NOTAS DE PRENSA REMITIDAS POLA SGHN ÓS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

A SGHN envoiu varias notas de prensa durante sobre "Prestige" e os diversos efectos que a marea negra provocou. Compre suliñar que analizados os medios de comunicación de maior difusión en Galicia, nengún recolleu os nosos comunicados. Este non é un problema exclusivo da SGHN, pois consultados outras asociacións ambientalistas galegas, tamén sofren un apagón similar.

14/11/02     18/12/02     04/01/03       11/01/03      25/01/03

14/11/02

A SOCIEDADE GALEGA DE HISTORIA NATURAL (S.G.H.N.) acordou emitir a seguinte nota de prensa en relación co accidente do petroleiro "prestige".

A SGHN lamenta este novo accidente fronte ás nosas costas, accidente xa anunciado e que prorroga a saga do "Polycommander" "Egean Sea" "Urquiola" e outros.

A SGHN quere distinguir entre os accidentes "fortuitos" como puido se o Urquiola e os frecuentes accidentes e incidentes con buques obsoletos e bandeiras de conveñencia, neste caso Bandeira das Bahamas, para eludir os controis e inspeccións. Este tipo de situación conlevan problemas sociais (lémbrese os dez anos pasados dende o fundimento do Egean Sea) e os medioambientais, que tamén son sociais ó incidir no medio de vida de moita xente.

Independentemente de valoracións posteriores e con máis información a SGHN considera imprescindible regular, a nivel de toda Europa, o tránsito e acceso ós seus portos de barcos con este tipo de bandeira ou estructuralmente obsoletos ou insuficente mantemento.O "prestige" ó parecer ten perto de 27 anos.

Medioambientalmente fai necesario controlar, se o mar o permite, a mancha por medios mecánicos. A SGHN desaconsella o uso de dispersantes, deterxentes e similares, xa que o único que fan é diluí-la mancha, extendela máis e precipila ó fondo. Estes efecto ralentizan a biodegradación, aumentan a polución químca e a medio prazo son máis prexudiciais que un control mecánico.

Agradecendo a atención prestada.

Santiago, a 14 de novembro de 2002.

18/12/02

A Sociedade Galega de Historia Natural, a través da súa delegación en Pontevedra, remiteu o pasado 6/11/02 sendos escritos á Consellería de Ordenación do Territorio, Obras Públicas e Vivenda e á Consellería de Medio Ambiente sobre o proxecto de canalización do río Valga ó seu paso polo concello do mesmo nome.

A SGHN solicitou que se lle informase da orixe do orzamento do presuposto e se este procedía en parte ou na totalidades de fondos da Unión Europea. Igualmente solicitouse copia do informe citado na "Declaración de Efectos Ambientais"da Consellería de Medio Ambiente, xa que este informe cítase como favorable ás obras e segundo a información que dispón a SGHN o citado informe indica expresamente que é desfavorable.

A SGHN é contraria a esta canalización por considerala innecesaria e desproporcionada. No seu momento a SGHN realizou unha serie de alegacións e presentou unha protesta ante o valedor do pobo polo xeito en que se desenvolveu o período de alegacións públicas, con impedimentos ó acceso á documentación e ausencia dos informes nalgúns das oficinas anunciadas no DOGA. Copia das alegacións e outras información están dispoñibles na páxina Web da SGHN: www.sghn.org, na parte correspondente á SGHN-Pontevedra.

Agradecendo a atención prestada.

 

04/01/03

A Sociedade Galega de Historia Natural diante dos continuos anuncios de varias obras e proxectos por distintas administracións públicas, quere destacar o carácter oportunista ou especulativo das mesmas, xa que non son novos proxectos, senón plans que estaban en marcha e algúns deles moi contestatados polo seu impacto ambiental negativo. O anuncio de prioriza-la ubicación de parques eólicos en zonas afectadas, o porto exterior na Coruña ou a autovía costeira do Cantábrico deben ser obras elaboradas coa máxima sensibilidade e non a calquera prezo. Lamentablemente os estudios de impacto ambiental convertéronse en Galicia nun mero trámite administrativo, cun sinfín de estudios carentes do mínimo rigor técnico e/ou científico, cando non falsos. Lémbrese o estudio de impacto ambiental para o Encoro de Caldas de Reis, o plano eólico de Galicia, a canalización do río Valga, etc.
Debemos lembrar que as zonas costeiras son áreas moi sensibles paisaxisticamente, algunhas incluídas na proposta da Xunta de Galicia para formar parte da Rede Natura 2000. Ó estar propostas, coa propia lexislación dictada pola Xunta de Galicia na mán, non se pode alterar o hábitat sen máis, construíndo un parque eólico ou outras obras destas características (artigo 2º da Orde do 7 de xuño de 2001, prorrogada pola Orde do 13/06/02, DOG 116 de 18/06/02.

