CABANILLAS

Diante dunha cunca de viño espadeiro

¡O espadeiro! ¡Acios mouros, cepas tortas,
follas verdes, douradas e vermellas,
gala nas terras vivas de Castrelo
nos Castelos de Oubiña e nas areas
de Tragove e Sisán, do mar de Arousa
e o Umia cristalino nas ribeiras!
¡O espadeiro amante! ¡O viño doce!
¡Alegría de mallas e espadelas,
compañeiro das bolas de pan quente
e as castañas asadas na lareira!
¡O espadeiro! ¡O resolio que louvaron
en namorantes páxinas sinxelas
os antigos abades do mosteiro
de Xan Daval, na vila cambadesa,
aqueles priores leigos e fidalgos,
mestres na vida, na virtú e na ciencia,

que sabian --¡ouh tempos esquencidos!--
canta­la misa, escorrenta­las meigas,
acoller e amparar orfos e pobres,
rir coas rapazas, consella­las vellas,
darlle leito e xantar ós peregrinos,
pechar por foro as portas da súa igrexa
á xusticia do Rei, cobra­los dezmos
e dispoñer vendimas e trasegas!
¡O espadeiro morno! ¡O roxo viño,
sangue do corazón da nosa terra,
que arrecende a mazás e a rosas bravas,
quence os peitos e as almas alumea,
e sabe a bicos de mociña nova,
aldeana e triqueira!
¡Como canta ó caír nas brancas cuncas
desde as pintadas e bicudas xerras!
¡Como latexa e brilla ó coroalas!
¡E como loce e ri cando as adreza,
asemellando fíos de rubises,
cun rosario de escumas sanguiñentas!
(...)

¡Espadeiro! ¡Espadeiro! ¡Ledo viño
das noites mozas! Claridá de estrelas.
O aturuxo zoando nas quebradas...
Mozos... Pandeiros... Un amor que empeza...
Aromas das carqueixas e do trevo...
De man en man, a bota carreteira...
Unha cantiga ó pé dunha ventana...
¡Detrás dos vidros, Ela!
¡Ouh, espadeiro amante! ¡Ouh, roxo e quente
sangue do corazón da nosa terra!
¡Acende os corazóns dos apoucados!
¡prende lume nas almas, viño celta! !

(Da terra asoballada, 1917)