BAIXO MIÑO

LOCALIZACIÓN

Máis información no libro "Espacios Naturais de Galicia. Provincia de Pontevedra" de Baia Edicións

 

O Baixo Miño é unha bisbarra natural formada polos concellos da Guarda, O Rosal, Tui e Oia. 

XEOLOXÍA

O esteiro do Miño está orientado SO-NE, asentado nunha falla de igual orixe ás das rías baixas, pero que nesta zona non foi tan extensa como para formar outra ría.

As montañas circundantes están formadas basicamente por granito de dúas micas, como se pode comprobar no Monte Santa Tegra.

BOTÁNICA

O contacto entre a terra, o mar e zonas doceacuícolas, conforman ecotonos que propician variadas formacións vexetais.

Na xunqueira de Xalcido podemos atopar especies adaptadas ás mareas como as do Xenero Scirpus (S. lacustris. S. Maritimus, S. Pungens...), carrizos (Phragmites australis) e xuncos (Juncus spp).

Nas zonas máis asolagadas está as salicornias (Salicornia perennis e S. Ramosissima).

 

 

Nos illotes do río dominan os toxos (Ulex europaeus). Podemos atopar prantas de interese como Silene nocturna. Nas zonas encharcadas de auga doce e ribeiras temos arborado, dominando os ameneiros (Alnus glutinosa) e salgueiros (Salix atrocinerea e S. aurita).

Aínda que con certo grau de degradación, hai cordóns dunares con vexetación fixadora como o feo (ammophila arenaria ssp australis).

Nas zonas máis antropizadas temos piñeiro bravo (Pinus pinaster) e sotobosque variado con trovisco (Daphne gnidium) e a vistosa aveloura (Digitalis purpurea) así como a simpática collón de can (Orchis morio).

ZOOLOXÍA

Destaca-las aves, especialmente as relacionadas co medio mariño, tanto as anátidas coma as larolimícolas (gaivotas e limícolas).

O parrulo cristado (Aythia fuligula) pode verse en grandes grupos, outras especies máis comúns son os charnecos (Anas crecca), os alavancos (Anas platyrhynchos) e o pato cullerete (Anas clypeata). As ardeidas están representadas pola garza real (Ardea cinerea) e a garzota (Egretta garzetta). Dentro das limícolas destaca a gabita (Haematopus ostralegus), recoñecible pola cor negra e branca da prumaxe e o peteiro bermello, outras limícolas de grande tamaño son os mazaricos (Limosa spp e Numenius spp).

Nos mamíferos destaca a londra (Lutra lutra) aínda que difícil de ver.

Os anfibios están ben representados, destacando os limpafontes (Triturus spp), as píntegas (Salamandra salamandra) e a estroza (Hyla arborea). Dentro dos reptís suliñamo-lo esgonzo ibérico (Chalcides bedriagai) moi escaso e localizado en Galicia, circunscrito a zonas termófilas como esta. Podemos contemplar insectos como as bolboretas Gonepteryx rhamni, doada de ver pola súa cor marela (os machos) e Vanessa atalanta, negra e bermella. Nas bostas, se fedellamos a modiño podemos atopar fermosos exemplares do Xenero Onthophagus, con sorte algún Geotrupes e con máis sorte Copris lunaris.

OUTROS DATOS DE INTERESE

Dominando a enseada temo-la atalaia de Santa Tegra no concello da Guarda, cun dos maiores castros excavados de Galicia. No cumio deste monte podemos visitar un pequeno museo con pezas atopadas no castro, destacando espirais e esvásticas gravadas na pedra, así como obxectos de ouro.

En Tomiño, entre outras temo-la fortaleza de Goián (1673) da que se conservan restos de interese, como a entrada e algún baluarte.

No concello do Rosal temo-los muiños do Folón, un conxunto de muiños de auga que aproveitando un pequeno río e o desnivel do monte conforman unha agrupación interesante.

En Tui (vila relacionada coa tribu celta dos grorios, que estableceron alí a capital «Tude») podemos contempla-la catedral-fortaleza do XII, xoia da arte oxival galega.

En Oia, na beiramar, está o mosteiro de Sta. Mª a Real.