O Urco é unha sorte de can de grande corpo, negro coma a noite
e peludo tal que un castrón ; cunhas orellas moi cumpridas e uns
cornos pequenos, ademais dun rabo mouro tamén como toda a pelaxe,
semellante á do can, mais cunha presa de cabelos coma dun xeme de
longo no cabo, imitante a un pincel.
O Urco non adoita verse doadamente - e máis vale así
- pois agáchase nas fochas entre os penedos das ribeiras do mar,
e a súa presencia coñécese polo seu oubeo. Porque
este oubeo é coma un forte e chión asubío laioso,
que parece que, ó se escoitar, xea o sangue nas veas e estarrece
o corpo todo nun arreguizo de pavura, coma se a un lle chantasen un coitelo
no peito. E ten que ser así, porque sempre que o laio mendoñento
de tal oubeo se deixou ouvir, aconteceu unha desgracia: alguén morreu
sen se saber como nin por que, pois aparentemente os accidentes non tiñan
explicación posible.
- ¿E daquela? - pregunteille ó vello mariñeiro
que me falaba disto.
- Eu asmo que o urco ten unha boca de beizos mois grosos que
forman, como o da lamprea, umha sorte de tubo que zuga con grande forza.
-¿O sangue, cal os vampiros? - demandei interesado.
-Non, a alma - respondeume.
-Logo, ¿vostede coida...?
-Eu coido que o urco é un demo do inferno que zuga as
almas.. ¿Vostede non sabe que hai persoas envexosas e ruíns
que finxen ser amigos dun, e andan alpurnando de nós soterreiramente
e fannos todo o mal que poden? Pois a eses é a quen lles come a
alma o urco.
O vello calou. Eu tirei a petaca e ofrecinlle tabaco. El cargou
a cachimba, aplicoulle un misto e botou unhas bocanadas de fume...