O DEMO

 

    A este ser de natureza maléfica coñéceselle no País baixo numerosos nomes xenéricos: abelurio, degorio, demachiño, démaro, demiño, demo, democho, demóncaro, demoncre, demontre, demoñaro, demoño, demoro, déncaro, dencho, déngaro, denllo, deño, diabo, diaño, rabeno, resalgario, sucio ou xuncras . Outros son propios: Cachano, Donai, Perecho, Perello, Perete (estas dúas derradeiras denominacións partilladas co trasno); ao cabo, noméaselle de maneira eufemística ou metafórica: o pecado o rabudo ou o das zapatillas.

    Dise que existen tres divisións de demos: bos, maus e travesos. Os primeiros, que se chaman demiños, gárdanse na casa e, ás veces, fornecen favores, podéndose acadar polo mecanismo de empolar un ovo de galo preto, que unha vez obtido hase gardar nun agulleiro, con azougue ou limallas de ferro. Cando se queira obter algunha mercé, ábrese o agulleiro e fáiselle a petición correspondente, que o diabo obedece. Os maus coñécense polo nome de demo negro e apresentan o grau máis elevado de maldade. Os travesos acostuman identificarse co trasno ou co tardo.

    Sobre a súa anatomía existe a particularidade - partillada igualmente co trasno - de posuír un buraco en cadansúa man, por onde perde as cousas. Posúe tamén rabo que, cando comete algunha falcatruada, adoita deixar á vista, polo que resulta doadamente identificábel. Certas versións dan por certo que ten face de coello. Outras, que a súa estatura é moi superior á de calquera individuo. 

    Dice un home de cerca de ochenta anos que, cando era mozo, que iba con un veciño da súa edá, que morreu nas Américas, ás mozas; e que se atopaban sempre con un gran carneiro nu monte, e pensaban que lle quedaría por alí a alguén, e nun o atopaban nunca no mismo eido: e entre os dous acordaron de que, si u volvían a atopar, que, entre iles ie outros amigos, que habían de ter a gran enchenta cu carneiro.
    Ao outro día, efeutivamente, atopáronse con il (e nombra u sitio), colleron o carneiro e levárono prá casa du que morréu nas Américas, e dixo que era un carneiro moi grande, e cerrárono nun cortello, e ben amarrado polas cornas. Deloutro día, iban matalo, e sólo atoparon u sitio e a trela con que u prenderan, e que nun o volveron a ver máis.
    Sospeitaron de que era u demo, que se lles aparecía en forma de carneiro.

   Verbo das súas relacións cos humanos compre dicir que, en xeral, costuma aparecérselles impoñentemente traxeado (ate ven algunhas veces de levita e bimba de dous pisos, coma un diputado) e falando español (Pode ser que sea por consideralo forasteiro, ou se cadra, por considera-lo persoaxe doutra categoría). É consumado políglota, até o extremo de darse por certo que pode falar tóda-las linguas coñecidas. En moitas ocasións leva barba postiza, feito que se detecta por vérense as fitas que terman da barba por detrás das orellas. Tamén pode recoñecérselle polos seus pés, que adoitan ser de animal, nomeadamente de cabuxa. As súas aparicións teñen a ver coa intención de levar a cabo o pacto polo que o home ou muller lle fan entrega da alma.

    Ás veces partilla actividade e territorio propio dos humanos, cos que pode chegar a combater, gañarlles as ialmas xogando ás cartas, hainos nos que fai apostas e gana, e leva ó inferno aos que apostaron; hainos nos que merca ós nenos pequenos ós seus pais, ou ven disfrazado e se aparece pra serlles padriño, ou se encarga da educación dun rapaz; hainos nos que pelexa con homes, aconsella ás mulleres e apréndelles diferentes artimañas, ou axuda a algún a saír dun apuro.    
   

    A principio de século, xuntáronse algunhos veciños desta bisbarra, e acordaron con un cura da carreira breve, que morréu hai moitos anos, i o cual tiña u libro chamado Ciprianillo, de chamar ao demo e pedirlle cartos du fondo do mar, pra que non cargaran a conciencia de naide. Xuntáronse, e foron ao monte da Abeneira (qui é célebre por us seus minerales, e que pasa por encima da Ferraría do Incio).
    Unha vez alí, fixeron un circo pra meterse todos dentro dil, e nunos fora atusigar u demo; ie u bon du cura empezóu a chamar ao demo por medio de Ciprianillo, ie en seguida aparecéu en figura dun soldado, e preguntóulles u que querían, e dixéronlle que querían diñeiro.
    U demo díxolles que non había inconveniente, pero que tiña que ir por il aos bancos. Como esto era un cargo de conciencia, dixéronlle que non, que o querían du fondo do mar, dus barcos que se foran a pique; ie o demo, todo amoscado, empezóu descubríndolles us defeutos. Ie empezóu a tronar, e viron pasar un tren cheo de ouro, i o demo, na figura do soldado, tocando unha gaita de fol, toda de ouro.
    Como ao cura lle faltaba a folla da entrega du Ciprianillo, quedáronse todos con un palmo de narices.
    Hai algún fillo dus que asistiron a eso, e dicen que llo oíron contar aos seus difuntos pais. Certo serao, pero eu non o creio.


