Cando Dios e San Pedro andaban polo mundo déronlles pousada na casa dun marulán.
A dona, muller moi xerpa, recibíunos recachando o fociño.
-Vostedes i non serán de xosticia, ¿non? Nin deses que chaman desvestirigadores..
-Señora - atallou Pedro- Somos dous pobriños camiñantes que imos pola vida, este a percura dunha crus i eu na percura dun galo.
Reparounos a muller con desconfío, e como tiña o forno roxo comezou a enformar petadas que daban xenio. O apóstolo relambíase porque era algo lampantín, e o marulán dixo á súa dona:
-Muller, fáilles unha bica a estes probes, que estarán alampando.
-Será de raspas de aquela maseira, e conta que son de pan trigo.
Rosma que rosma, fixo un boliño coma un ovo e deixóuno no remoado. Despois pechou o forno coa trapela rezado o Padre Nuestro, e acabado, Noso Señoriño ergueu a man dereita, marmurando:
Millo eres, millo serás,
poir máis que te amasen
non espilirás.
Logo que a fornada estivo coita, o boliño medrara hastra volverse fogaza e os pans de millo restaron no seu ser, que dende aquela nunca máis o millo espeleu.
(Revista Nós, nº 67)