As falas de Xálima e a súa relación coa lingua galega

As falas de Xálima e a súa relación coa lingua galega.

Notas sobre o “descubrimento” do “galego” de Cáceres

 

 

Francisco Fernández Rei

Instituto da Lingua Galega

da Universidade de Santiago de Compostela

 

 

1. INTRODUCCIÓN

 

Antes de dar lectura ó meu relatorio permítaseme que dea os meus parabéns ós organizadores e ós patrocinadores deste histórico Congreso sobre A Fala do val de Xálima, á Junta de Extremadura, á Unión Europea. Iniciativa Interreg II, a ADISGATA, á Universidad de Extremadura e dun xeito moi especial á Asociación Cultural Fala i Cultura, que desde a súa constitución en agosto de 1991 moito leva feito pola plena recuperación e normalización da lingua deste val da Serra de Gata.Asemade quero manifestar publicamente o meu agradecemento ós membros do Comité Científico por me invitaren a tratar da lingua duns lugares que ata hoxe coñecía, fundamentalmente, a través dos traballos de Leite e de Cintra e de varios dos relatores presentes neste Congreso, os colegas e bos amigos Carrasco, Costas, Gargallo e Maia.

 Eu nunca estivera nestes “tres lugaris” da Serra de Gata nin nada publicara ó respecto, fóra dunha curta recensión dos Sonetos valverdeiros de López Lajas (Fernández Rei 1998), editados por Costas. Xa que logo, non son investigador destas falas, pero si me considero un modesto divulgador da súa existencia, porque desde que as “descubrín” a comezos dos 90 a situación (socio)lingüística destes lugares de Estremadura tiveron sempre un apartado nas miñas clases de Lingüística Románica e de Sociolingüística Románica e nos cursos de doutoramento sobre tipoloxía e estardardoloxía románica que impartín na Universidade de Santiago de Compostela. Disto poden dar fe os 15 estudiantes da Universidade de Santiago aquí presentes invitados polos organizadores, que están a descubrir que realmente existe este “galego” de Estremadura.

En Galicia uso sempre a denominación “galego” de Cáceres –coa palabra galego entre comiñas ou entre aspas—, e non “portugués” de Cáceres porque da xa abundante bibliografía existente parece claro que estas falas, pertencentes sen dúbida ningunha ó tronco galaico-portugués, lingüisticamente teñen moito máis que ver coas falas galegas (e portuguesas septentrionais) que co portugués estándar (e falares portugueses veciños).

Ó non existir unha denominación unitaria para a lingua dos tres lugares, no título do meu relatorio preferín o emprego do nome Xálima (“As falas de Xálima”), sen saber que tamén o usaban os organizadores na portada do tríptico de solicitude de inscrición do Congreso, por ser Xálima termo propio do val, concretamente dos lugares de San Martín e das Ellas, tal como pode verse en Gargallo (1996a: 334):

 

                Xálima (pronunciado con [S]) es el nombre que lagarteiros y mañegos dan a la montaña más alta de la zona, en cuya ladera reposa San Martín (...). Y Xálima es, probablemente, la referencia orográfica más emblemática, en lo alto de la sierra, para las tres poblaciones. Si bien son los naturales de San Martín, los mañegos, los más próximos a Xálima, los más identificados con la mítica montaña, también la reconocen en Eljas y en Valverde. Pero en el habla de Valverde, bastante más castellanizada que las otras dos, se la nombra Jálama, como en castellano. La misma montaña que en el vecino Portugal llaman Xalma.

 

Xa que logo, empregarei un termo xeográfico “tradicional”, aínda sabendo que son os mañegos os que máis se identifican con ese monte Xálima, sobre todo pola tradición filolóxica da denominación de Xálima[1] e das súas variantes Xalma na lingüística portuguesa[2] e Jálama en lingüistas españois[3]).Por ser esta a miña primeira contribución ó estudio do “galego” de Cáceres non me atrevín a usar no título do relatorio algunha das denominacións totalmente innovadoras propostas por Costas nestes anos como son ribeira Trevellana, Val do Río Ellas e valego[4]. Espero que no debate deste relatorio se trate este tema, como denominar xenericamente o valverdeiro, o lagarteiro e o mañego.

 No meu relatorio vou falar primeiro de como en Galicia “descubrimos” estas falas “galegas” nos anos 90; logo centrareime nas particularidades lingüísticas do val, tanto nos trazos comúns ós actuais falares galegos e portugueses como os trazos propios destas falas, para o que me basearei, fundamentalmnete, nos modernos traballos de Azevedo Maia, Gargallo e Costas; e como remate tratarei de situar estas falas verbo do galego e do portugués modernos.

 

 

2. O “DESCUBRIMENTO INESPERADO” DO FALAR “ESSENCIALMENTE GALEGO” DA REXIÓN DE XÁLIMA

 

2.1.O meu “descubrimento” destas falas

 

Sendo estudiante da materia de Dialectoloxía Española, alá polo curso 1973-74, foi cando souben, estudiando o manual de Zamora Vicente, que nesta parte de Estremadura se falaba portugués, pois na introducción do longo capítulo sobre o leonés, ó trata-los lindeiros deste o ilustre académico dicía:

 

                En Salamanca, los límites coinciden en general con la frontera política, excepto el enclave de La Alamedilla (partido de Ciudad Rodrigo), que habla portugués. Análoga entrada se verifica en dos zonas de la provincia de Cáceres: en el ángulo noroeste, donde son portugueses Valverde del Fresno, Eljas y San Martín de Trevejo, y, nuevamente más al sur, en Cedillo y Herrera de Alcántara. Una nueva entrada hace el portugués en la comarca de Olivenza, en tierras de Badajoz[5]

 

E como nunca estivera nestes lugares nin na zona portuguesa veciña nin nunca oíra falar a ninguén da rexión de Xálima, durante moitos anos pensei que aquí se falaba unha variedade portuguesa, sen máis, con algunhas solucións próximas ó portugués setentrional (e ó galego), polo que vagamente lembraba da lectura da excelente monografía de Maia (1977).

Cando en 1991 no programa Sitio distinto de Antón Reixa houbo un monográfico sobre “falas raras”, un deses falantes “raros” era un home dunha zona de Estremadura, concretamente de Valverde del Fresno, na estrema con Portugal. Cando vin ese programa, moito me chamou a atención o falar dese estremeño, pois eu agardaba falar portugués se cadra“raro”, pero portugués; pero aquilo parecesíame, de entrada, máis ó galego que tiña escoitado nas Portelas de Zamora ca a unha variedade portuguesa. Non me chocaraa o emprego de formas como muto ou plurais en –is (zagais, sg. zagal), pero si a total ausencia de sibilantes sonoras e de vocais nasais. E aquilo non me cadraba coa lembranza que tiña da lectura do manual de Zamora Vicente de que alí se falaba portugués, a non ser que se tratara dun portugués “raro” demais. E sei de moita outra xente que quedou impresionada do falar “raro” daquel valverdeiro do programa de Reixa, pola moita similitude que tiña co galego moderno.

Xa practicamente esquecera aquel falar “raro” de Estremadura cando nunha das pausas das sesións do Atlas Linguistique Roman nos outeiros belgas próximos a Malmedy, en novembro de 1991, paseando co colega e bo amigo Enrique Gargallo, preguntoume se vira ese programa de Reixa e qué me parecía o que falaba o estremeño. Eu ignoraba que el andase a estudiar estes falares e creo que neses días por Bélxica non me dixo que estivese preparando ningún traballo sobre eles. Por iso a miña sorpresa foi ben grande cando a finais de xaneiro (ou comezos de febreiro) de 1992 recibín o texto mecanografiado dun relatorio de Gargallo (1992), sobre o hibridismo e a vitalidade “en las hablas fronterizas (con Portugal) del Valle del Jálama (provincia de Cáceres)”, texto lido nos primeiros días de xaneiro e 1992 no XX Romance Linguistics Seminar celebrado en Cambridge.

Comezaba falando o autor de que as tres falas dese val “de hecho muy similares, descansan sustancialmente en una base constitutiva de tipo gallego-portugués (boas noitis; ceu; chegar; fieitu), lo cual parece explicarse por el origen de los primitivos repobladores de la zona (acaso en parte, también, de extracción astur-leonesa occidental)”. E engadía Gargallo, que o secular proceso de castelanización á que foi sometido este recanto estremeño “a pesar de su aislamiento de Castilla-León y del resto de Extremadura hace pocos años, dificulta, a mi modo de ver, la consideración como dialecto portugués de dicho enclave lingüístico”.

O sintético e didáctico estudio lingüístico deste relatorio tiña como anexo varias redaccións feitas á man por estudiantes de EXB dos “lugaris” estudiados. Levei ese texto á clase de Lingüística Románica, lin as redaccións sen indicar de onde eran para que os meus estudiantes tratasen de localizalas no territorio galego, de lles pareceren galegos os textos que acababan de escoitar: non dubidou ningún en dicir que eran do galego oriental, algún dixo que se cadra eran da área do galego de Asturias; pero a maioría sinalaron que debían ser das Portelas de Zamora.

            Neses mesmos días en que eu realmente estaba a “descubrir”, gracias a Gargallo, que existía o “galego” da Estremadura española, ou para dicilo en palabras de Cintra (1959: 535), cando eu andaba a descubrir “o falar também essencialmente galego da região de Xalma” fun dar unha conferencia a Vigo para falar do Atlas Lingüístico Galego. No coloquio fixen algunha referencia ó relatorio de Gargallo de Cambridge e manifestei alí que esa zona de Estremadura me parecía, salvando as distancias, unha especie de Alguero galego, que de facer unha nova rede de puntos dun atlas lingüístico un debería corresponder a esa zona. O organizador do acto, o escritor Méndez Ferrín, comentou que Jesús Vicente Chamorro, fiscal do Tribunal Supremo, que era de Valverde do Fresno (precisamente de onde era o falante “raro” do programa Sitio distinto) usara a súa fala nalgún acto en Galicia, despois de disculparse por non saber galego; pero parece ser que os asistentes non tiñan problema para entender a fala “rara” dese valverdeiro.

O impacto que me producira o texto de Gargallo de 1992 levoume a ver e oír de novo aquel programa de Reixa e sobre todo a ler (nalgún caso reler) a bibiliografía dos lingüistas portugueses sobre as falas da região de Xalma (Leite 1927, 1933; Cintra 1959, 1974; Maia 1977), de lingüistas alemáns (Fink 1929) e españois (Viudas Camarasa 1982). E anos despois puiden oír falar directamente do tema a Gargallo en Miranda do Douro e en Cáceres (Gargallo 1994,1996a) e a Costas e a alumnos seus da Asociación “Alén do Val” en Cáceres (Costas 1996, López Moldes et alii 1996, Sóñora Abuín et alii 1996).

