa
cando deixou esta vida.
Tornáronse á súa casa
Sara e máis a dama Xelda
e foron contando a todos
o que lles acontecera.
Cando isto soubo o de Alarcos
casou co seu fillo á Xelda
pois con a sabencia súa
lle salvara a Berenguela.
Logo ao señor san Andrés
lle fan unha ermida nova,
e este milagre lle escriben
nunha das pedras da porta,
e así todos os romeiros
sabían tan gran historia.
Noso santo de Teixido
nos leve a gozar da gloria.


 
Cancioneiro de San Andrés de Teixido
Romances e Cantigas de Cego
 
 
Páxina Principal
Escribeme!...