Desde o punto de vista das
ONGs ambientalistas, a catástrofe do Prestige é o resultado dun modelo enerxético
insostible e exemplifica perfectamente os efectos máis perversos da globalización
sobre o medio ambiente. A industria do petróleo opera a escala planetaria e
minimizando custos como principal obxectivo.
O movemento ecoloxista quere destacar que o do Prestige NON
FOI UN ACCIDENTE. É
o resultado dun modelo enerxético concreto, dun sistema económico guiado
unicamente polo beneficio a curto prazo, e cuxos efectos foron posteriormente
maximizados por unha Administración pública que deu as costas ao medio
ambiente en todo momento.
As ONGs ambientalistas denuncian e reclaman:
Feitos:
Unha cantidade indeterminada, mais en todo caso moi importante de fuel, fica aínda
nos tanques do Prestige, a 3600 metros de profundidade.
Posicionamento: A recuperación deste fuel debe ser unha prioridade
na situación actual, do contrario é moi probable que sigamos sufrindo unha
permanente marea negra durante os próximos anos. En cualquera caso, o custo de
que este fuel siga saíndo á superficie sempre será maior có derivado dunha
operación de resgate do mesmo.
Do mesmo xeito, a retirada do fuel que segue flotando na
superficie do mar antes de que alcance a costa debe de ser tamén unha
prioridade absoluta.
Feitos:
Miles de Tm de fuel están sendo retiradas do mar e das costas, mescladas con
algas, area, pedras, plásticos, etc., sen que ata agora se teña aclarado cal
é o mellor sistema de xestión para estes residuos.
Posicionamento:
Opoñémonos frontalmente á incineración do fuel e
outros residuos. O fuel incumpre as normativas comunitarias de
contido máximo de xofre. Por outra banda, a incineración do fuel do
Prestige conlevará a emisión de sustancias tóxicas á atmosfera. Trátase
dun fuel oil residual, de composición moi complexa, que contén un
grande número de compostos orgánicos tóxicos e metais pesados. Non hai que
desbotar que a queima destes residuos xere cinsas tóxicas que tamén
conterán sustancias perigosas, como por exemplo algúns metais pesados,
arsénico, cadmio e zinc.
Esiximos a súa contención segura nun lugar adecuado ata que
se estableza o método de tratamento máis apropiado.
Feitos: Consideramos insuficiente a información ofrecida sobre a
composición e toxicidade do fuel, e rexeitamos a minimización perante a opinión
pública dos efectos potenciais sobre a saúde da exposición prolongada a éste
durante as operacións de limpeza.
Constátase o uso de equipamentos e prácticas inadecuadas
insalubres nas tarefas de limpeza (mascarillas inúteis fronte aos compostos voláteis,
número insuficiente de “mans limpas”, turnos demasiado longos,...).
Posicionamento: Reclamamos a realización e publicación de estudios
epidemiolóxicos sobre a poboación exposta ao fuel, traballadores
e voluntarios que
traballaron nas tarefas de limpeza, tal como se fixo en situacións similares
noutros países.
Feitos:
Constatamos a realización de obras sen planificación e innecesarias, así como
o emprego de maquinaria pesada en zonas vulnerables, algunhas protexidas. En
moitos casos non se seguiron os protocolos establecidos pola propia Administración
para realizar as tarefas de limpeza.
Non se facilitou unha formación mínima previa aos
voluntarios, que foron enviados a recoller fuel ás praias sen as instruccións
máis básicas sobre cómo facelo. A maioría do persoal non voluntario
(constructoras, funcionarios da administración, militares, etc...) que
traballan nas costas tamén carecen dunha formación especializada.
A Administración foi incapaz de xestionar de forma adecuada
o enorme potencial humano do que dispoñía para paliar o impacto da marea negra
sobre as costas afectadas.
