Este é o berce da nosa xente. Dende séculos en Esteiro está a nosa tribu.
Na parroquia de Santa Mariña os nosos devanceiros levantaron o casal.
A vida sempre pasou lentamente para estes mariñeiros.
Para os patrianos os anos tiveron sempre dúas estacións.
Cando viñan as xoubas, daquela armábanse as redes do xeito e, a pescar...
largar e debagar sardiñas, cada noite catro lances: asexo, manexo, transmanexo e alborada;
despois había que salgalas e así ata amañar o "goberno do ano".
E cando nas había, daquela subíanse as lanchas a praia do Artón e,
agardar... esperar a que pasara o mal tempo e a que as sardiñas volveran.
E un día chegaron a Esteiro os cataláns, xentes da praia de Blanes en Girona, e trouxeron canda eles outro mundo.
Trouxeron o interese e o "boliche".
Daquela todo mudou.
Os mariñeiros cambiaron de amo, deixaron o "décimo" da igrexa polo empeño co catalán pero a falta e a miseria perviveu.
E nosa xente emigrou.
Ó primeiro ían á segua, á seitura do pan de Castela. Aquelo non era vida había que mudar. As novas corrían coma pólvora.
Ó outro lado do mar estaba o paraiso.
Cuba, Arxentina, EE.UU., a nosa xente percorreu a América toda.
Os cartos dos emigrados e o traballo dos navegantes troxeron algo de prosperidade a nosa vila.
E agora... eiquí, hoxe estamos nós.