Dentro da incomparable obra de arte en
pedra que é a catedral de Santiago, a xoia mais preciada é
sen disputa o Pórtico da Gloria, recoñecido como o mais notable
monumento da arte cristiá do século XII.
O Pórtico representa o cumio da
escultura románica, no que esculpido na dura pedra do país
aparece todo un tratado de teoloxía, segundo a idea que da eternidade
tiñan as xentes do medievo.
O autor desta maravilla foi o escultor
e arquitecto Mateo, que tamén traballara na reconstrucción
da Ponte Cesures, na igrexa de Cambre e no mosteiro de Carboeiro.
Ó pé da columna central do
Pórtico, pola súa banda posterior, Mateo esculpiuse a si
mesmo, axeonllado en actitude humilde, cos ollos postos no altar do Apóstolo.
Esta figura é coñecida popularmente como "o santo dos croques",
alcume que lle vén dos croques que na súa cabeza dan os visitantes
coa testa para que se lles transmita unha chispa do xenio que tivo o inmortal
mestre.
Sobre o "Santo dos croques" hai quen conta
que cando xa estaban a piques de remata-las obras o arcebispo fíxolle
unha visita ó Pórtico. O mestre Mateo foille referindo o
significado de cada figura e a quen representaba nela.
Despois de oí-las explicacións
do escultor, o arcebispo quedouse mirando para o arco central, presidido
pola figura de Cristo, rodeado dos catro evanxelistas e decatouse de que
alí había unha figura da que Mateo non lle dera ningunha
explicación.
-¿E esa escultura a quen representa?-
preguntou o arcebispo.
Mateo botou un sorriso de disculpa.
- Ese son eu - dixo-. Despois desta obra
que acabo de facer, coido que son merecente de figurar representado na
Gloria...
Anoxado polo que consideraba inconcebible
atrevemento do escultor, o arcebispo reprendeu con severidade a Mateo,
quen aturou a reprimenda de ollos baixos e en silencio.
Ós poucos días o escultor
chamou ó arcebispo para lle mostrar unhas modificacións que
fixera na súa obra.
E o prelado viu que do tímpano central
desaparecera aquela figura que tanto o alporizara. En troques aparecía
unha nova escultura, axeonllada humildemente na parte traseira do Pórtico,
no medio da escuridade.
Naquela estatua penitente quixo representa-lo
escultor o arrepentimento pola ousadía que o levara a facerse figurar
a carón de Deus Fillo, e así, a través dos séculos,
o sorriso humilde de Mateo segue a prega-lo perdón pola súa
disculpable arroutada de orgullo.