E remato xa estas notas sobre o meu “descubrimento”, agradecéndolle ó amigo Gargallo toda a información lingüística e a bibliografía que sobre o Val de Xálima me forneceu a comezos dos 90. Foi tamén el quen realmente me “descubriu” por eses mesmos anos que existía o aranés e o catalán de Aragón, dos que só coñecía algún trazo lingüístico. Moita da información da situación sociolingüística da variedade occitana do Val de Arán (uns 5.000 falantes, máis ou menos coma os de Xálima) e da variedade da Franja del ponent (máis de 40.000) que manexei veume a través del.

 

 

2.2. O impacto en Galicia dese “descubrimento”

 

            A finais de febreiro ou comezos de marzo de 1992, nunha sesión do Seminario de Lingua Galega de COU do que formaba parte Costas González, comentei a posible existencia dunha variedade de galego en Cáceres, sobre todo a partir do texto de Gargallo (1992). Mes e pico despois, á volta de Semana Santa, Costas apareceu en Santiago con varias horas de gravación daquel “galego” de Estremadura, que el mesmo veu gravar a estes “tres lugaris”, das que me regalou unha copia. Tamén me fixo o galano dunha manchea de follas por el escritas á man, con características lingüísticas destas falas, que ampliaban considerablemente a sintética caracterización de Gargallo (1992), á vez que matizaba algúns fenómenos da monografía de Maia (1977), follas que constituían o esbozo dun traballo que publicou a finais dese ano (Costas 1992b).

Pedinlle a Costas que escribise un artigo para a revista A Trabe de Ouro para dar a coñecer desde Galicia a situación sociolingüística desa zona de Cáceres, artigo que se publicou en setembro de 1992 (Costas 1992a) e que constitúe a primeira publicación en Galicia, e en galego, sobre a orixe e a vitalidade social do falar “essencialmente galego” de Cáceres. Desde aquela Costas converteuse en Galicia no infatigable difusor e no principal investigador e coñecedor do “galego” do Val do Río Ellas ou valego, termo que prefire ós tradicionais de Xálima e Xalma, como se ve en diversas publicacións súas destes anos (Costas 1992b, 1996, 1998, 1999).

 

2.2.1.O “descubrimento” en abril-maio de 1992

 

En abril de 1992 Costas é entrevistado na Radio Galega por Xusto López Carril e a primeiros de maio en diferentes medios escritos galegos recóllense declaracións tamén de Costas sobre a existencia do valverdeiro, do lagarteiro e do mañego e sobre o tremendo orgullo e grande autoestima da maioría deses 5.000 falantes cara á súa variedade lingüística, tan próxima ó galego moderno en moitos aspectos.

Cando a primeiros de maio de 1992 se presentaron os Premios da Crítica Galicia, a prensa escrita falou da existencia de estremeños que falan galego. Así, El Correo Gallego do mércores 6 de maio de 1992 (p. 35), na ampla información deses Premios, nun recadro baixo o titular “‘Benvida’ ás 5.000 persoas dun Val extremeño que falan galego” fálase do “descubrimento” de Costas. A información do Correo remataba deste xeito:

 

Os organizadores do certamen dan a “benvida” a estes”irmáns na lingua” descoñecidos ata hoxe, “para que o voso exemplo sirva para tanto ‘patufo desleigado’ de cómo uns descendentes de galegos manteñen a fala logo de tantos séculos de afastamento do país”.

 

Outro xornal, Diario 16 de Galicia, tamén do 6 de maio de 1992, na cabeceira da p. 44 tiña o seguinte titular: “Cinco mil persoas falan un dialecto galego en Extremadura. Presentada en Santiago a XV edición dos Premios da Crítica Galicia 1992”. Terminaba a información con estas palabras:

 

Mais a intervención que levantou máis interés foi a de Henrique Costas que ven de realizar unha viaxe de traballo por terras extremeñas, concretamente por tres concellos da provincia de Cáceres (Valverde do Fresno, As Ellas e San Martín de Trevello) nos que a maioría dos seus cinco mil veciños falan habitualmente unha variedade lingüística da familia do galego-portugués, moi directamente emparentada con algúns dialectos surorientais do galego.

Atá o de agora pensábase que dita lingua era unha variedade máis dos falares portugueses que se dan noutros concellos extremeños e salmantinos que pasaron a dominio español no século pasado tralo breve episodio da Guerra dos Laranxos entre España e Portugal.

 

Días despois o semanario A Nosa Terra, no nº 522, de 14 de maio de 1992 (p. 26), na crónica do fallo dos Premios da Crítica de 1992 terminaba referíndose á presencia dun representante dos falares da rexión de Xálima na Cea dos devanditos Premios:

 

Pero a maior novidade desta XV edición foi a preséncia dun representante de 5.000 veciños que viven nos concellos extremeños de Valverde do Fresno, As Ellas e San Martiño de Trevello que falan unha língua da família galego-portuguesa, emparentada directamente con alguns dialectos Sul-orientais galegos.

 

            O inesperado “descubrimento” da fala dos “tres lugaris” tamén se tratou en publicacións de difusión restrinxido, como no boletín ’17 de Maio’. Día das Letras Galegas de 1992, editado pola Asociación de Veciños ‘Os Tilos’, do concello coruñés de Teo estremeiro co de Santiago. Nese boletín Xosé María Lema publica o artigo “Valverde, As Ellas e Trevello: tres concellos de Estremadura que teñen unha variante do galego como lingua propia (Breve noticia dun descubrimento inesperado)” (pp. 7-11).

            O autor desta “breve noticia” empezaba referíndose ó mencionado programa de Reixa na TVG:

 

                Hai uns meses, na Televisión de Galicia, Antón Reixa entrevistaba no seu lembrado programa Sitio distinto a un home de mediana idade procedente de Valverde del Fresno, unha vila de Estremadura lindeira con terras portuguesass. Aquel estremeño de pura cepa, do que non acordo o nome, entendía perfectamente ó entrevistador e respondía ás preguntas deste nunha fala que se asemellaba moito á nosa. Calquera de nós aseguraría que aquel home de terras tan lonxanas e tan distintas ás nosas se estaba a expresar no noso mesmo idioma ¿Como era iso posible?

 

            Logo Lema daba interesante información (socio)lingüística dos falares de Xálima (“fugaces notas que agora se publican neste boletín case en verdadeira primicia, en espera de que moi axiña a prensa galega se faga eco”), notas fornecidas fundamentalmente por Costas González. As “fugaces notas”, que realmente contiñan algunhas das primicias de que Costas (1992a) informaría no artigo de setembro de A Trabe de Ouro, remataban cunha referencia á presencia de xente de Xálima na Cea dos Premios da Crítica celebrada en Vigo:

 

                Unha representación destes tres concellos estremeños acudiu o sábado 9 de maio á Cea das Letras en Vigo. Un deles pronunciou unhas palabras de afecto no seu idioma nativo e recibiu o aplauso unánime dos asistentes como premio exemplar á defensa da súa identidade cultural e lingüística. O exemplo que nos dan ben o merece.

           

2.2.2. O ronsel do “descubrimento”

 

            Desde maio de 1992 ata maio de 1999 os diferentes medios seguiron informando do “descubrimento” do “galego” de Cáceres, á vez que se impartiron conferencias en diferentes ámbitos sobre a situación sociolingüística da rexión de Xalma. E case sempre, dun xeito ou doutro, o infatigable Costas andaba polo medio. Sen ánimo de exhaustividade, sirvan como mostra do ronsel deste “descubrimento” os seguintes feitos:

- O xornal El Correo Gallego do mércores 4 de agosto de 1993 publicou unha reportaxe que ocupaba toda a p. 35, co título“Val de Xâlima: un ‘sangrilash’ en Cáceres para a lingua galega. Unhas nove mil persoas falan un dialecto do galego-portugués”, aclarando que no Val de Xâlima hai 5.000 falantes e o resto na emigración. Entre outra información dábanse os resultados dun inquérito sociolingüístico baixo o titular “Todos queren que a ‘fala’ estea na escola”.

- En 1993 creouse na Escola de Maxisterio de Pontevedra, promovida por Costas, a “Asociación Alén do Val de Investigación Lingüística e Cultural”, que editou para o ano 1994 o Primeiro calendario no galego do Val do Ellas (Extremadura) e que realizou diversas investigacións, algunhas delas presentadas no I Congreso Internacional Luso-Español de Lingua y Cultura en la Frontera /I Congreso Internacional Luso-Espanhol de Língua e Cultura na Fronteira (Cáceres, 1/ 3 decembro 1994)[6].

- Con motivo do IV Congresso da AGAL (Vigo 28.10/1.11 1993), Gargallo, que xa tiña descubertas as falas de Xálima cando moitos galegos empezamos co “descubrimento” veu a Galicia para falar do valverdeiro, do lagarteiro e do mañego (Gargallo 1996b).

- Nas Xornadas sobre a normalización das outras linguas hispánicas (9 /17 marzo 1994), celebradas na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago Costas impartiu unha conferencia sobrea situación sociolingüística do Val do río Ellas. E nalgunha outra ocasión desprazouse a Compostela para volver a falar do tema.

            O martes 26 de abril de 1994 a escritora María Xosé Queizán publicaba no xornal Faro de Vigo o artigo “A Fala de Xálima”, que empezaba cunha fermosa descrición dese verde val[7]:

 

No extremo noreste da provincia de Cáceres encontramos un agachado val, protexido por altas montañas de Castela asi como do territorio extremeño. Desde a estética paisaxística galega, é a rexión máis bonita de Extremadura. Parece que reencontramos a nosa terra nese canto milagrosamente verde (cando se chega da estepa abulense), con amable vexetación, arboredass, ríos, clima suave e cultivos mediterráneos.

 

            Referíase logo á fala de Xálima, para rematar referíndose á importancia da fala como signo identitario e á reclamación de medidas polos seus propios falantes para a protección e normalización desa variedade lingüística:

 

                Por iso, conscientes de que a sociedade actual amenaza a conservación da lingua

e de que hai unha tendencia á disminución do seu uso (entre os veciños de máis de 40 anos e os menores de 20, o uso descendeu 6.25%), reclaman por unanimidade medidas para protexela, que se institucionalice na vida local e no ensino escolar e se leve a cabo un programa de normalización lingüística e gramatical.

                Sen dúbida é unha boa lección para tanta xente de nós, despreocupada pola nosa lingua, o interese que mostran pola conservación dese primitivo galego que non conta con textos escritos. Teñen só literatura oral, contos populares, poesías , coplas e refráns. E, desde aquí deberíamos axudar nesa conservación.

