Escrito presentado o 12/12/08 diante da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Outro escrito en similares termos foi presentado diante do Ministerio de Fomento e outro, con copia destes a Antón Louro, en calidade de Deputado por Pontevedra naquelas datas.

Ningún dos tres foi contestado ata a data de actualización desta páxina (08/08/09)

- Que en relación coas autovías proxectadas entre Pontevedra-Porriño e Pontevedra-O Confurco (Ponteareas) (A-57, alternativa 11).

- Que existe un proxecto para modificar a estrada Vigo-Porriño cun túnel de dous km.

- Que actualmente, e respectando a siñalización, se precisan de seis a seite minutos para percorrer os 10,500 km entre Puxeiros e O Confurco (Ponteareas).

- Que a autovía (A-57, alternativa 5) Pontevedra-Peinador-Puxeiros ten unha lonxitude de 29,500 km.

- Que a lonxitude prevista para a autovía A-57, alternativa 11) Pontevedra-O Confurco (Ponteareas) é de 33,750 km.

- Que se temos en conta que a suma dos km da Autovía Pontevedra-Peinador-Puxeiros (29,500 km), máis os 10,500 km da estrada Puxeiros-O Confurco, resultan, contra os 33,750 km dá autovía Pontevedra-O Confurco, unha diferenza de 6,250 km, é dicir tres minutos e cuarto para unha velocidade media de 100 km/h.

- Que a construción de todas as autovías previstas (Pontevedra-Peinador-Puxeiros e Pontevedra- Confurco), supoñen illar os montes e fauna de Amoedo e Galleiro, fauna que inclúe vertebrados de grande porte que suporán un perigro para a circulación e por outra parte un illamento das poboacións actuais de lobo, corzo e xabaril, de recente asentamento nesta zona, o que provocará a medio prazo a desaparición destas especies.

- Que igualmente está prevista (segundo Diario de Pontevedra de data 1/10/08) a construción de dúas circunvalacións ó núcleo urbano de Pontevedra:

* Unha por Amil (Moraña)- Campolameiro, como circunvalación dá A-57

* Outra por Ponte Bora (Pontevedra) como circunvalación da estrada nacional.

Estas actuacións resultan redundantes e por outra banda, atendendo á circunvalación exterior, demasiado aberta para que sexa efectiva como circunvalación urbana de Pontevedra.

A circunvalación máis exterior (zona de Amil) rodeará unha área poboada por unha numerosa gandaría extensiva de cabalos e vacún.

- Que sobre estas actuacións previstas, se deben engadir o trazado do AVE,así como a "Nova Liña de Alta Velocidade Ourense-Vigo" e o proxecto "Autovía a-57: Pontevedra Conexión A-52", aos que a SGHN emitiu alegacións e escritos no seu día (11/08/01, 24/02/03 e 24/03/03) dirixidos ao Ministerio de Fomento. Tampouco se poden excluír outros proxectos, próximos ou obxecto deste escrito, como a autovía Pontevedra-Vilagarcía, que se cruza coa autoestrada AP-9, e sen esquecer o desdobramento da devandita autoestrada AP-9, segundo anuncio do Presidente da Xunta de Galicia, Sr.Touriño.

- Que a situación financieira dos titulares da autopista, cambiantes nestes mesmos días, podería e debería ser aproveitada pola administración para recuperar a súa titularidade, facer as ampliacións oportunas, e cando se producira unha reversión dos investimentos producidos, liberalizar o seu uso.

-Que o proxecto de transformar a comarcal C-531 Vilagarcía-Pontevedra nunha autovía que se cruza e/ou vai paralela á autoestrada AP-9, resulta un despilfarro económico e ambiental insostible, cando a transformación en vía pública da AP-9 neste tramo, con ampliación a tres carris, podería ser unha alternativa finacieiramente sostible, amén de menos agresiva para a sociedade e o medio ambiente da zona.

- Que a propia administración, a través da Deputación de Pontevedra, nun informe aprobado o 17/09/08, indicaba que falta "Un estudo serio e profundo da mobilidade e das posibilidades dun sistema de transporte público". O mesmo informe denuncia "uns impactos sociais e ambientais inadmisibles" ademais de ocasionar un "sobrecoste innecesario".

- Que a teor do exposto no artigo 3º da Lei 30/1992,de 26 de novembro de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, coas modificacións introducidas pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, "Artigo 3. Principios xerais.
1. As Administracións Públicas serven con obxectividade os intereses xerais e actúan de acordo cos principios de eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación, con sometemento pleno á Constitución, á Lei e ó Dereito.

Igualmente, deberán respectar na súa actuación os principios de boa fe e de confianza lexítima.
2. As Administracións Públicas, nas súas relacións, réxense polo principio de cooperación e colaboración, e na súa actuación polos criterios de eficiencia e servizo aos cidadáns ".

- Que dada a previsión de que a ponte de Rande chegará a un nivel D de tráfico de automóbiles (intensidade media 109.452) segundo se recolle no períodico "A Voz de Galicia" de data 18/09/08, é imprescindible potenciar o transporte ferroviario entre Pontevedra-Vigo, xa que o actual servizo non responde ás necesidades da poboación, sendo necesario incrementar a periodicidade e acurtar os tempos cun servizo de dobre vía.

- Que por todo o anterior se deduce unha grave incoherencia de actuación por parte da administración, xa que e preveen inverter uns recursos económicos para obter unha solución que non o é, xa que se duplican os medios de transporte e se detraen de melloras noutras estradas, dada a finitud dos presupostos, tanto en seguridade como trazado, con menor prerjuio ambiental.

- Que un escrito en similares termos se presenta á adminitración do Ministerio de Fomento.

Por todo o anterior

SOLICITA:

- Que realice unicamente un único trazado para a conexión de Pontevedra-Porriño, por Peinador, xa que a realización de dous trazados supón un gasto desmesurado de recursos económicos e ambientais, sendo innecesaria tal duplicidade.

- Que se formule unha coordinación efectiva entre as partes da administración responsables da xestión das estradas e a responsable das liñas de ferrocarril, xa que isto redundaría nunha maior eficacia dos recursos económicos e polo tanto de beneficio aos cidadáns.

- Que respecto ás circunvalacións previstas para a urbe de Pontevedra, sería máis sensato económica e ambientalmente construír un acceso por Campañó para a AP-9, mesmo se coordinar coa administración autonómica para evitar duplicidades neste área e a prevista autovía Vilagarcía-Pontevedra. Isto, conxuntamente coa circunvalación prevista por Ponte Bora, permitiría captar o tráfico deste ámbito.

- Que se nos argumente os motivos socioeconómicos e/ou ambientais para a incorporación, en xeral, da AP-9 ás estradas públicas e en particular o tramo dende Caldas de Reis a Pontevedra.

- Que se faga un estudo económico comparativo entre a construcción da autovía Vilagarcía-Pontevedra e a reversión deste tramo da AP-9 ó sistema público con ampliación a tres carris por sentido.

- Que se potencie o transporte ferroviario entre Pontevedra-Vigo, xa que o actual servizo non responde ás necesidades da poboación, sendo necesario incrementar a periodicidade e acurtar os tempos cun servizo de dobre vía.