O  traxe de galega  da muller

   A CAMISA é unha peza de roupa de vestir que, como xa o dixemos no caso dos homes, cobre dende os ombreiros ata os xeonllos, todo o corpo da muller. Tamén ten aba, que é de tecido máis fino, e outra, con tecido máis burdo, chamada cos. Os materiais da súa confección son variados: lenzo, estopa, liño, cánabo, batista ou liñol.

   A camisa tiña dúas funcións, pois era utilizada pola noite como camisón.

   As ENAGUAS, é unha prenda interior que vai suxeita á cintura, atada con dúas fitas de algodón. Segundo se recolle en algúns textos e diferentes cantigas, as enaguas deben ir moi fruncidas na cintura, de tal xeito que canto máis vó daba, máis rica debía ser quen a levaba. Nalgúns casos fálase de sete varas de tecido, que hoxe serían 5,5 metros. Esta prenda confeccionase con variados tecidos. Rematanse por baixo cunha puntilla de fío máis ou menos fina e tamén pode levar entredoses, lorzas.

O XUSTILLO, prenda feminina interior, sen mangas, é unha especie de chaleco ou cinguidoiro, usado polas mulleres, moi axustado ó peito. Serve, non só para realza-lo peito, senón tamén para protexer do frío.

   As mulleres usaban REFAIXOS E SAIAS. O refaixo é unha prenda interior de abrigo levada por riba da camisa, da enagua ou por riba do viso. Tamén se podía usar como prenda exterior, e neste caso falamos de saia.

   Son prendas de alepín (tea moi fina de lá), de baieta pouco mesta, de cúbica de lá, de estameña, estopa, pano buriel, saial, e as máis ricas de pano fino e de grana.

   A un refaixo interior, xeralmente de baieta amarela, chámanlle, nalgunhas zonas "zagal".

   A saias fanse fruncindo o tecido na cintura, cos plegues partindo do medio e indo cara a dereita e cara a esquerda.

   Na parte inferior levan unha protección cando é para traballar para que non se estragen coas rozaduras e un adorno cando son prendas de gala. Esta protección chámase "rodo" e acostuma ser de veludo de algodón, ou, as veces de pano doutra cor.

   Algunhas saias levan un adorno feito queimando o tecido cun ferro dibuxado, quedando unha greca no bordo inferior da saia.

   Pensamos que o DENGUE é unha das prendas de vestir máis características da muller, que cobre a parte superior do corpo; as súas puntas crúzanse diante do peito e abotóanse na espalda, as veces cuns fermosos peches de prata e outras veces cunhas sinxelas fitas de algodón.

    O seu tamaño é variado, pois uns só cubren os ombreiros, mentres que outros protexen, por detrás, ata a cintura. Hai dengues moi sinxelos, para traballar na casa ou no campo, ou para ir vender ás feiras. Outros teñen ricos bordados con contas de vidro negras, ou azul irisadas, ou con brilo de prata ou cobre. Estes bordados están feiros no propio tecido, ou ben están bordados aparte e superpostos despois, xa sexa con bordado ó aire ou con guipures e pasamanerías.

    Uns levan unha media lua recortada, de outra cor, pero hainos que son dunha peza enteira.

   Chambra, especie de brusa curta que levan as mulleres na casa. Algunhas son de raiadillo, de algodón, percal, alepín ,etc.

   O MANTELO , prenda de vestir en forma de capa, que se ata á cintura e protexe a parte dianteira de medio corpo para abaixo e unha prenda que as mulleres tiñan en grande estima, sendo moitas veces o regalo que o noivo lle facía á noiva. Consérvanse moitos mantelos antigos en moi bo estado en toda Galicia.

   Algúns cobren por enteiro a saia, pero outros son ata unha cuarta máis curtos que esta.
Pódense atar á cintura con fitas lisas ou bordadas, ou, tamén, poden levar broches de prata e acibeche.