 

- O domingo 13 de marzo de 1994, en hora nocturna de máxima audiencia, o programa Informes TVG da Televisión de Galicia estaba todo el dedicado á fala de Xálima. O xornal La Voz de Galicia dese mesmo día (p. 77) resaltaba na sección “Guieiro da TVG” esa emisión, co titular: “Informes TVG: en Extremadura también se habla gallego”. Entre outra información, A. C. P. dicía o seguinte:

 

                Informes TVG (...) centra hoy su tiempo de emisión en un pequeño valle al norte de Cáceres, en el que viven unos 5.000 habitantes que mantienen viva una lengua arcaica muy semejante al gallego medieval. Los lingüistas atribuyen la existencia de la misma a la repoblación de estos territorios conquistados a los moros allá por los siglos XII y XIII. La mayoría de los colonos procedían de Galicia, y a lo largo de 700 años mantuvieron esta variedad idiomática.

 

En 1997 nun libro de 1º de Bacharelato de Lengua castellana y literatura, de editorial e autores non galegos, na unidade 4 “Las lenguas de España y sus variedades dialectales. El bilingüismo” (pp- 48-61), no apartado do galego (pp. 58-9) hai un mapa do territorio lingüístico ó que se engade o “alguero” de Cáceres e unha brevísima información sobre estas falas. O mapa vai precedido do seguinte texto:

 

Se habla gallego en las cuatro provincias gallegas, la franja occidental de Asturias, la región leonesa del Bierzo, la comarca de Sanabria al noroeste de Zamora y en los ayuntamientos de Valverde do fresno, As Ellas y San Martiño de Trevello al noroeste de Cáceres.

 

            E no apartado “Dialectos del gallego” fálase dos tres bloques existentes (occidental, central y oriental), ó que se engade o seguinte:

 

                Por otra parte, el habla de los ayuntamientos extremeños de Valverde do fresno, As ella y San Martiño de Trevello emplean formas como cancións y verán y se individualizan por registrar el diptongo ei en lugar del gallego eu: ei, mei, sei, bebei, por eu “yo”; meu “mío”, seu “suyo”, bebeu “bebió”, etc...[8]

 

E a proba de que non decaeu o interese sobre o tema en Galicia é a recente publicación en La Voz de Galicia dunha ampla reportaxe no suplemento de Los domingos de la Voz, baixo o titular “El gallego extremeño. Xálima, el valle orgulloso” (4.4.99, pp. 1-4), acompañado con fotos diversas onde se ve o uso do “galego” no rotulado de rúas, algunha praza e establecemento comercial. O autor do texto e fotos, J. R. Alonso de la Torre, é un profesor estremeño afincado en Galicia.

A ampla reportaxe ten debaixo do titular este encabezamento:

 

¿Qué país es éste donde las gentes tienen la tez, el pelo y los ojos más claros que aceitunados; donde las familias se apellidan Estévez, Gundín, Frades o Fandiño; donde los bosques de carballos descienden mansos e imponentes por las laderas, los niños comen bican y dicen herba, horta y merda y los mayores van al bar ‘A Tasca’, viven en la Plaza da Constitución y parecen más retorcidos y desconfiados que sus vecinos de los pueblos cercanos?

 

            O semanario A Nosa Terra no nº 883 de 20 de maio de 1999, na p. 26 comezaba con estas palabras a información sobre a celebración do Congreso de ‘A Fala’.

 

                Os días 20 e 21 de Maio celébrase o congreso sobre A Fala nos concellos do Noroeste extremeño Valverdi du Fresnu, As Ellas e San Martin de Trevellu, no val de Xálima. A Fala é unha modalidade lingüística do bloque galaico-portugués que apresenta un grande paralelismo co galego actual pero con influéncia do extremeño e do asturiano. A sua conservación con conta non nengun apoio institucional, de ai a importáncia que os organizadores dan a este congreso, que inauguran os alcaldes da zona.                                          

 

 

3.      TRAZOS GALEGOS DAS FALAS DE XÁLIMA[9]

 

3.1.Trazos comúns á xeneralidade das falas galegas

 

Entre os trazos lingüísticos caracterizadores da rexión de Xálima uns son comúns á xeneralidade dos actuais falares galegos e portugueses, como a ausencia de ditongo en formas como porta, nosa, boa, ovu e queru, herba; castelu, mocela[10]; a presencia de ditongos decrecentes oi, ei en palabras como noiti, oito, dereitu, maeira “madeira” e noutras como oitru “outro”, poicu “pouco” [11] e ei “eu”, mei “meu”; o mantemento de F- latino (fariña, fornu, fome), sen que se rexistre a aspiración propia das falas salmantinas e cacereñas próximas; a perda de –L- e de –N- (ceu, moíñu/muñu “muíño”; coellu, ceal “cear”) e a reducción das xeminadas –LL- e –NN- (aquela, martelu; anu, cabana); resultado [´] dos grupos –LJ-, -K’L- e –G’L- (allo, abella, tella)[12]; e artigo o(s), a(s).

            Outros fenómenos propios dos falares de Xálima son caracterizadores das falas galegas e do portugués setentrional, particularmente trasmontanos, fronte ó portugués estándar (e as falas centro-meridionais). Entre estes fenómenos está a inexistencia da oposición fonolóxica entre a bilabial /b/ e a labiodental /v/ (chavi, bo viñu, con betacismo nos dous casos); mantemento da africada prepalatal [tS] en formas como chocallu, chover, sen a desafricación característica do portugués padrón (e centro-meridional); terminación –eu, -eea en formas como cheu, centeu e avea, vea no canto de cheio, centeio e aveia, veia dos falares portugueses veciños[13]; terminación –o [u] na P3 dos perfectos fortes (disso/dixo; feio/fido/ fizo “fixo”; pujo/puso “puxo”; quijo/quisso “quixo”)[14]; radical fag- de formas verbais como fago faga, fagas[15]; a forma impersoal hai de haber[16]; e radical viñ- no tema de perfecto de vir (viñe, viñestes, viño... viñera...)[17].

            Ademais existen fenómenos da rexión de Xálima que son propios do galego fronte ó portugués, incluídos os falares setentrionais. É o caso da ausencia de fonemas vocálicos nasais e a existencia do fonema nasal velar nas formas do artigo indeterminado unha e compostos algunha, ningunh (e variante niñunha), así como en unhus, que convive con uns en Valverde e con us nas Ellas e San Martín[18]; do alomorfo lo(s), la(s) en sintagmas como agarra-lo cabalo, propio da maioría dos falares galegos[19] e das contraccións ó, ós resultantes do encontro da preposición a e o artigo, xerais en galego[20].

           

3.2. Xálima, “maqueta” do galego dialectal

 

Segundo Costas (1992b: 86), as falas desta rexión de Cáceres constitúen unha maqueta da dialectoloxía galega:

 

Diciamos que estas falas supoñen –na nosa opinión- unha maqueta de moitos fenómenos fonéticos, morfolóxicos e léxicos que se dan a maior ou menor escala por todo o noso territorio lingüístico, e, máis concretamente, as semellanzas e paralelismos son ben evidentes coas falas bercianas, zamoranas e do leste de Ourense”.

 

 Paréceme ben atinada esta idea de estarmos diante dunha maqueta do mapa dialectal galego, como pode comprobarse cos seguintes fenómenos.

 

3.2.1. Fonética

 

No que respecta ás sibilantes, en Valverde hai un sistema semellante ó dos falares galegos non seseantes, que é o maioritario no galego oral: /S/ deixal, xugu (e nalgúns casos /S/ > /x/ jovis “xoves”, ajudal “axudar”), /s/ sete, casa e /T/ doci, quinci.

 Nas Ellas e en San Martín hai un sistema arcaico de sibilantes que lembra, en certo modo, o de falares galegos da Limia Baixa ourensá e o de Hermisende nas Portelas de Zamora. Así, consérvase a distinción entre as palatais fricativas sonora [Z] de genti, jovis, ajual “axudar”, jinja “guindilla” e a xorda [S] de axín “pemento”, caixa, oposición característica do portugués moderno fronte ó galego; e tamén se conservan distincións medievais entre xordas e sonoras dento-alveolares, como ocorre entre [s] de seti, passal e [z] de casa, coisa ou entre [T] de ceu, forza e [d] / [D] de quindi, naridis (sg. narí)[21].

A interdental [T] desaparece sempre en posición implosiva final nos tres lugares: de, ve, cru, capá, formas de singular correspondentes a decis, vecis, crucis, capacis en Valverde e a dedis, vedis, crudis, capadis nas Ellas e en San Martín (Costas 1992b: 96). O fenómeno xa fora salientado por Maia (200-1) ó referirse conxuntamente á perda de –s (ou –z) final de palabra, que “por vezes, desaparece por completo, mesmo em casos em que –s funciona como morfema de plural. Exemplos: “dez” (Elj., S. Mart.), ôa bê ‘uma vez’ (Elj., S. Mart., Valv. del F.), ôa bô ‘uma voz’ (Elj.), tu cai ‘cais’ (2ª pes. do pres. do indicativo de cair) (Valv. del F.)”[22]. Maia considera que a presencia deste fenómeno lingüístico se explica “certamente, por influência dos vizinhos falares espanhóis da Extremadura, onde é um facto corrente”. Posiblemente conviña xebra-los casos (esporádicos) de aspiración e perda de –s, fenómeno sen dúbida estremeño e andaluz, da constante perda da interdental. No galego zamorano de Porto e en puntos espallados de Ourense rexístranse formas sen –z [T](vo, no, cru[23], capá, rapá).

 Hai solucións de Xálima que son características do galego oriental, particularmente de puntos do Bierzo e das Portelas de Zamora, así como de zonas de Ourense próximas. É o caso de formas como cutelo, escutar, truta e luta (Costas 1992b: 89), solución semellante á portuguesa e non á do galego estándar (e maioritario no galego oral) coitelo, escoitar, troita, loita. E o mesmo ocorre coa terminación –ai por -ade en verdai, cidai / ciai[24].

 

3.2.2. Morfoloxía nominal e pronominal

 

 No plural das palabras oxítonas rematadas en –n, tal como sinala Costas (1992b: 92) rexístrase a solución –ns do galego occidental (e do galego estándar) en Valverde (ladróns, razóns, folgazáns) e a solución –s do galego central nas Ellas e en San Martín (lairós, radós, folgazás. Estas formacións de plural á galega (e non á portuguesa), que non son descoñecidas dalgúns falares trasmontanos[25], xa foran salientadas por Maia (1977: 216-7):

       

Em Valverde del Fresno, às formas do singular em –on correspondem formas de plural em –ons, à semelhança do que acontece no galego occidental: ratóN, pl. ratóNs; copetóN, pl. copetóNs; botóN, pl. botóNs.

        Nas Eljas, onde as formas de singular terminam em –ó, as de plural terminam em –ós, tal como acontece no centro e noroeste da Galiza: jamó, pl. jamós, limó, pl. limós, botó, pl. botós , etc.