Posicionamento: Non aceptamos que a Administración anuncie que
existe un exceso de voluntarios cuando o certo é que hai zonas do litoral sen
cubrir, que cómpre acurtar os turnos de traballo para minimizar a exposición
ao fuel e aumentar o número de “mans limpas” para garantir a calidade de
traballo dos voluntarios. É imprescindíbel que os protocolos establecidos se
cumpran adecuadamente por todas as persoas implicadas nas tarefas de extracción
de fuel.
Opómonos
á utilización de maquinaria pesada e métodos agresivos de limpeza das zonas
afectadas, á apertura indiscriminada de pistas ou outras obras de
infraestructura que supoñan a destrucción de formacións naturais, pois senón
a recuperación dos ecosistemas será unha entelequia.
Por
outro lado, estamos observando un desbaldimento de material nestas tarefas
debido á desorganización que preside as tarefas de limpeza.
Feitos: Un número importante de empresas están participando ou teñen
previsto participar nos operativos de limpeza da costa sen que exista unha
información adecuada sobre os criterios utilizados para a súa designación e
os custos que a súa actuación suporán para o erario público.
Posicionamento:
Esiximos información pública, ampla e transparente
do convenio establecido coas empresas contratadas para os labores de limpeza do
fuel na denominada “segunda fase”: nome das empresas designadas, zonas
asignadas, obxectivos e calendario do seu traballo, número de persoal, medios e
custo dos labores a realizar, relación que establecerán cos dispositivos do
voluntariado. Se é certo que rexeitan a participación de voluntarios nas súas
zonas, queremos saber por qué.
Tamén reclamamos unha información completa e transparente
sobre os custos reais de todo o operativo de limpeza e rexeneración da costa. O
seu coñecemento é fundamental para reclamar as indemnizacións correspondentes
ao Fondo de Compensacións.
Feitos: Desgraciadamente pouco aprendemos sobre os efectos a medio e
longo prazo sobre os nosos ecosistemas e a nosa economía das múltiples mareas
negras que sufriu Galicia no pasado, a última en 1992. O caso do Prestige, dada
a súa magnitude, debe ser un punto de inflexión neste sentido.
Posicionamento: É
fundamental que se investigue en profundidade a incidencia da catástrofe nos
ecosistemas litorais e mariños afectados. A investigación debe incluír o
impacto a longo prazo sobre o seu funcionamento integral e non unicamente sobre
aqueles recursos naturais de interese comercial. A investigación non se debe
limitar a estudiar o impacto sobre o medio biofísico da catástrofe, senón que
debe considerar tamén o impacto social, cultural, económico e demográfico nas
zonas afectadas.
Igualmente, é moi importante que a investigación se dirixa
non só a coñecer os impactos do accidente senón que se oriente tamén á
recuperación dos ecosistemas e as comunidades humanas afectados.
Os resultados de todas estas investigacións deben ser en
todo momento públicos.
Congratulámonos da creación de múltiples grupos de
traballo, comisións de expertos, consultorías…, mais constatamos que a súa
coordenación é deficiente e é, xa que logo, necesario establecela e mellorala.
Feitos: Os efectos sociais, económicos e ambientais dun accidente
destas características son enormes. Recuperar os ecosistemas afectados e as
actividades económicas que dependen destes debe ser un obxectivo prioritario.
Observamos con grande preocupación moitas das solucións
formuladas para a reactivación económica das zonas afectadas que implican máis
cemento e a potenciación de actividades insostíbeis. Esta non é a vía para
solucionar unha catástrofe ecolóxica e social como a actual, senón a forma de
crear as condicións para que se volva reproducir.
A Administración, sen embargo, anuncia unha reactivación
económica baseada nunha ondada de infraestructuras viarias, portos exteriores,
“rexeneracións” de praias e/ou construccións na franxa costeira, que non
farán senón aumentar a degradación ambiental á que se enfronta a nosa
sociedade.