   Por riba da saia ou por riba do mantelo, para protexelos, as mulleres levaban un MANDIL que ataban por detrás con dúas fitas. Faise de diversos xéneros dependendo do seu uso, ben de diario ou ben de festa.

   Os mandís de tecido basto chámanse lenllas ou lenllos, polo xénero no que están feitos. Para traballar tamén habíaos de picote de lá, xerga, saial, estopa. Estes mandís de traballo servían tamén coma prenda de abrigo, posta sobre os ombros ou para a chuvia, tapando a cabeza.

   Os mandís de lucimento fanse, pos suposto, de materiais máis finos como panos, brocados de seda, veludo de algodón,... Ó igual cas outras prendas de garda, bórdase con abalorio de vidro negro ou de cores, con temas xeométricos e sobre todo florais.

   Para leva-los cartos, utilizábanse un saquiño ou peto, moi sinxelo, cunha grande abertura, era a faltriqueira. Agachábase baixo o mandil ou mantelo.

   Moitas mulleres non levaban calzado nos pés, e esto, non acontecía só nas zonas costeiras. Cando podían levaban zocas de madeira ou zocos de coiro, e, para as festas, zapatos. Na literatura recóllense notas sobre as mulleres que ían delcalzas polos camiños, co calzado na man, e cando chegaban á vila para ir ó mercado a vende-los seus productos, calzábanse. Esto o facían para non lixar nen estraga-lo calzado.

   As medias cobren a perna ata enriba dos xeonllos. Tecíanse na casa, con tres ou catro agullas, con fío de algodón, liño, seda ou lá. Adoitaban ser brancas, pero podían estar tinguidas de gris, azul, negras, etc.

   Podían levar escarpiños, unha especie de calcetín de pano ou baieta, sen soa, para abriga-lo pé.

   As galegas levaban unha trenza con raia ó medio e co cabelo moi tirante. Poñían aceite para que lles quedara mellor peiteado. A trenza deixábase caer polas costas.

   As mulleres casadas facían DUAS TRENZAS que unían ó final nunha soa.

   O tocado feminino para a cabeza é a COFIA , prenda confeccionada de encaixe, tule bordado ou batista. É unha especie de bolsa aberta que colga polas costas e na que se recollen as trenzas. A súa confección é moi sinxela pois consiste en dous rectángulos, un pequeño, chamado "sacramento", situado na parte superior e outro máis grande que se recolle cun frunce ó redor do anterior e tamén por abaixo. Adoita levar un lazo na parte superior da cabeza.

   Pouco a pouco foronse introducindo os panos da cabeza, aínda que a cofia segiu usándose ata primeiros do século XIX nalgunhas zonas, principalmente na comarca de Santiago.

   Como prenda de garda, so pras cirimonias, usabase a MANTELA, que non é de encaixe, senón de seda, brocado, pano, etc. Con ela cobren as mulleres a cabeza e as costas.

   Os PANOS DA CABEZA, son pezas cuadradas, que se colocan dobladas ó medio facendo un triángulo. Atanse de diversos xeitos como á cacharula- cruzado na caluga, atando as dúas puntas enriba e adiante-, coas dúas puntas atrás e logo pasadas, tamén detrás, por riba da trenza, ou coas puntas atadas baixo o queixo.

   Poden estar confeccionados con lá, lenzos, algodóns, sedas. Poden ser de tecidos lisos pero tamén vemos moitos con vivas flores, e as veces con flecos. Os máis ricos comprábanse nos mercados pois non eran fabricados aquí.

   Na cabeza tamén se podía levar unha serie de sombreiros de palla de centeo como o SANCOSMEIROde á ancha e cunha fita negra. Este sombreiro aínda o podemos ver hoxe en día nalgunhas mulleres do noso campo.

   Baixo o dengue ou por riba deste, as mulleres cruzaban un MANTON  de seda liso, bordado de Manila, de lá de Cachemir de catro ou oito puntas.

   Para cubrirse do frío, úsabanse mantóns de máis abrigo. Pode ser de lá merina, pelo de cabuxa, algodón, etc.

1