        Em San Martín de Trevejo, no singular encontram-se formas em –ón a que correspondem no plural formas en –ôs: tragóN, pl. tragôs; pulmóN, pulmôs, etc. O falar de San Martín de Trevejo ocupa, pois, uma posição intermédia, poderíamos dizer de transição, entre o falar de Valverde del Fresno e o das Eljas. Esporadicamente registei uma forma de singular em –ô a que corresponde uma forma de plural em –ôs: tapô, tapôs.

 

Nas palabras polisílabas en –l a solución xeral é –is en Xálima (animais, papeis, candís, españois, azuis/aduis), como en portugués e galego estándar, aínda que no galego dialectal esta solución só é propia de falas orientais. Nos monosílabos a solución é –les (males, meles, soles). Así e todo, rexístrase cuais nun texto valverdeiro de comezos de século (Costas 1992b: 91)[26].

Nas terminacións –ANU, -ANA a solución de singular dos tres concellos é –án, como no galego occidental (verán, man; miñán, ran). Sen embargo no plural en Valverde a solución é a do galego occidental (veráns, mans; miñáns, rans), mentres que nas Ellas e en San Martín o resultado de –ANAS (miñás, ras) coincide co galego centro-oriental e o de –ANOS (verás, mas) só se rexistra nalgúns falares de transición entre o galego occidental e o central[27].

Nos pronomes átonos non hai a distinción te e che propia da maioría das falas galegas (e do galego estándar). O teísmo de Xálima, que é propio do portugués e mais de falas galegas do Baixo Miño e dá área das Portelas de Zamora, ten un correlato nas formas sen palatalizar le, les. Tal como sinala Costas (1992b: 101) “isto ocorre exactamente igual no galego-zamorano e nalgunhas falas do nordeste portugués onde non se deu palatalización ningunha dos dativos te e le > che e lle”.

Nos demostrativos as formas neutras estan hipercaracterizadas, como en portugués e en áreas do galego: isto/aquisto, iso/aquiso, aquilo. As formas aquisto, aquiso rexístranse en xente maior (Costas 1992b: 102).

 

3.2.3. Morfoloxía verbal

     

      Nas desinencias verbais rexístranse solucións comúns ó portugués, que en galego unhas veces son propias da xeneralidade das falas occidentais (a vocal temática e en (tu) comeste(s) “comiches”) e outras veces sono dalgunhas falas occidentais dalgunhas orientais (o sufixo número-persoal –ste(s) da P2 dos perfectos). Na P5, agás nos perfectos, o sufixo número-persoal é –is (sois, dis “ides”, cantais, chegabais), como en moitas falas do galego oriental e en portugués (Costas 1992b: 105).

Tamén hai algún fenómeno propio de Xálima que é característico dalgunhas falas occidentais galegas e do portugués dialectal, pero non dos estándares galego e portugués. É o caso da terminación í na P1 dos perfectos en –ar de formas como agarrí “agarrei”, chorí “chorei”, semellantes ós agarrín, chorín do galego da Ría da Arousa e da Ría de Pontevedra. Esta solución non é descoñecida dos falares do Ribatejo, da Beira Baixa e mesmo da raia trasmontana[28].

            A forma fel[29] “facer” das Ellas e San Martín é semellante a fer dalgún punto do galego de Asturias; e o mesmo pasa con trel “traer” de San Martín, que corresponde a trer tamén da Terra Navia-Eo asturiana[30]. A presencia dun radical regularizado oiv-/uiv- de oivir/uivir en todo o presente de ind. (oibu, oibis, oibi, uibimus, uibís, oibin) e do presente de subx. (oiba, oibas...) é semellante ó que pasa nas falas do sur de Ourense, das Portelas de Zamora e nalgunhas meridionais de Pontevedra, onde se rexistra ouvir e ouvo, ouves... ouva, ouvas..(Fernández rei 1990: 101)[31]

 

3.2.4. Léxico

 

            Na análise do vocabulario de Sabugal, Xálima e Alamedilla Maia (1977: 498) salientaba o mantemento na rexión dun elevado número de arcaísmos, moitos deles comúns a falares de “além-fronteiras”, á vez que sinalaba as grandes afinidades léxicas co galego, co astur-leonés e co trasmontano:

 

São também muito numerosas as afinidades entre o léxico da região explorada e o de outras zonas peninsulares, de conhecido carácter conservador: o galego, os idiomas asturo-leoneses e o falar trasmontano em geral e, de uma maneira particular, os falares da faixa trasmontana fronteiriça”.

 

            Hai moitos vocábulos de Xálima e da zona portuguesa fronteiriza que non se rexistran na zona trasmontana, pero presentan formas afíns en leonés e asturiano. E moi “expressivas são também as afinidades lexicais como o galego”. E verbo disto cita formas como a donezinha (e variantes como denozinha) de Xálima[32] e o arcaísmo fieito de Valverde e de San Martín, “mantido noutras zonas conservadoras de Portugal e na Galiza”[33] . Outras formas que cita Maia (1977: 502) afíns ó galego son mai en Valverde, e poñer de Valv. e poñel de San Martín .

Podería engadirse algunha outra como almozal de Valverde e almodal das Ellas, do vocabulario de Maia (1977: 287), que corresponden a almorzar da maioría das falas galegas para referirse á acción de “tomar o pequeno almoço”. Nos falares trasmontanos Santos (1967: 290) rexistrou almo(r)ço en Vinhais, en puntos de Bragança e no mirandés para esa primeira comida do día, de igual xeito que existe almorzar con esa significación en asturiano.

Maia sinala para a rexión de Xálima a existencia de arcaísmos como migrá “granada” (port. romã) migreira e migradeira para a árbore (port. romãzeira e romeira)[34], formas que non se rexistran en galego moderno, en parte porque esa árbore en Galicia é un exotismo. De tódolos xeitos, no canto da forma castelá usada normalmente en galego, ben se podería reintroduci-la migrá (e a migreira) tan viva no “galego” de Cáceres.

 Segundo Costas (1996: 369), no inventario léxico é onde máis se aprecia o carácter arcaico e arraiano das falas do val do Ellas, “de sitio distinto rodeado de portugués beirao e castelán aleonesado”. E é no léxico onde se pode apreciar igualmente a “maqueta” dialectal do galego:

 

                “Con todo, percíbese perfectamente a orixe galega (ou galego-portuguesa) de boa parte dos nomes comúns, dándose a coincidencia que nun espacio xeograficamente tan reducido coexisten plenamente vivos sinónimos de distribución dialectal por toda Galicia: estadunchu-funqueiru, cerdeira-cereixeira, sobreira-carrasqueira, chíchari-ervilla, dinusiña-doniña, etc., etc...; son ben presentes tamén arcaísmos do tipo mu-múa, argolas, ou o verbo estoxar [‘aforrar], etc”.

        

Logo refírese Costas ós cambios semánticos en moito do vocabulario de Xálima:

 

pero o máis normal para un galegófono, desde o punto de vista semántico, son os cambios parciais de significado que sufriron moitas palabas, así, sobrau ou palleira é a traducción do noso faiado (mesmo nas casas modernas), boiga e cortellu son sinónimos, a xeira é unha extensión pequena de terra (a que se dá labrado nun día), o alén é calquera campo situado algo lonxe, xaneira é a primeira cría dun animal (mesmo onde se perdeu o nome do mes e foi sustituído por eneru), encoirarse é o usado para espirse, lambón dise dunha persoa malvada, o xabri é só a masa para facer muros, etc., etc.[35]

 

 

4. TRAZOS NON GALEGOS DAS FALAS DE XÁLIMA

                       

4.1. Trazos propios do castelán

 

Na rexión de Xálima son de emprego xeral fenómenos morfosintácticos que, de entrada, parecen castelanismos. É o caso da anteposición dos pronome átonos, que segundo Maia (1977: 272) “são quase sempre proclíticos: a mandorim ‘mandaram-na’ (Elj.), a ponhemos ‘pomo-la’ (S. Mart.), o querim ‘querem-no’ (S. Mart.), a levam ‘levam-na’ (Valv. del F.)”. Verbo deste fenómeno Costas (1992b: 102) sinala que a lingua do val do río Ellas se arreda do galego, portugués e astur-leonés, e se acaroa co castelán, brasileiro e –relativamente- co galego medieval.

E tamén debe ser por castelanismo o uso do auxiliar haber para forma-lo pretérito perfecto (ha comprau “compraches”, has uiviu “oíches”; há bindo “veu”), co mesmo valor do tempo en castelán, ó igual có uso deste auxiliar para o pluscuamperfecto de indicativo (había dau “dera”, había dito “dixera”)[36]. Segundo Costas (1992b: 103) é “moi probable que sexa un castelanismo que prendeu doadamente debido a que existían xa unhas formas arcaicas, unha base, propicias para a súa adopción plena”[37].

No terreo da fonética Gargallo (1999: 32) sinala a existencia de numerosos castelanismos con [x] nos tres concellos da rexión de Xálima: fijarsi, juniu, juliu, vilgin “virxe”[38]. Por outra parte, a existencia dun sistema vocálico de cinco fonemas /a/, /e/, /i/, /o/, /u/, sen a oposición fonolóxica /E/ - /e/, /O/ -/o/[39], característica do galego e do portugués é un dos trazos que Gargallo (1999: 31) inclúe entre os de continuidade xeográfica co castelán común de Estremadura e/ou da primitiva zona leonesa, ó igual cá neutralización r/l implosivo (idil/idel “dicir”, fel/ficel “facer”), o betacismo e o “yeísmo”.

            No léxico da xente nova hai moitos castelanismos, que tamén se poden rexistrar en galego, especialmente en neofalantes urbanos.Verbo da “brutal penetración de castelanismos” no vocabulario da mocidade da rexión de Xálima dicía o seguinte Costas (1996: 369):

 

                É fenómeno xeral a penetración brutal de castelanismos na fala dos máis novos, dos máis escolarizados –descoñecedores parciais dos traballos rurais, oficios tradicionais, léxico da flora e da fauna, etc. etc.- así, non é de estrañar que escasísimos menores de vintecinco anos non soubesen dicir como lles chamaban os seus avós á abubilla, á nutria, á golondrina, á árbore que dá ciruelas ou mesmo ó dedo meñique. Ninguén se avergoña de falar valverdeiro, mañego ou lagarteiro, pero todos son perfectamente conscientes de que os novos xa non utilizan os nomes bubela ou galu do campu ou popa, nin lundria ou lundra, nin anduriña, nin ameixeira, nin deu minguichi. A escola está conseguindo un dos seus obxectivos: borrar, varrer, as peculiaridades lingüísticas, desnaturaliza-las falas autóctonas: uniformar pouco a pouco en castelán.

