Vítor Siderol
( V. Vaqueiro, "Guía da Galiza Máxica" )

    Unha narración na que aparece esta idea de derrota do diabo dá conta (Alvarez Blázquez 'Os tesouros de Galicia. O Ciprianilllo') de que Vítor Siderol, espilido campesiño francés, da aldea de Court, decide un día despedirse das súas terras e, despois de deitar o xugo enriba do arado, dille a este que o leve o demo. A seguir, escóitase un bruído estarrecente e Vítor foxe cara o seu fogar. Ao día seguinte decátase de que desapareceron todos os trebellos de labranza. Unhas datas despois, Siderol vende a casa e marcha a París. Na pousada onde se acha de hóspede, ao ir agachar baixo unha táboa do chan o seu diñeiro, atopa un libro que identifica como O Ciprianillo.

    Despois de percorrer as páxinas do exemplar, o campesiño francés decide invocar a Satán. Rouba unha galiña preta e consegue que nunha encrucillada, a media noite, se lle apareza o Inimigo, que resulta ser un personaxe de estatura moi superior á súa, cornos de carneiro, rabo de mono, pés de bode e vestido vermello enfeitado de ouro. Pregunta ao camponés os seus desexos e aquel resposta que quere adiviñar o porvir. Mediante a asinatura dun documento no que Vítor Siderol, co seu propio sangue, fai doazón ao demo da súa alma, o Maligno concédelle o solicitado.

    Por mor da adquisición deste don, Siderol coñece que nun lugar afastado existe un País no que se achan tesouros agachados, xa que o Demo, segundo afirma o libro, tem muitos thesouros debaixo do seu grande poder. Desexando posuílos Vítor pergunta ao diabo onde se acha tal lugar, ao que este resposta que na estrema occidental da Península Iberica, lugar ao que se dirixirá despois de pasar os Pirineos e onde o conducirán os romeiros que fan o Camiño de Santiago. O Adversario refírelle que naquel país hai tesouros encantados en máis dun cento de lugares, entre os que se poden sinalar Rubiós, Taboexa, Sobroso, Caritel, Borbén ou Mondariz. Despois de regalarlle unha lanterna que lle servirá de axuda, pois cada vez que Vítor a acenda os seus desexos se verán satisfeitos, o campesiño toma a decisión de marchar da capital francesa cara ao país dos tesouros soterrados. Antes da súa marcha adiviña o número premiado na lotaría e o lugar onde atopar unha moza fermosa. Nunha representación teatral acha unha bela doncela, á quen acompaña a súa nai. Nunha ausencia momentánea da nai da xove, Siderol xace coa rapariga. Engaiolado pola beleza, e tamén para reparar o seu acto, o camponés promételle casamento. Despois de agasallar á rapariga con xoias, cartos e diamantes, marcha na procura dun escribán que certifique a unión. Á súa volta, nai e filla desapareceran, roubándolle o que lle pertencía e deixándolle unha nota na que se mocan del. Vítor Siderol chama ó demo, que lle resposta que tóda-las mulleres son unha fonte de amoladuras. Despois dunha forte retesía, o demo marcha levando con el a lanterna. Sen cartos e sen posibilidade de obtelos, o campesiño decídese a publicar O Ciprianillo que atopara para tirar algúns cartos. Por consello dun astrólogo enche o libro de referencias adiviñatorias pra espertar o interese por este e incrementar as vendas. O bispo manda prendelo por feiticeiro e condénao á fogueira. Vitor pide ao Diabo que o axuda e, con efecto, este ábrelle a porta do cárcere. Siderol diríxese aos Pirineos e, cincuenta días máis tarde, chega ás terras da Galiza. Despois dunha cea farturenta que Lucifer lle fornece, Siderol manifesta o seu desexo de atopar un tesouro ce que vivir sen traballar o resto da súa vida. En Ababides, no actual concello de Trasmirás, o Demo mándalle a Siderol que, pola noite, suba ao cume dun monte e que prenda a lanterna. Alí atopará un tesouro, aínda que antes o obriga a asinar outro documento facéndolle entrega das almas de todos os fillos que poida ter. Na noite, o camponés vai no cume do monte e despois de seguir os consellos do Escuro, a terra ábrese e nela penetra Vítor Siderol, que consegue un enorme tesouro, composto por antigas moedas romanas de ouro. Camiña na escuridade até que no abrente chega á aldea de Damil, no concello de Xinzo de Limia. Despois de se aconsellar co diabo, decide ficar naquela terra. Ve unha casa en venda e decide mercala. Colle unhas cantas moedas e marcha ate Allariz, na procura dun crego que troca moedas antigas. Adquire a casa e comeza a gozar dunha vida de lecer. Aos poucos meses casa cunha moza da aldea de Podentes - A Bola, de nome Manuela, que lle demostra o seu amor nunha longa doenza que Siderol sofre.

    O tempo transcorre e Vítor e Manuela teñen ate oito fillos. Na súa ledice, o campesiño francés esquecera o pauto contraído co Demo, ate que unha noite de grande treboada lle veñen á lembranza as promesas feitas ao Adversario. Dende aquel día comeza a andar tristeiro. Manuela, conmovida, obrígao a confesar a orixe do seu estado e, arrepiada, escoita a narración que Siderol lle fai. Temendo ser contaxiada na condenación, foxe e repítelle á súa nai o relato feito polo seu home. A sogra de Vítor resposta que ela se encarregará de arranxar o caso. Manda que veña un crego das terras do Condado no que tiña depositada a súa confianza, ao tempo que ela propia mete na alxibeira das calzas de Vítor Siderol unha ampola con auga bieita. Ao día seguinte marchan para a igrexa, onde o crego esconxura o demo, que remata por entregar as escrituras que Vítor asinara, deitándoas ao pé do altar maior. Así é como Vítor, o camponés se ve libre do Demo, voltando á súa terra e vivindo ate o día da súa morte que se produce cando conta 109 anos.

   




 
Páxina anterior
Páxina Principal
O que sexa...