A SGHN entende que é necesario construír un porto axeitado e moderno, incluso que sexa un porto de abrigo, tal como se plantexa nos proxectos da UE da rede de portos de abrigo, dotado da infraestructura e medios necesarios para atender a barcos e mercadorías con problemas. Isto non significa facelo con criterios políticos, senón técnicos e ambientais, compatibilizando a súa construcción e uso, coa conservación do medio natural circundante.
A autovía do Cantábrico debe garantir un servizo de comunicación e vertebración sen destruí-la costa. A construcción de viais en Galicia converteuse nunha secuencia de barreiras para a fauna, cun alto coste económico, cando é posible conciliar intelixentemente ambas necesidades.
A SGHN considera que existe un intento de aproveitar o totum revolutum no que vive inmerso Galicia para quitar adiante proxectos que doutro xeito serían moi contestados, tanto económica como ambientalmente.


Outras información relativas ó tema "Prestige" están dispoñibles na páxina Web da SGHN:www.sghn.org Tfno. 639 960551

Agradecendo a atención prestada.

11/01/03

Nos últimos días, equipos da Sociedade Galega de Historia Natural de Ferrol, Pontevedra, Santiago, Vigo e Vilagarcía percorreron praias da Ría de Vigo, Pontevedra, Arousa, Louro-Carnota e Costa Ártabra, seguindo co programa de inspección costeira de aves petroleadas iniciado pola marea negra do Prestige.

Na zona de Ferrolterra foron atopadas un total de 45 aves repartidas da seguinte maneira por especies: 17 Araos dos Cons (Uria aalge) mortos e 7 vivos, 8 Araos romero mortos (Alca torda), 12 Araos loro (Fratercula arctica) mortos, e 1 corvo mariño cristado morto (Phalacrocorax aristotelis).

No percorrido entre Praia de Louro (Muros) , Caldebarcos e Carnota foron atopados 23 aves mortas: 9 Araos loro, 5 Alcas, 3 Araos dos Cons, 2 Mascatos (Morus bassanus), 1 Corvo mariño cristado, 1 Pardela pequena (Puffinus asimilis), 1 Pardela Balear (Puffinus mauritanicus), 1 Gaivota (Larus sp). Tamén se atoparon tres cetáceos: 1 cría de poucos días (lactante) de golfiño e 2 femias adultas de golfiño (Delphinus delphis).

No tramo de costa comprendido entre Boiro e Aguiño na parte norte da Ría de Arousa, foron atopadas 30 aves mortas, algunhas completamente impregnadas de fuel.

Entre outras atopouse 1 Papamerda (Stercorarius skua), 4 Araos loro, 8 Alcas e 2 Mascatos, además de 6 Gaivotas patiamarelas (Larus michaellis), 2 choronas (Larus ridibundus) e 1 Revirapedras (Arenaria interprens). Cabe destacar a recollida de 6 Araos dos Cons, un deles recuperado vivo e entregado no Servicio de Medio Ambiente Natural no Parque Natural de Corrubedo xunto co resto das aves mortas para a súa contabilización e analise.

Na Ría de Pontevedra foron tamén localizadas 11 aves mortas: 1 Paiño de Leach (Oceanodroma leucorhoa), 4 Araos romero, 3 Araos dos Cons, e 3 Gaivotas patiamarelas que foron entregadas á patrulla do servicio de Medio Ambiente Natural da zona.

Na ría de Vigo foron recollidas 9 aves: 5 Araos romero, 1 corvo mariño cristado, 1 Gaivota patiamarela, 2 Arao dos Cons -1 morto e 1 vivo-, sendo entregadas no centro de de aves de Gondomar.

Este número de aves supón un incremento cuantitativo importante respecto das primeiras semás que seguiron os vertidos de fuel-oil. Os motivos deste incremento pódense condensar en dous:

a) Debilitamento xeral das aves mariñas debido á contaminación do medio (permeabilidade prumaxe, alimentación, stres físico, etc).

b) Fortes temporais que acercan as aves á costa e co sobreesforzo para aturar os temporais e o debilitamento previo, aumenta a mortandade e a abeirada ás costas.

Convén destacar que unha porcentaxe importante das aves recollidas (varía entre o 15 e o 50%, segundo as zonas) fora botada intencionadamente no contedores de lixo ou nas dunas. Cos estas accións está a perderse unha información fundamental sobre as especies afectadas, máxime se algunha destas aves está anelada (marcaxe mediante anelas metálicas nas patas). Sempre que se atope unha destas aves debe darse especial importancia, xa que a tasa de recuperación é moi baixa (entre o 1 e 0,1% das aves aneladas).