 

4.2. Trazos astur-leoneses

           

            Na fonética dáse en todo o val o paso -e > -i (alboroqui, mercolis “mércores”, jobis “xoves”), como no dominio astur-leonés, pero en ningunha parte ten este fenómeno a xeneralización da rexión de Xálima (Maia 1977: 159-60). Tamén é común ó astur-leonés o paso de -o > -u (comerciu, cestu), fenómeno que se rexistra en portugués.

            Outros leonesismos afectan a parte do val, como ocorre coa presencia da velar xorda [x] en formas como lon[x]i “lonxe”, a[x]udal “axudar” ou [x]ovis “xoves” de Valverde (Costas 1992b: 95-6), ou coa terminación –orin dos perfectos en –ar de formas como chegorin, deixorin das Ellas e San Martín, fronte a chegaran de Valverde (Costas 1992b: 105)[40].

Nas falas de Xálima hai algúns leonesismos léxicos como brimbe “vimbio”, fambrentu “famento”, fembra “femia”, llaris “gramalleira” e jeno [x] “feo” (herba seca).

 

4.3. Trazos característicos de Xálima

 

A isto habería que engadir outros fenómenos propios da rexión de Xálima (ou dalgunha das falas), que nalgún caso existe nas falas estremeñas próximas, pero que non se rexistran nin en galego nin en portugués.

É o caso da perda do –d-, xeralmente procedente de –T- latino, que se rexistra nas Ellas e en San Martín, mentres que en Valverde está moi máis conservada: boa / boda, boiga / budega, m(a)eira / madeira, teniol / tenedol, universiai / universiai, pero  A Ciai para se referiren tanto valverdeiro como lagarteiros e mañegos á vila salmantina de Ciudad Rodrigo, a mesma que os portugueses arraianos din A Cidade (Gargallo 1999: 30)[41]. A desaparición deste –d-, que relaciona as falas de Xálima coas do castelán coloquial meridional e coas do asturiano central, tamén se produce nos casos de fonética sintáctica: diñeiru vs. o iñeiru, de xeito que tamén se rexistran sen condicionar formas como udia “ducia, ider/idir “dicir”, eitar “deitar”, etc. en calquera contexto fonético (Costas 1999: 95).

O grupo latino –TR-mantense sempre como -dr- en Valverde (madri, pedra) pero evoluciona a –ir- sen excepción en San Martín e en menor medida nas Ellas (mairi, peira) (Maia 1977: 204-5, Gargallo 1999: 30). O resultado –ir- rexístrase esporadicamente en estremeño e é bastante xeral en aragonés. Na caracterización das falas de Xálima Costas(1992b: 95) só atribúe ó mañego, “a fala máis arcaizante das tres” as formas con –ir- (lairón, poirir, maire, paire, lairillo); e asemade lembra a existencia de formas galegas e portuguesas como pai, mãe, mai/nai e cadeira, entre outras, que “sufriron un proceso semellante, igual que a palabra galega peirao se non é un provenzalismo; en mañego dise que un camiño está ‘empeirao’ se ten o chan cuberto de laxas ou lousas ou ‘peiras’”.

A aspiración de –s final de sílaba ou de grupo, que caracteriza toda a área andaluza e doutras zonas centro-meridionais españolas, entre elas a área de Estremadura ( (Zamora Vicente 1970: 319) rexístrase na rexión de Xalma, chegando a desaparecer: abepa “vespa”, chipa “chispa” en San Martín, cácara “casca” nas Ellas. En mañego cando o s vai seguido de /p/ ou /k/ o resultado final da aspiración é a aparición dunha especie de xeminada [pp] (abepeiro), [kk] (carraqueira, equerdo)[42].

Exclusivas das falas de Xálima son as formas do posesivo masculino mei(s), tei(s), sei(s) e o pronome tónico ei de primeira persoa, coa especial evolución do ditongo eu nesas formas a que me referín máis arriba. Esas formas non se rexistran nos falares galegas nin nos portuguesas[43]. O posesivo distributivo masculino é caunsei “cadaseu” e o femenino caunsúa “cadansúa”.

Este ditongo –ei é normal nas Ellas e en San Martín na terminación da P3 dos perfectos fracos verbos en –er (comei, bebei, aparecei), mentres que en Valverde estas formas conviven coas propias do galego e do portugués (comeu, bebeu, apareceu) (Costas 1992b: 104)[44].

 

 

5. AS FALAS DE XÁLIMA, UN “BACELO” DO GALEGO ANTIGO

 

            A insólita existencia do “falar também essencialmente galego da região de Xalma” - tal como o denominou Cintra (1959: 536)- débese ás repoboacións realizadas na Idade Media. O rei Afonso VIII de Galicia e de Léon[45], que unhas veces asinaba como Legionis rex, título herdado do seu pai Fernando II, e moitas outras veces co título por el escollido rex Legionis et Gallecie, nas tres primeiras décadas do séc. XIII repoboou con xente da Gallecia a actual zona portuguesa de Riba-Coa e as zonas veciñas de Salamanca e Cáceres, co que continuaba a política repoboadora do seu proxenitor.

            Deses asentamentos medievais de galegos tan lonxe de Galicia hai pegadas abondas na toponimia, coma son 2 Galegos, 2 Galegas, 1 Galega e Prado Galego rexistrados na rexión portuguesa de Riba-Coa e os moitos Galegos (e Teso Galego, Valgalego...)  da toponimia da Extremadura española (Cintra 1959: 533-5)[46]. Pero a mellor mostra da presencia deses galegos son as variedades lingüísticas desta rexión de Xálima (ou do Val do río Ellas), que no esencial son dúbida unha continuación do galego antigo alí levado, do mesmo galego antigo do que proceden o portugués moderno, que se cultivou ininterrompidamente desde o medievo, e o galego moderno, que emerxeu como lingua cultivada fundamentalmente na segunda metade do pasado século.

            A clásica investigación sobre A linguagem dos foros de Castelo Rodrigo realizada por Cintra (1959) non deixa dúbida ningunha sobre a orixe galega (e non portuguesa nin leonesa) desas variedades:

           

O falar fundamentalmente galego, mas com leonesismos, de Castelo Rodrigo e de Riba-Coa no séc. XIII,  o falar também essencialmente galego da região de Xalma, outra coisa não são, segundo creio, do que falares destes núcleos de repovoadores galegos tão frequentemente recordados pela toponímia. O primeiro sucumbiu perante a invasão do português da Beira que acompanhou a anexação do território por Portugal, nos fins do próprio séc. XIII. Sorte paralela tiveram certamente muitos falares galegos, vivos no séc. XIII em outras colónias da mesma  proveniência fixadas na Estremadura leonesa; um tipo de leonês oriental fortemente castelhanizado veio nelas a impor-se e a apagar a linguagem primitiva dos repovoadores” (pp. 535-6).

               

            E engade Cintra que só en condicións de especial illamento os falares destes repoboadores, ou algunha das súas características, puideron persistir, como de feito ocorreu no Val de Xálima:

           

Foi exactamente o que se produziu na região de Xalma, vizinha da Serra de Gata, durante muitos séculos uma das zonas mais isoladas de toda a Espanha. Morto Afonso IX, unida a coroa de Leão à de Castela na pessoa do seu filho Fernando III, esta região que o rei leonês começara a repovoar  nos seus últimos anos foi pràticamente esquecida pelos seus sucessores” (p. 536).

               

         Cando Cintra escribía estas liñas, a actual zona de falar “essencialmente galego” de Cáceres tiña unha agricultura bastante desenvolvida baseada na cultura da oliveira, pero as comunicacións co centro da provincia ata había pouco eran moi limitadas e coa nación lusitana eran inexistentes, pois “nenhuma estrada as une ainda hoje a Portugal”.

Leite de Vasconcellos, pioneiro no estudio destes falares, non consideraba que puidesen ser galegos[47]. Así o manifestaba Leite (1927: 258-9) nunha análise da fala de Trebello:

           

É verdade que quem diz português, diz mais ou menos galego (neste caso: galego antigo); mas a Galiza fica muito afastada, para que exercesse aqui influencia; excepto se se quer supor que o territorio samartinhego foi nos primordios completamente colonizado por Galegos. Na verdade haveria estranha coincidencia: estar tão perto o português, e ser preciso, para explicar   o samartinhego, recorrer ao galego, tão distante. Além d’isso não se encontra, ou, pelo menos, não encontrei eu, nenhum resquicio galego na linguagem de San Martin, por exemplo, che, que já se lê nas Cántigas de Santa Maria (seculo XIII). 

        

         Uns despois de Leite, na introducción dun breve traballo tamén sobre o mañego Onís (1930: 63) consideraba que no Val de Xálima se falaba un “dialecto fundamentalmente portugués”, mentres que nos lugares veciños cacereños se falaban variedades do leonés, especialmente do oriental:

 

                San Martín [de Trevello], así como Eljas, Villamiel y Trevejo (pueblos limítrofes pertenecientes también a la provincia de Cáceres) pertenecen sin embargo al obispado de Ciudad Rodrigo, y todos ellos, menos Eljas, pertenecieron a la provincia de Salamanca hasta el año 1834. No hay en estos pueblos uniformidad de lenguaje, ni la hay tampoco entre ellos y los pueblos colindantes de Salamanca, Cáceres y Portugal. San Martín, Eljas y Valverde ofrecen la particularidad notable de hablar un dialecto fundamentalmente portugués, mientras que Navasfrías, Payo, Acebo, Villamiel, Trevejo y demás pueblos circundantes hablan formas diversas del dialecto leonés, pertenecientes todas ellas a la región oriental de dicho dialecto, excepto El Payo que ofrece el fenómeno característico del leonés central de las terminaciones en –es (les cases, tu cantabes, etc.).

 

Maia (1977: 97), na súa clásica monografía tantas veces citada neste relatorio, non consideraba que os falares da “região de Xalma” fosen nin esencialmente portugueses nin esencialmente galegos, senón que constituían “um dialecto de tipo galego-portugués”:

 

Na extremidade ocidental da Serra de Gata, relativamente perto da fronteira com Portugal, nas povoações de Valverde del Fresno, Eljas e San Martin de Trevejo, vive um dialecto de tipo galego-português, caracterizado também pela presença de alguns traços tipicamente leoneses. São profundas as semelhanzas entre o dialecto de cada uma das três povoações —trata-se, de facto, do mesmo dialecto—, embora se possam notar particularidades distintas de uma para outra: a pesar da pequena distância que as separa, conserva-se em cada uma das povoações diferentes graus de evolução fonética. Em geral, é nas Elhas que se encontra a mais antiga fase da evolução; em Valverde del Fresno encontra-se representada a etapa da evolução mais moderna; San Martin de  Trevejo ocupa uma posição intermédia entre as duas.