    Pode, igualmente, levar a cabo certas falcatruadas, como no caso duns rapaces que, ao pasaren par duns castiñeiros en Augavalor-Sabariz-Rairiz de Veiga, vían degolar carneiros, feito do que o Diabo era o responsábel. Outras veces introdúcese no sobrado das casas labregas, prorrompendo en fortes gargalladas

  O demo é un excelente constructor de obras públicas, nomeadamente pontes, que pode erguer nunha soa noite. Estas capacidades constructivas fan partillar ao demo un territorio mítico cos mouros, os cales ergueron igualmente nunha noite igrexas como as de San Pedro, na Mezquita, San Salvador en Soutomaior, ou San Vicenzo de Coucieiro-Paderne de Allariz, ou castelos como o de Vilasobroso-Ponteareas. Este territorio compartíllao igualmente coas korrigans bretonas que, só no período de ausencias de sol, ergueron o dique que protexía á cidade de Ker Is dos ataques do mar (Charles Guyot, La legende de la ville d'Ys). O demo resulta, tamén, un bo parceiro pra localizar tesouros soterrados.

    A vila galega de Cambados protagoniza unha lenda con base na Biblia e que aparece nos evanxeos de Mateo, Marcos e Lucas. Cando Cristo se acha no deserto recibe as tentacións do Demo. A terceira das ditas tentacións supón o oferecemento por parte do diabo de todas as terras coñecidas. Sen embargo, a versión galega puntualiza que o Inimigo pronunciou en realidade as palabras: Todo isto heiche dar se me adorares, agás Fefiñáns, Cambados e San Tomé (Caamaño Burnacell, Cambados a la luz de la historia)

Vitor Vaqueiro. Guía da Galiza Máxica
Contos populares da provincia de Lugo- Ed.Galaxia
Gran Enciclopedia Gallega
Revista de Dialectología y Tradiciones Populares T.XV
Revista Nós

    O diabo pódese meter no corpo das persoas.

    Certos exorcismos, así como algúns santuarios entre os que sobrancea o do Corpiño, na parroquia lalinense de Santa Baia de Losón, teñen amosado a súa eficacia terapéutica na extirpación do mal, que apresenta as características da conxunción da epilepsia e a histeria, ao tempo que o doente profire blasfemias intraducíbeis, emitidas polo espírito aque mora no seu corpo. Ás veces, e sen chegar a ter esta enfermidade, o posuído muda o seu carácter en silandeiro e serio, fuxindo da compaña de parentes e amigos e levando a cabo actos arbitrarios, como o de espirse ás vistas dos demais, mexer os cabelos ou bater coa testa contra as paredes, alén de pronunciar frases incomprensíbeis ou rexeitar os nomes da divinidade (N. Tenorio, La aldea gallega).

    O demo non os deixa estar quedos, fala por iles, fainos trasnoitar e debilítalles o corpo pra que morran logo. O diaño pode entrar no corpo dun home de moitos xeitos, sendo as principais aproveitar cando este bosteza (por iso é bó facer cruces no bico cando ven o bostezo), cando blasfema, por unha maldizón, por traballar en días de festa, etc. Pra sacalo sirven as benzós de certos días de festa, como o día de Santa Cruz, o Portal, etc. O demo sai xeralmente polo bico do individuo en figura de língua de fogo. Istes individuos fan esforzos inauditos por non entraren nas eirexas e xeralmente hai que levalos de arrastras (Revista Nós, nº55)

 

O demo constructor de obras públicas:
O demo do Carboeiro
Pontedeume. A construcción da ponte
Pontes de Gatín

O pauto:
Revista Nós: O Demo e o pauto
"Unha familia alí ó pé de Ourense, chamaba de cando en cando polo das zapatillas. Ás doce da noite dun sábado, ía ó monte e poñían no chan un mantel branco e nove velas acesas, e despois chamábano, e il viña e dáballes diñeiro. Un día foron onda un señor qu lle tiñan que pagar uns cartos, e pedíronlle que agardara á semán seguinte, a ver si viña aquel sábado o das zapatillas.. "

O demo enganado:
Vitor Siderol
Xan Soldado (páx. en construcción)

(ver: 'O demo constructor de obras públicas)

Máis..
O xogador e Brancaflor, a filla do demo (páx. en construcción)


Divisións de demos
(páx. en construcción..)




 
Páxina anterior
Páxina Principal
O que sexa...