Xuntáronse unha vez un lobo e un raposo e
puxéronse a falar dos enemigos que cada un tiña. E o raposo
dixo que o máis malo de todos era o home.
- ¿O home? - dixo o lobo que nunca
un vira - ¿E cómo é ese home?
O raposo díxolle como era, e non lle
pareceu ao lobo tan terrible, polas señas que lle daba, pero entráronlle
ganas de conocelo e preguntoulle ao raposo se lle podía enseñar.
E saíron de cara á aldea.. polo
camiño atoparon un vello arrimado nun caxato. Nada máis velo,
o lobo preguntou:
- ¿Aquel é o home?
- Non - respondeu o raposo- Aquel xa foi.
Seguiron andando e encontraron un pequeno.
O lobo volveu preguntar:
- ¿Aquel é o home?
- Non - respondeu o raposo - Aquel aínda
ha ser.
E seguiron andando e encontraron un cazador.
Entón dixo o raposo:
- Ai, compadre, alí ven un home.
E dixo o lobo:
- Pois eu quería dar unha loita con
el.
Pero ao chegar perto do cazador, este disparou
un tiro e bateulle ao lobo nun oído, e dixo este:
- ¡Caramba para o home! Tiroume un aturuxo
que por pouco me atonta!
- Pero así a todo quería dar
unha loita e o raposo foino levando xunto dun ferreiro que estaba traballando
na forxa, e díxolle o raposo ao ferreiro:
- Meu compadre ven buscando con quen loitar.
E o ferreiro díxolle:
- Agarda que termine de caldear aquí
o ferro.
E púxose a rozar unhas tenazas e, dende
que as tivo ben roxas, dixo:
- ¡Vamos xa!
E botoulle as tenazas ao fuciño de
lobo que entón xa non quixo loitar máis, e despois dicíalle
ao raposo:
- ¡Caráina co home! ¡Parece
que ten a arte do demo! Agarroume con dous dedos e levoume a mitade do
fuciño. ¡Se me bota a man toda, levaríame a cabeza!
.