 

O forte illamento da rexión de Xálima explicaría o mantemento actual dese “arcaico dialecto galego-portugués”, en palabras de Maia (1977: 101):

 

Contudo, até época bastante recente, toda a região de Xalma esteve mergulhada no mais profundo isolamento. É, aliás, esse isolamento em que, durante séculos, viveu a região que ajuda a explicar a conservação até aos nossos dias do arcaico dialecto galego-português.

 

            Viudas Camarasa (1982), nun traballo sobre a fala de San Martín de Trevello, a mesma que estudiaran Leite e Onís, comeza dicindo que intentará “demostrar que el habla de San Martín de Trevejo es un dialecto de transición que se caracteriza por tener rasgos comunes con el gallego-portugués y con el antiguo astur-leonés, y especialmente con el occidental”. Baséase para iso na análise do conto en mañego Cuadro de Costumbres de José López Vidal, publicado en 1910 na Revista de Extremadura.

Recentemente, Frías Conde (1997: 248-52) nunha nova proposta de clasificación do galego en cinco bloques dialectais (occidental, central, oriental, raiano e meridional), no bloque meridional inclúe dúas áreas, a zamorana de Calabor (calaborés) e a área estremeña que comprende o valverdeiro, o lagarteiro e o mañego. Tendo en conta 12 criterios fonéticos e morfolóxicos, Frias Conde non dubida en agrupar estas falas de Xálima co galego moderno, malia as moitas semellanzas co portugués:

 

Un segundo punto é a discusión de se o que aquí vimos chamando galego estremeño é tal ou hai que se contentar con nos referir a el coma o dialecto galego-portugués de Cáceres. Nós inclinámonos por incluílo dentro do galego, mellor ca do portugués, aínda que as semellanzas con este último (e o seu achegamento xeográfico) son inmensas. Alén diso, este galego estremeño ten formas moi de seu que non se atopan en ningún dos dous codialectos que forman o dominio galego-portugués. Tampouco non hai dúbida de que os falares de Alamedilla (Salamanca), a zona de Herrera de Alcántara (Cáceres) e mais Olivenza (Badallouce) son portugueses (p. 248).

 

            Costas (1999:88), nun traballo aínda máis recente, móstrase, unha vez máis, convencido da “galeguidade” da lingua do Val do Ellas:

 

      Tanto Frías coma nosoutros estamos convencidos da “galeguidade” innegable destas falas, galeguidade por orixe e galeguidade de as compararmos cos resultados actuais das variedades galegas do sueste do noso dominio lingüístico. Gargallo Gil, gran estudioso das falas arraianas da península, acabou por admitir que efectivamente, dentro da singularidade das mesmas, a vinculación coas falas galegas é moito máis evidente que coas portuguesas, por máis que formen parte todas do mesmo diasistema lingüístico. Para Carrasco González, profesor de portugués na Universidade de Estremadura, estas falas son unha póla á parte dentro do galego-portugués, a terceira póla da familia.

 

O último lingüista citado por Costas, nas palabras iniciais dun seu traballo sobre falas e dialectos portugueses ou galaico-portugueses en Estremadura, ó referirse ós concellos de Valverde, San Martín e As Ellas manifesta que desde os primeiros achegamentos a estes falares realizada por Leite de Vasconcelos houbo unha certa polémica entre a súa definición como dialecto do portugués e a súa evidente semellanza co galego. Para Carrasco González (1996: 135-6) a orixe galaico-portuguesa medieval destas falas, así coma os seus contactos lingüísticos co leonés e co castelán meridional “han conformado un grupo dialectal perfectamente diferenciado y definido que en nada tiene que ver con el portugués moderno hablado al otro lado de la frontera ni con el resto de hablas fronterizas extremeñas”.

E páxinas adiante insiste en que os falares da rexión de Xálima non son variedades do portugués, senón unha terceira ponla do medieval galaico-portugués:

 

                Creo que queda claro que no podemos considerar a este grupo dialectal del Valle de Jálama como una mera variante del portugués, sino como un dialecto que ha evolucionado autónomamente a partir del tronco común medieval galaico-portugués que daría origen, a partir del siglo XIV, al gallego por un lado y al portugués por otro. En cierta medida se trata de una tercera rama: la rama extremeña de la fértil familia lingüística que se extiende por el extremo occidental de la península (p. 140).

           

            Subscribo plenamente estas palabras de Carrasco. Da medieval lingua abstand galaico-portuguesa (que uns denominan galego-portugués e outros galego antigo ou galego medieval, termos estes que parecen máis axeitados xa que o galego se orixinou no territorio da antiga Gallaecia) proceden dúas modernas linguas ausbau, a galega e a portuguesa[48]. Cun cultivo literario ininterrompido desde a Idade Media, o portugués é actualmente unha lingua policéntrica, con dous centros lingüísticos interdependentes (o europeo e o brasileiro) con cadanseu estándar, con non grandes diferencias entre eles[49]. A lingua galega, despois de interromperse o seu cultivo no séc. XV, reemerxeu a comezos do séc. XIX, e especialmente desde mediados do séc. XIX está nun proceso de elaboración como lingua románica autónoma verbo da ausbau portuguesa. Así e todo, os cultivadores do galego desde finais do XIX sempre estiveron abertos ás achegas léxicas do portugués.

            Da lingua abstand galaico-portuguesa provén esta terceira ponla, a do grupo dialectal formado polo valverdeiro, o lagarteiro e o mañego, que a pesar das diferencias entre eles constitúen tres variedades dun mesmo “dialecto”, que conta cunha elaboración incipientísima: o conto costumista de López Vidal de 1910, os contos populares en mañego e os sainetes valverdeiros de López Lajas dos anos 30, as poesías e os diversos traballos non literarios de Frades Gaspar e de Severino López desde os anos 70, artigos de autores varios en revistas recentes e pouco máis[50].

Este gallo dun carballo galego (ou dunha oliveira, que tamén se produciu aceite en Galicia, e na provincia de Ourense hai boas mostras aínda), ou ben este bacelo duha vide galego transplantado na Idade Media ata a Serra de Gata, onde prendeu e segue ben vivo, sen que o queimaron nin o sol nin as xiadas da Serra, esperamos que siga ben vivo e que continúe a autoestima e o orgullo que valverdeiros, lagarteiros e mañegos ata agora mostraron polas súas falas.

 Cómpre que se codifiquen estas falas (á portuguesa, á galega ou á valega); que se ensinen na escola, que se redacte todo tipo de material didáctico para o ensinar, que se difundan obras como o Vamus a falal de Frades Gaspar (1994) e que se redacten outras semellantes, que se editen traballos sobre topónimos e rimas en valverdeiro e mañego xa que en lagarteiro xa o fixo López Fernández (1994), que se faga visible todo tipo de sinalización e rotulación de rúas e edificios, que apareza usado en xornais...En fin, cómpren moitos cousas que xa escapan do meu relatorio, e que agardo que se tratan en futuros Congresos sobre a lingua desta região de Xalma, Val de Xálima ou Val do río Ellas. Que a Junta de Extremadura coorganizara este primeiro Congreso sobre ‘A Fala’ é un primeiro paso ben positivo[51].

E remato, desexando que o dito e debatido estes días non quede en “auga de ovos”, como din os galego falantes da Terra Navia-Eo do occidente de Asturias. O futuro destas falas vai depender, fundamentalmente, dos seus propios falantes; de que eles desexen seguir usándoas como signo identitario; pero a galegos e portugueses (e a xente que vive a moitos centos de km. de aquí como Garallo) non nos é allea a situación sociolingüística desta ponla do galego medieval. Estou seguro que a moitos galegos lles encantaría participar neste histórico Congreso sobre ‘A Fala’. Do que si estou ben seguro é de que a xente que está a loitar pola dignificación da lingua do Val de Xálima conta coa total simpatía da xente sensibilizada coa normalización social da nosa lingua nacional, a galega, pois quen mais quen menos xa “descubriu” o xeito de falar dos descendentes dos colonos de Afonso VIII, rex Legionis et Gallecie.

 

 

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

ALGa (1999) : Atlas Lingüístico Galego. Vol. III Fonética. Coord. M. González González. A Coruña: Instituto da Lingua Galega / Fundación Pedro Barrié de la Maza.

Carrasco González, J. M. (1996): “Hablas y dialectos portugueses o galaico-portu­gueses en Extremadura. Parte I: Grupos dialectales. Clasificación de las hablas de Jálama”, Anuario de Estudios Filológicos 19, 135-48.

Cintra, L. F. Lindley (1959): A linguagem dos foros de Castelo-Rodrigo, seu confronto com a dos foros de Alfaiates, Castelo Bom, Castelo Melhor, Coria, Cáceres e Usagre. Contribuição para o estudo do leonês e do galego-português do séc. XIII. Lisboa: Imprensa Nacional-Casa da Moeda.

Cintra, L. F. Lindley (1974): “A linguagem dos foros e o galego-português de Xalma”, Estudos de linguística portuguesa e românica I, Coimbra, 508-37.

Clyne, M. (ed.) (1992): Pluricentric languages. Differing norms in differing nations. Berlin / New York: Mouton de Gruyter.

Costas González, X. H. (1992a): “Notas sociolingüísticas sobre os falares ‘galegos’ da Ribeira Trevellana (Cáceres)”, A Trabe de Ouro 11, 409-17.

Costas González, X. H. (1992b): “Breve caracterización das falas (fundamentalmente galegas) do Val do Río Ellas”, Cadernos de Lingua 6, 85-108.

Costas González, X. H. (1996): “O galego de Extremadura: as falas do Val do Río Ellas”, in Carrasco González. J. M./ Viudas Camarasa, A. (eds.), Actas del I Congreso Internacional Luso-Español de Lingua y Cultura en la Frontera (Cáceres, 1 al 3 de diciembre de 1994), Cáceres: Universidad de Extremadura, I, 355-76.

Costas González, X.H. (1998): “Os subsistemas de sibilantes no galego do Val do Río Ellas”, in Kremer, D. (ed) Homenaxe a Ramón Lorenzo, II, 581-89.

Costas González, X. H. (1999): “Valverdeiro, lagarteiro e mañego: O “galego” do Val do Río Ellas (Cáceres)”, in Fernández Rei, F. / Santamarina, A. (eds.): Estudios de sociolingüística románica. Linguas e variedades minorizadas. Santiago de Compostela: Servicio de Publicacións e Intercambio Científico, 83-106.

Costas González, X.H. (2000) (¿): As falas do Val do Río Ellas (Cáceres). Vigo: Servicio de Publicacións da Universidade de Vigo [no prelo].

Fernández Rei, F. (1990): Dialectoloxía da Lingua Galega. Vigo: Xerais.

Fernández Rei, F. (1998)  “Sainetes valverdeiros: o ‘galego’ dos colonos de Afonso IX, Rex Legionis et Gallecie”, A Trabe de Ouro 35, 407-9.