Posicionamento: A Administración debe entender esta catástrofe como
unha chamada de atención sobre os efectos ecolóxicos e sociais dunha economía
insostíbel e como unha oportunidade para traballar seriamente a prol do
ambiente, dada a súa relación directa co benestar e a calidade de vida da
poboación.
As ONGs ambientalistas convidan ás administracións a
reflexionaren seriamente sobre as estratexias de reactivación das zonas
afectadas, que deben estar baseadas en criterios de perdurabilidade ambiental e
equilibrio social; e non no afán de ocultar unha catástrofe sen precedentes
con máis cemento e asfalto.
Na rexeneración dos ecosistemas afectados débese contar co
coñecemento e experiencia do sector extractivo, dos científicos e das ONGs.
Feitos: Desde un inicio, a Administración fixo deixación das súas
funcións e responsabilidades, polo que o Estado tivo que ser substituído polos
colectivos cidadáns (confrarías de pescadores e mariscadores, ONGs
ambientalistas, plataformas cidadás, etc.), que achegaron o seu diñeiro, o seu
tempo, os seus coñecementos e o seu traballo persoal.
Posicionamento: A Administración debe asumir todos os aportes económicos
realizados polas persoas que traballaron na recuperación do fuel. Isto debe
incluír, desde o combustíbel gastado polas embarcacións dedicadas ás tarefas,
ata os labores para o seu mantemento, limpeza, repintado despois do seu emprego.
Feitos:
O tratamento da información polas fontes oficiais, os medios de comunicación públicos
e algúns medios privados foi e segue sendo vergoñenta, terxiversando,
manipulando e faltando á verdade en numerosas ocasións. Debido a esta situación,
tívose que recorrer a fontes doutros estados europeos
A ausencia de información veraz e os intentos de minimizar
mediaticamente a catástrofe contrastaron fortemente coa mobilización cidadá
en contra da marea negra e da súa deficiente xestión.
Posicionamento: Condenamos enerxicamente a política de desinformación
gobernamental, tendente en todo momento a minimizar o alcance mediático da catástrofe
e a silenciar e descualificar sistematicamente cualquera voz crítica coa
deficiente xestión realizada.
Para esta e outras catástrofes é preciso garantir a
veracidade da información proveniente de fontes e organismos oficiais, así
como o seu tratamento xornalístico rigoroso, aberto e plural, sobre todo nos
medio de comunicación públicos.
Feitos: Un dos elementos positivos na evolución da catástrofe foi
o nivel de conciencia e compromiso ambiental da cidadanía que se puxo en
evidencia. A resposta dos voluntarios, a autoorganización dos colectivos máis
afectados, as manifestacións masivas de protesta, etc. son exemplos que
desvelan unha cidadanía democrática e madura, que quere participar
desinteresada e activamente naqueles asuntos públicos que lle atinxen directa
ou indirectamente.
Posicionamento: É preciso dar unha resposta adecuada aos niveis de
conciencia e acción ambiental postos de manifesto nesta crise. Para iso, cómpre
desenvolver programas e materiais educativos e formativos que faciliten á
poboación un coñecemento máis profundo do acontecido, que salienten
a estreita interdependencia entre ambiente e calidade de vida, e que actúen
como barreiras culturales en previsión de futuras calamidades. Asemade, é
preciso apoiar o labor social e educativo dos colectivos cidadáns e as
organizacións ambientalistas que teñen entre os seus obxectivos a construcción
dunha sociedade democrática aberta e sostible.
Feitos:
Resulta un despropósito que en medio da catástrofe do Prestige, o Goberno español
diminuíse as primas ás enerxías respectuosas co ambiente e decidise que non
se dedique nin un céntimo a aforrar enerxía. De continuar a política enerxética
actual, España no poderá cumprir os compromisos asumidos do Protocolo de
Quioto.
Posicionamento: As ONGs ambientalistas esiximos unha política enerxética
baseada no aforro, a eficiencia e as enerxías respectuosas co medio ambiente,
como solución última aos impactos ambientais derivados do uso e transporte de
combustíbeis fóseis a escala global.
