Un fidalgo que moraba preto da fonte tiña
unha filla moi belida, á que requerían en amores tódolos
mozos da bisbarra. O fidalgo non consentía a ninguén tratar
o casoiro coa filla e para arredala do perigo foina encantar á fonte
Pormás.
Un serán estaba un mozo nunha rozada e ollou
chegar o fidalgo coa filla e os criados con sacos ó lombo; marcharon
os criados, despois de pousar a trouxa e un adival que ía envolto
nun saco, quedando sós pai e filla. A moza choraba a fío
agarrada ós brazos do seu pai, pregándolle de xeonllos que
non a deixase alí; pero o pai non fixo caso; soamente lle dixo:
- Non teñas pena; quédache con que
valerte.
O fidalgo sacou un libro e comezou a ler; ó
pouco tempo a moza meteuse polo cano da fonte e seguidamente os sacos que
levaran os criados seguiron o vieiro que levara a moza; quedou fóra
o adival, e o fidalgo continuou lendo moito tempo deica que o adival se
tranformou nunha gran serpe longa e grosa que foi meténdose polo
cano da fonte. Cando ía desaparecendo o home cerrou o libro e díxolle:
- El que te desencantare, nove veces detrás
del cachazo te ha de besare.
O mozo deixou a rozada e foi á casa, pero
ó pouco tempo tornou á fonte Pormás para desencantar
a fermosa rapaza que el ollara agachar entre as augas. A poucos pasos da
fonte apareceulle unha muller que lle dixo con certa tristura.
- Se non tes valor, non me desencantes.
O mozo, sen arrepiarse, chegou á bira da
fonte e sentouse nunha pedra, e oíndo un grande bruído nas
augas viu saír un enorme culebrón polo cano da fonte. O mozo
deulle tres beixos por tras do cachazo e a serpe tornou para a fonte. Tornou
a saír a serpe, agora que con menos bruído e poñéndose
dereita diante do mozo levou outros tres beixos e enguliuse na auga. Á
terceira vez saíu case mansiña de todo e ó darlle
os beixos caeu no chan feita un adival. Naquel intre comezou un ruxir enorme
de cartos e apareceu a moza cos sacos cheos de ouro que seu pai lle levara
e que ficaban gardados pola serpe.
A moza non quixo volver á casa de seu pai
e foi casar á igrexa da parroquia co mozo que a desencantara..