Fink, O. (1929): Studien über die Mundarten der Sierra de Gata. Hamburg.

Frades Gaspar, D. (1994): Vamus a falal. Notas pâ coñecel y platical en nosa FALA. Serra de Gata (Cáceres): Adisgata.

Frías Conde, F. X. (1997): “Sobre os bloques dialectais do galego: unha nova proposta”, Revista de Filología Románica 14, vol. 1, 241-56.

García, C. (1985: Glosario de voces galegas de hoxe. Anexo 27 de Verba. Santiago de Compostela: Universidade.

Gargalo Gil, J. E. (1992): “Hibridismo y vitalidad en las hablas fronterizas (con Portugal) del valle de Jálama (provincia de Cáceres)”. Comunicación inédita presentada ó 20th Romance Linguistics Seminar celebrado en Cambrigd (xaneiro de 1992).

Gargallo Gil, J. E. (1994): “San Martín de Trevejo, Eljas (As Elhas) y Valverde del Fresno: una encrucijada lingüística en tierras de Extremadura (España)”, in Variação linguística no espaço, no tempo e na sociedade. Lisboa: Colibri, 55-87.

Gargallo Gil, J. E. (1995): “De fronteras lingüísticas peninsulares: paralelismos, afinidades, peculiaridades”, Lletres Asturianes 57, 23-40.

Gargallo Gil, J. E. (1996a): “La ‘Fala de Xálima’ entre los más jóvenes. Un par de sondeos escolares (de 1991 y 1992)”, in Carrasco González, J. M. / Viudas Camarasa, A. (eds.), Actas do I Congresso Internacional Luso-Espanhol de Lingua e Cultura na Fronteira I, Cáceres: Universidad de Extremadura, 333-56.

Gargallo Gil, J. E. (1996b): “Valverdeiro(s), lagarteiro(s), mañego(s): a propósito de las hablas (y las gentes) fronterizas de Valverde del Fresno, Eljas y San Martín de Trevejo”, in Henríquez Salido, Mª do C. (ed.): IV Congresso Internacional da Língua Galego-Portuguesa na Galiza, 1993 Actas. Vigo, 28 Outubro a 1 Novembro, no A uditório do Centro Culturala CaixaVigo. Em homenagem a Ferdinand de Saussure. Associaçom Galega da Língua.

Gargallo Gil, J. E. (1999): Las hablas de San Martín de Trevejo, Eljas y Valverde del Fresno. Trilogía de los tres lugares. Mérida: Junta de Extremadura. Consejería de Cultura y Patrimonio. Gabinete de Iniciativas Transfronterizas.

Hermida, C. (1993): “O influxo dialectal na obra de Álvaro Cunqueiro”, in Álvaro Cunqueiro. Actas do Congreso celebrado en Mondoñedo entre os días 9 e 13 de setembro de 1991. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 35-60.

Leite de Vasconcellos, J. (1927): “Linguagem de San Martín de Trevejo (Cáceres-Espanha)”, Revista Lusitana 26, 247-259.

Leite de Vasconcellos, J. (1933): “Português dialectal na Região de Xalma (Hespanha)”, Revista Lusitana 31, 166-275.

Lima, Mª Alves (1963): Matosinhos. Contribuição para o estudo da linguagem, etnografia e folclore do concelho. Separata da Revista Portuguesa de Filologia, Vols. XI, 1961 e XII, 1962-1963. Coimbra.

López Fernández, F. S. (1992): Topónimus d’ As Ellas y rimas en lagarteiru. Salamanca: Gráficas Ortega.

López Lajas, I. (1998): Seis sainetes valverdeiros. Edición e notas de X.H. Costas Gonzá­lez. Compostela: Edicións Positivas.

López Moldes, E. / Díaz Fernández, B. / Orxe García, I. (1996): “Proposta didáctica e pedagóxica para a introducción na escola da variante galego-portuguesa do Val do Ríu Ellas (Cáceres)”, in Carrasco González. J. M./ Viudas Camarasa, A. (eds.), Actas del I Congreso Internacional Luso-Español de Lingua y Cultura en la Frontera (Cáceres, 1 al 3 de diciembre de 1994) I, Cáceres: Universidad de Extremadura, II, 301-10.

Maia, C. de Azevedo (1977): Os falares fronteiriços do concelho de Sabugal e da vizinha região de Xalma e Alamedilla. Suplemento IV da Revista de Filologia Portuguesa. Coimbra.

Martín Durán, J. (1999): A fala. Un subdialecto leonés en tierras de Extremadura. Mérida: Junta de Extremadura. Consejería de Cultura y Patrimonio. Gabinete de Iniciativas Transfronterizas.

Martín Galindo, J. L. (1993): Apuntes socio-históricos y lingüísticos sobre la Fala de Xâlima, anexo de Alcántara 30. Cáceres: Institución Cultural “El Brocense”-Diputación Provincial de Cáceres.

Martín Galindo, J. L. (1996): “‘O fenómenu lingüístico y cultural do Val de Xálima’ – El fenómeno lingüístico y cultural del Valle de Jálama”, in Carrasco González. J. M./ Viudas Camarasa, A. (eds.), Actas do I Congresso Inter­nacional Luso-Espanhol de Lingua e Cultura na Fronteira I, Cáceres: Universidad de Extremadura, I, 377-406.

Martín Galindo, J. L. (1998): Guía histórica y cultural de San Martín de Trevejo: O Val de Xâlima a vista de andurinha. Cáceres: Iniciativa Val de Xâlima.

Martín Galindo, J. L. (1999): A fala de Xálima. O falar fronteirizo de Eljas, San Martín de Trevejo y Valverde. Mérida: Junta de Extremadura. Consejería de Cultura y Patrimonio. Gabinete de Iniciativas Transfronterizas.

Moscoso Mato, E. M. (1997): Desenvolvemento dos auxiliares en galego: os tempos compostos na lingua medieval. Tese de doutoramento (inédita). Universidade de Santiago de Compostela.

Mulja¹iº, ¦ (1986): “L’enseignement de Heinz Kloss (modifications, implications, perspectives”, Langages, 21, 53-63

Navas Sánchez-Eles, Mª V. (1998): “La frontera lingüística hispano-portuguesa: aproximación bibliográfica”, Madrygal 1, 83-89.

Onís, F. de (1930): “Notas sobre el dialecto de San Martín de Trevejo”, in Todd Memorial Volumes. Philological Studies II, Nova York, 63-70.

Rey Yelmo, J.-C. (1999): La fala de San Martín de Trevejo: O mañegu. Notas y Vocabulario. Mérida: Junta de Extremadura. Consejería de Cultura y Patrimonio. Gabinete de Iniciativas Transfronterizas.

Santos, Mª J. de Moura (1967): Os falares fronteiriços de Trás-os-Montes. Separata da Revista Portuguesa de Filologia, vols. XII, tomo II, XIII e XIV. Coimbra.

Sóñora Abuín, A. et alii (1996): “Aproximación sociolingüística ó Val do Ríu Ellas (Cáce­res): Estudio dos usos e actitudes lingüísticas”, in Carrasco González, J. M. / Viu­das Camarasa, A. (eds.), Actas del I Congreso Internacional Luso-Español de Lingua y Cultura en la Frontera (Cáceres, 1 al 3 de diciembre de 1994), I, Cáceres: Universidad de Extremadura, 407-14.

Viudas Camaraasa, A. (1982): “Un habla de transición: El dialecto de San Martín de Treve­jo”, Lletres Asturianes 4, 55-71.

Zamora Vicentte, A. (19702): Dialectología española. Madrid: Gredos.

 

 

<VOLVER<

 

ano 2002, Asociación Cultural Alén do Val



[1] Xálima está no título de artigos de Gargallo (1996) e de Martín Galindo (1996, 1999), que usa ademais a variante Xâlima (Martín Galindo 1993, 1998).

[2]  De aí o termo região de Xalma que aparece no título dun dos traballos clásicos de Leite (1933) e posteriormente no título de traballos de Cintra (1974) e Maia (1977).

[3] Jálama rexístrase no título de traballos de Carrasco González (1996) e de Gargallo (1992).

[4] Costas González usou o termo ribeira Trevellana na súa primeira publicación sobre a fala destes “tres lugaris”(Costas 1992a), para empregar despois as denominacións xeográficas Val do Río das Ellas (Costas 1992b), Val do Río Ellas (Costas 1996, 1998, 1999, 2000), sempre no título dos seus traballos. Recentemente (1999: 89, nota) ensaiou o termo valego, que aparece sempre nos cadros lingüísticos para contrapoñer a galego, portugués, asturiano e castelán. López Moldes et alii (1996) e Sóñora Abuín et alii (1996), alumnos de Costas, usaron o termoVal do Ríu Ellas no título dos seus traballos.

[5] A cita corresponde a Zamora Vicente (1970: 87).

[6] Son os traballos colectivos de  López Moldes et alii (1996) e Sóñora Abuín et alii (1996).

[7] O artigo aparece reproducido en Martín Galindo (1999: 371-2). As citas están tiradas deste texto e non do Faro de Vigo.

[8] A cita está transcrita tal cal. Agradezo ó amigo Xoán Babarro que no seu día me fixera chegar unha copia da unidade 4 do libro Lengua castellana y literatura. 1 Bachillerato Lengua y Literatura. Los veinte poemas y una canción (Casals 1997), do que son autores Santos Alonso, Antonio López, Pedro Lumbreras e Azucena Pérez. Non teño coñecemento de ningún libro de texto de lingua galega de bacharelato onde aparece o “alguero” de Xálima ó trata-lo mapa dialectal do galego.

[9] Para a caracterización lingüística das falas de Xalma baséome, fundamentalmente, nos traballos de Maia (1977), de Gargallo (1994, 1996, 1999) e Costas González (1992b, 1996, 1999). Para unha aproximación bibliográfica ós dialectos do Val de Xálima vid. Navas Sánchez-Élez (1998: 86-7).

[10]  Vid. Costas (1992ª: 86, 1999: 84).

[11] O ditongo ou conservado en galego (e no portugués setentrional) evolucionou a oi na rexión de Xálima (loiza, toiro, roipa, coisa, dois), cambio que se deu en portugués e que en palabras do galego de Zamora. Monotongou en formas verbais como do “dou”, estó “estou” ena P3 dos perfectos fracos en –ar (chegó “chegou”, axuó “axudou”), así como na conxunción o (Costas 1992b: 88-9).

[12] Maia (1977: 207) recolleu tamén formas con ieismo: fornaia en Valverde, miol “mellor” en San Martín e muiel “muller” nas Ellas. Segundo Gargallo (1999: 31), o “yeísmo” nas xeracións máis novas está totalmente arraigado (fillu > fiyu, folla > foya).

