Veiga de Valcarce quere voltar a Galicia (publicado en Vieiros o 24-Agosto-2000)
Ao parecer a
alcaldesa socialista do concello berciano de Veiga de Valcarce,
María Luisa González Santín, expresou onte a súa intención
de iniciar o expediente administrativo para promover a
segregación do seu municipio da provincia de León e anexionarse
á de Lugo. ¿As razóns? As poucas atencións que recibe da
Junta de Castela e León e da Deputación. Segundo a mandataria,
moitos dos servicios que reciben os veciños de Veiga de Valcarce
proceden da localidade lucense de Pedrafita do Cebreiro, coa que
se celebran anualmente actos de confraternización. Lembramos que
a comarca do Bierzo pertenceu oficialmente a Galicia dende a
época dos romanos, durante os reinos suevos e nos séculos
seguintes, e non foi ata a Baixa Idade Media que deixou de
pertencer á casa de Lemos en favor do Marqués de Astorga. Logo
este territorio continúa a ser referido como galego polos
propios gobernantes hispanos e a figurar nalgúns mapas como
parte de Galicia. O debate sobre división territorial aberto no
Estado no século XIX coñeceu a proposta de incorporación
definitiva do Bierzo a Galicia (proposta de 1821), mais acabou
por ficar xebrada en 1833, na partición de Javier de Burgos.