A SGHN realizará dende o 7 deste mes ata final do mesmo un censo completo de toda Galicia de aves invernantes. Este censo e o do ano seguinte permitirán unha primeira avaliación global da situación da avifauna afectada. A SGHN leva facendo estes censos dende 1973, o que lle permite ter unha comparativa ampla da evolución seguida.

Para máis información: www.sghn.org. Para ampliar información sobre esta nota: sghnpontevedra@terra.es;

 

17/01/03

A Sociedade Galega de Historia Natural, a través da súa delegación en Pontevedra, presentou o pasado 15/01/03 sendos escritos diante da Consellería de Pesca e Asuntos Sociais e o Concello de Vilanova de Arousa por mor do proxecto de paseo marítimo na zona do Esteiro, entre Vilanova e o Terrón.

A SGHN considera que este proxecto, nos termos en que foi descrito estes días, é absurdo.

A) O Esteiro nada ten que ver coa catástrofe do "Prestige", polo que non se entende o destino duns fondos encaminados a recuperar a economía das zonas afectadas cun paseo marítimo. Neste senso estase a producir unha situación de Totum revolutum, no que se están a rescatar vellos proxectos dos caixóns coa disculpa dun desenvolvemento mal entendido, no que se está a destruír e arrasa-lo medio ambiente, e, por extensión, a calidade de vida dos cidadáns.

B) A construcción dun paseo marítimo e o peche do Esteiro con esclusas, non aportan nengún elemento á suposta potenciación destes bancos marisqueiros.

C) Se se quere potenciar a producción marisqueira, máis val investir no saneamento das augas contaminadas e no lixo que chega ó lugar.

D) A ruptura da dinámica das mareas, co peche do esteiro por horas ou como se queira, é de prever que prexudicará e modificará a fauna do lugar, fauna na que se inclúen especies de explotación marisqueira. Unha comunidade de seres vivos, aséntase nun medio físico determinado e se establecen un equilibrio de relacións entre eles, equilibrio que se romperá se se alteran as mareas.

E) É lamentable que se pretenda aproveitar a actual situación económica e social galega, cunhas cifras de paro, poder adquisitivo e cultural negativas respecto á media española e europea, para "colar" proxectos disfrazándos de progreso, cando este progreso non se ve por ningures.

Outras informacións están dispoñibles na páxina Web da SGHN: www.sghn.org

 Tfno. 639 960551

Agradecendo a atención prestada.

25/01/03

A Sociedade Galega de Historia Natural, en relación co informe da
Administración Nacional Oceánica y Atmosférica (NOAA) dos Estados Unidos
comentado nos medios de comunicación o pasado 23/01/03, acordou manifesta-la
súa conformidade co exposto, xa que coincide plenamente co que a SGHN leva
tratando de transmitir á administración pública dende o inicio da Catástrofe
do "Prestige".

Temas como a proliferación indiscriminada de pistas, falla de sopesación de
criterios para decidir se a limpeza de determinadas praias ou cantís
prexudica máis que deixala sen limpar, porque o dano medioambiental no
acceso (pistas, destrucción de dunas) é maior que a non intervención
directa, etc., son agresións reiteradamente denunciadas e que están a
hipotecar a conservación de moitos tramos da nosa costa, tal como os
coñecimos ata agora. A SGHN avaliou que só as obras de "acondicionamento" na
costa afectada nestes dous meses, equivalen á degradación paisaxística e
ambiental dos últimos 15-20 anos.
Neste senso, A SGHN presentou varios escritos diante das administracións
públicas sen recibir nengún tipo de contestación:
* O 11/01/93 á Conselleria de Asuntos Sociais, indicando entre outros, o
descontrol no uso de maquinaria pesada, coa destrucción gratuita e
inxustificada de sistemas dunares.
* O 30/12/02 ó Ministerio de Medio Ambiente (Xefatura de Costas) e á
Consellería de Medio Ambiente, informando sobre actuacións concretas de
destrucción das cadeas dunares por maquinaria pesada en varias zonas da
costa (Península de Ogrove, Corrubedo, Costa Ártabra, etc., creación de
balsas de fuel-oil sen control nen protección nas praias, construcción  de
pistas sen xustificación ou necesidade, etc.
A construcción indiscriminada de pistas de acceso, xunto coa actuación
neglixente de retroexcavadoras entre a fráxil vexetación dunar e a
multiplicación de residuos por non organiza-la recollida dos mesmos, etc,
foi denunciada publicamente pola SGHN e outras entidades ambientalistas
galegas.

Lamentamos que decindo o mesmo, se siga a prestar máis atención cando se ten
un acento distinto ó do país.

Atte., en representación da SGHN, saúdalles.

Tfno. de información 639 96 05 51