Feitos: No caso do Prestige, novamente, as industrias sucias
trasladan os custos económicos da degradación ambiental ao conxunto da
sociedade. Esta catástrofe é resultado tamén do “barato” que resulta
contaminar e do fácil que é obviar o risco para maximizar
os beneficios económicos.
Posicionamento: Reclamamos un réximen de responsabilidade ilimitada
para toda a cadea involucrada no transporte de hidrocarburos, desde o armador ao
propietario da carga, incluíndo as aseguradoras e as sociedades de certificación.
Todo buque que transporte estas sustancias debe estar en posesión dun seguro
que cubra sen límite a contía dos danos ocasionados por un accidente. Estes
custos deben incluír non só o impacto directo sobre os ecosistemas senón tamén
os custos da súa recuperación.
Asimesmo, condenamos a
ausencia de avanzos significativos neste senso nas reunións sucesivas dos
Ministros de Transporte, de Medio Ambiente e de Xefes de Estado durante os
cumios mantidos no mes de Decembro. Igualmente, reprobamos que o Goberno español,
despois de sufrir unha catástrofe destas características, non tivese un papel
máis activo na consecución destes obxectivos. Pola contra, empeñouse en
publicitar propostas que non reducirán o risco de que no futuro volva
suceder unha catástrofe destas características.
Posicionamento:
Reclamamos cambios urxentes na política de transporte marítimo que minimicen o
risco dun accidente destas características, entre estes destacamos: a prohibición
do transporte de hidrocarburos e sustancias perigosas en xeral en buques de
casco simple; a creación dunha rede de infraestructuras con todos os medios
necesarios para responder a un accidente destas características; a eliminación
dos pavillóns de conveniencia e a declaración de Áreas Mariñas Especialmente
Sensíbeis (AMES). Neste sentido, Galicia cumpre todos os criterios xeográficos,
económicos, ecolóxicos e culturais para ser declarada AMES por parte da
Organización Marítima Internacional, mais é responsabilidade da Xunta de
Galicia iniciar os trámites para dita declaración.
Feitos: É absolutamente inaceptábel a falta de medios de prevención
e loita contra a contaminación
nunha das áreas con tráfego marítimo máis intenso do mundo e cun historial
de catástrofes marítimas como é o caso das costas galegas. Unha vez máis, as
administracións públicas españolas ficaron en entredito, non tendo servido
todos os accidentes anteriores para se dotaren dos medios máis básicos para se
enfrontaren a unha catástrofe como a que padecemos.
Máis grave aínda é a
ausencia de protocolos ou plans de continxencia. A consecuencia foi a ampliación
do abano de litoral afectado ao arrastrar o barco sinistrado ao longo de toda a
costa galega, alcanzando a contaminación tamén ás costas do Cantábrico
español e de Francia.
Posicionamento: Este feito, por si só, debería ter provocado xa a
demisión do Ministro de Fomento, Álvarez Cascos, responsábel das políticas
de Transporte Marítimo e Salvamento. Igualmente, consideramos fundamental a
posta en práctica de plans de continxencia perante este tipo de catástrofes,
cos recursos humanos e materiais necesarios para afrontar situacións destas
características.
Petición
de responsabilidades políticas
Por todo o exposto neste documento, as organizacións
asinantes
reclamamos a apertura de comisións de investigación sobre a xestión da
catástrofe do Prestige no Parlamento de Galicia, no Parlamento
Español e no Parlamento Europeo, que sirvan para aclarar e facer pública
a información existente e exacta do ocorrido e as decisións tomadas,
así como a depuración das responsabilidades políticas e administrativas
a raíz das conclusións destas comisións.
13
de xaneiro de 2003
Asinantes:
![]() |
![]() |
![]() |
||
![]() |
![]() |
![]() |
||
![]() |
![]() |
![]() |
||
![]() |