|
This page translated courtesy of Maria Valencia, Vigo, Galicia |
DECLARACIÓN DE INTENCIÓNS
Dende a súa fundación, CWI (Internacional de Mulleres Celtas) ten como obxectivo prioritario acadar un espíritu de comunidade global por medio do traballo compartido e o apoio mutuo, buscando un equilibrio entre os aspectos intelectuais e os culturais. Foi fundada hai 5 anos por un grupo de persoas que xa participaban activamente na comunidade celta pero que consideraban necesario salientar o papel das mulleres dentro de esta comunidade.
A organización naceu co obxectivo de honrar, celebrar e promocionar as mulleres celtas e a súa herdanza. Ó mesmo tempo, tentamos de fomentar o entendemento entre as diversas culturas de orixe celtya por medio da integridade, a credibilidade e a autenticidade.
Estamos no camiño de establecer unha base sólida de financiación, aumentando o número de socios e ampliando as actividades da organización, tanto a nivel local como internacional. O noso propósito é chegar a ser unha organización de referencia para a construcción dunha comunidade internacional de mulleres celtas.
ANTECEDENTES
CWI estableceuse como tal en xuño de 1997; agora ten unha directiva internacional, integrada por representantes de 5 estados dos EEUU e 3 países, incluindo Canadá e Irlanda. Os membros da organización proceden de 7 países que incluen a maioría das nacións de orixe celta e da diáspora.
CWI ten xa organizado 4 congresos anuais con grande éxito, nos que se reuniron participantes, artistas e ponentes de todo o mundo para celebrar e compartir as súas orixes culturais.
Nestes congresos hai lugar para o rigor académico tanto como para o establecemento de firmes lazos de amizade.
En 1999 fundouse o Premio á Excelencia. Este galardón quere honrar ás mulleres que teñan destacado no seu eido de traballo e que teñan servido de inspiración para as demáis. Hai un grupo de intelectuais e artistas de prestixio recoñecido que constituen un grupo de apoio para animarnos a respectar e desenvolver a nosa herdanza común.
CWI publica un boletín trimestral e ten a súa propria páxina web. CWI trata de establecer vínculos con outros grupos de similares características.
MOTIVOS
CW Toronto formouse no outono de 2001 para apoiar as iniciativas da CWI e adaptar a organización á idiosincrasia do contexto canadiano. O seu obxectivo é servir de escaparate á cultura celta do Canadá e apoiar as xoves mulleres celtas do noso país.
Somos sabedoras da importancia de Toronto como comunidade multicultural e recoñecemos a necesidade de facer a nosa cultura significativa dentro deste contexto. Para acadar este obxectivo queremos favorecer o diálogo entre xentes de procedencias diversas e crear oportunidades para que as vindeiras xeracións manteñan a súa herdanza aínda que dentro dun contexto cultural máis amplo.
Logo do Congreso, esperamos continuar desenvolvendo estes obxectivos por medio dunha serie de programas educativos dirixidos á xente nova e o apoio das artistas e estudiosas prometedoras. Tamén queremos que se recoñezan os méritos de moitas integrantes da comunidade que levan traballando anos e anos de xeito calado, casi no anonimato, para manter viva a tradición.
CWToronto ten o compromiso de crear a oportunidade de establecer vínculos con outras culturas posto que este é un dos rasgos distintivos da nosa tradición e resulta enriquecedor para todo o mundo.
PROGRAMACIÓN
O lema do congreso, Roteiros Celtas, incorpora os conceptos que queremos expresar. Evoca a idea da viaxe tanto real coma figurada. Mentras exploramos de onde ven a cultura celta, miramos cara adiante para tentar de ver onde nos levará no futuro.
No congreso participarán artistas que nos amosarán como enfocan o seu traballo dende o punto de vista técnico, estético e cultural. Estarán representados todos os eidos artísticos, tanto nas súas expresións máis tradicionais como nas máis contemporáneas. Tamén participarán representantes do mundo académico que compartirán os seus coñecementos nos campos da historia, a arqueoloxía e o folklore.
Examinaremos a forma en que a cultura celta ten evolucionado dende as súas orixes populares ata chegar a converterse hoxendía nunha industria viable que se extende máis alá das primitivas fronteiras, o cal ten tamén un aspecto negativo, pois esta expansión tense levado a cabo ás veces a costa de sacrificar a súa autenticidade e diversidade. É o noso propósito recoñecer e estimular a conservación das raíces e, ó mesmo tempo, celebrar a súa proxección internacional.
Queremos que neste congreso se escoiten as voces da xente, que sexa participativo e que non se exclua a ninguén. Na programación haberá un lugar para as aportacións das distintas xeracións e para o intercambio constructivo de ideas.
RESUMO
CWI ten sentado as bases sobre as que hai que construir o recoñecemento das grandes mulleres que teñen contribuido á grandeza da nosa cultura, que co seu esforzo nos teñen servido de inspiración para que, xunto con elas, avancemos no entendemento e apreciaxción de todas as culturas celtas.
CWToronto ten o compromiso de servir de punto de partida para a expansión da organización no Canadá e así contribuir á expansión internacional de CWI.
Roteiros Celtas, o congreso, será unha forte aposta para acadar os obxectivos de ambalasdúas organizacións.
Home | Statement of Purpose | Background | Programming | Register | Contact