[13] Formas arcaicas semellantes rexistráronse en Hermisende e en puntos da raia trasmontana (Maia 1977: 133).

[14] Para o Val de Xálima vid. Maia (1977: 233-42). Nos falares trasmontanos fronteirizos con Galicia Santos (1967: 233-8) rexistrou formas de perfecto en –o como anduvo, fizo/ fezo, quijo, etc.

[15] Maia (1977: 234) no presente de indicativo rexistrou fago para as Ellas e faio para San Martín. Costas (1992b: 106) rexistrou fago nestes dous puntos, mentres que en Valverde anotou fago/faio. No presente de subjuntivo segundo Maia (1977: 235) conviven as formas faia e faga. En Trás-os-Montes rexístrase faza, fazas... pero fago/fazo (Santos 1967: 235).

[16] En Valverde rexístrase ademais a forma propia do portugués e dos falares portugueses veciños (Maia 1977: 235). En Trás-os-Montes a forma impersoal do presente deste verbo é sempre hai, como en galego (Santos 1967: 235).

[17] Para as formas con consoante antihiática vid. Maia (1977: 242) e Costas (1992b: 106). Estas formas tamén se rexistran en Trás-os-Montes, tanto na raia con Galicia como na terra de Miranda (Santos 1967: 238).

[18] Vid. Costas (1992b: 100, 1999: 93). Tamén se rexisra esta velar na forma lunha “lúa”, a carón do maioritario castelanismo luna (Costas 1992b: 91) Para o artigo indefinido Maia (1977: 213) rexistrou como forma xeral feminina en Xálima ôa, ôas, e esporadicamente o castelanismo una tanto en San Martín como nas Ellas.

[19] Segundo Maia (1977: 210) as formas arcaicas galego-portuguesas lo(s), la(s) rexístranse “geralmente quando precedidas de palavra terminada em r, m e menos frecuentemente em s”: abriram la porta e agarrá las coleiras en San Martín; buscá lo binho e tô los dias nas Ellas.

[20] Estas formas contractas por ao, aos non son descoñecidas do portugués popular (Maia 1977: 212).

[21] Para os sistemas de sibilantes de Xálima vid. Costas (1992b: 95-8; 1999: 91),  Gargallo (1999: 29-30) e Maia (1977: 194-8); para o seseo e sistemas de sibilantes no galego moderno vid. Fernández Rei (1990: 189 ss., e particularmente 210-3).

[22] No vocabulario de Maia (1977: 278 ss) hai máis exemplos de formas sen –z como arrô, codorní e narí.

[23] Para voz, noz e cruz vid. mapas 171-3 de ALGa (1999).

[24] Para as falas de Xálima vid. Costas (1992b: 94, 1999: 95) e Maia (1977: 167); para o galego dialectal vid. Fernández Rei (1990: 67).

[25] En Mòfreita, lugar do concello de Vinhais próximo a Hermisende (Zamora) e en Rio de Onor, Petisqueira, Deilão e Laviados , lugares do concello de Bragança xa afastados da raia galega, Santos (1967: 224) rexistrou plurais en –ns: “Onde se registam nomes terminados en –on formam o plural, tal como em galego, em –ons: coraçons (Mòfr., R. On., Peet., Deil.), curralons (Mòfr.), patrons (R. On., Pet.), trons” (Lav.).

[26] Segundo Maia (1977: 218) “as formas generalizadas em toda a região fronteiriça terminam em –is”, aínda que sinala que rexistrou algunhas formas con plural en –les (barriles nas Ellas, caracoles en Valverde), que haberá que explicar pola penetración do castelán.

Estas formas de plural en –les rexistrounas Santos (1967: 223) nos puntos arraianos de Trás-os-Montes: “Em toda a fronteira aparecem, por vezes, alguns plurais em –les: cereales, fieles, reixinoles, panales, anzoles, cornales. Embora já não sejam muito frequentes, dizem que entre ‘os antigos’ eram os mais vulgares para os nomes terminados em l”.

Na monografía de Lima (1963: 203) sobre o concello de Matosinhos, estremeiro co do Porto, indícase que os substantivos rematados en -al, -el, -ol e –ul tónicos forman o plural engadindo a desinencia -es: jornales, cordeles, funiles, faroles, azules. Neste caso non se explican por interferencia do español senón máis ben haberá que as explicar por recomposición do plura a partir do singular.

[27] Para as falas de Xalma vid. Costas (1992b: 92) e para o galego dialectal Fernández Rei (1990: 59-64).

[28] Vid. Maia (1977: 172-3, 230), Costas (1999: 96) e Fernández Rei (1990: 81).

[29] Maia (1977: 234) rexistrou facel en Valverde e fer nos outros puntos de Xálima. En Costas (1992b: 106) aparece ficer/fer sen indicar lugar: o primeiro debe ser de Valverde e o segundo das Ellas e San Martín, pois no paradigma de presente de indicativo ficemos, ficeis corresponde ó valverdeiro  e feimos/ feis ó lagarteiro e mañego.

[30] Vid. Maia (1977: 240) e Fernández Rei (1990: 101).

[31] As formas de Xálima fóronme fornecidas por Costas. Maia (1977: 236-7) rexistrou as formas de presente de indicativo oibo en Valverde e oibe nas Ellas e San Martín.

[32] Vid. Maia (1977: 500, 504). Á forma portuguesa doninha corresponde no galego oral a minoritaria doniña, propia dalgúns falares ourensáns, e a maioritaria denociña e variantes donicela, delonciña, denouciña, denuciña, dernicela, dinoncela, donexiña, donuciña, gunicela, etc. Vid. García (1985: s.v. donicela).

[33] Vid. Maia (1977: 502). Á forma portuguesa feto correspóndenlle no galego oral as voces fieito (rexistrado en Porto-Zamora e zona de Léon próxima e nas falas occidentais e centrais da Coruña), fento (das falas pontevedresas, ourensás e do sur de Lugo) e a minoritaria fiento. Tamén se rexistra felgo (falas setentrionais da Coruña e as de Lugo veciñas) e folgueira (e felgo) nas falas orientais de Lugo, no galego de Asturias e parte de Ourense e de León, tal como se aprecia no mapa realizado por Hermida (1993: 55) co material do Atlas Lingüístico Galego.

[34] Santos (1967: 328) rexistra meligrana no concello de Bragança e no de Vimoso; milgrã no concello do Freixo (de Espada à Cinta), na estrema con Salamanca.

[35]  En Costas (1999: 97) hai moita máis exemplificación dos sorprendentes cambios de significado que se deron nas falas de Xálima.

[36] Os exemplos están tirados de  Maia (1977: 261-2).

[37] Os tempos compostos co auxiliar aver (e con ter e ser) no galego medieval foron recentemente estudiados por Moscoso Mato (1997).

[38] Maia (1977: 209) rexistrou algúns castelanismos con [x] tanto na rexión de Xálima (crabija e lujo en San Martín; hijo, molejón e tijeira en Valverde) como nas poboacións portuguesas de Sabugal .

[39] Aínda que non existe a oposición /E/ - /e/, /O/ -/o/, si se rexistran moi esporadicamente realizacións abertas dos fonemas /e/, /o/: [‘kEs] / [‘kes] ques “queres”; [‘Osu] / [‘osu] osu “óso” (Costas 1992b: 86-7, 1999: 90).

[40] Sobre estas terminacións vid. tamén Leite (1925-26: 252), Onís (1930: 69) e Azevedo Maia (1977: 231).

[41] Para a perda de –d- (< -D-, -T-) vid. Costas (1992b: 93-4, Costas 1999: 94-5). Cf. tamén Maia (1977: 187) para a evolución de –T-.

[42]  Vid. Maia (1977:199-200). Nin Costas nin Gargallo fan referencia á aspiración e perda de –s como un dos trazos relevantes do Val de Xálima.

[43]  Vid. Maia 1(977: 221, 223) e Costas (1992b: 100, 103; 1999: 95).

[44] Gargallo (1999: 105) di que o perfecto morreu é de Valverde e morrei das Ellas e San Martín. Maia (1977: 230) rexistra esas formas de perfecto en mañego: “A terceira pessoa do singular dos verbos em –er termina, em San Martí, em –ei e não em –eu: bolbei ‘voltou’, escolhei ‘escolheu’, metei ‘meteu’, ranhei ‘ralhou’”.

[45] Trátase do rei Afonso IX da historiografía oficial española (castelá). Costas (1999: 84, nota 2) sinala que “os galegos, asturianos e leoneses non podemos acepta-la cronoloxía oficial española (castelá), porque o Alfonso VIII oficial nunca coi rei de Galicia, León e Asturias, senón unicamente de Castela. Durante vinteseis anos, entre 1188 e 1214, reinaron ó mesmo tempo o noso Afonso VIII (para os españois Alfonso IX) en Galicia e os seu Alfonso VIII en Castela”.

[46] Verbo da repoboación da rexión de Sabugal, Xalma e Alamedilla e das pegadas na toponimia Maia (1977: 29-30) lembra que “embora fosem numerosos os colonos galegos, a colonização era essencialmente leonesa: essa acção colonizadora numa zona do reino leonês era ordenada pelo rei de Leão e feita, sem dúvida, também com participação de colonos leoneses. Daí a origem e explicação de numerosos topónimos leoneses sobreviventes ainda hoje na região estudada, apesar de apresentarem evoluções fonéticas estranhas ao português”.

[47] Sobre a consideración histórica destas falas desde Leite á actualidade (dialecto portugués, “lingua ponte” ou “cruce” entre portugués e asturiano oriental, dialecto galego, ponla galaico-portuguesa, etc.) vid. Gargallo (1999: 18-22), Costas (1999: 86-8) e Rey Yelmo (1999: XVI-XVII).

[48]  O concepto abstand ou distancia é lingüístico e equivale á noción de lingua como diasistema; con el faise referencia ás características lingüísticas internas de calquera variedade. O concepto ausbau ou elaboración é, fundamentalmente, sociolingüístico e refírese ó compoñente non natural dunha lingua, ó proceso de elaboración e de cultivo consciente que nunha sociedade se fai dunha variedade lingüística. Sobre estes conceptos vid. Muljačić (1986).

[49]  Sobre o concepto de lingua policéntrica vid. Clyne (1992).

[50] Sobre a reivindicación e o uso escrito da lingua de Xálima vid. Costas (1999: 98 ss.).

[51] Despois de celebrado o Congreso sobre ‘a Fala’ apareceron os catro primeiros tomos da serie “Estudios y documentos sobre la Fala”, editados pola Junta de Extremadura. Son os traballos de Gargallo Gil (1999), tomo I; Martín Galindo (1999), tomo II; Martín Durán (1999), tomo III; e Rey Yelmo (1999), tomo IV.