• Anterior: O cura que durmiu co bispo.
  • Seguinte: As perdices do convite.

    AS BRUXAS DE MEIGARALLÁS

          Aló nun pobo chamado Meigarallás, había unha muller que tiña dúas fillas. Cando xa eran mozas, casóu a máis vella con un herdeiro do pobo inmediato, chamado Labracengos. Dalí a pouco tempo, empezóu a correr un rumor de que a mai i a filla solteira se dedicaban a facer bruxerías. A filla que estaba casada fou un día a velas pra aconsellalas que non deran que falar á xente e que se deixasen de facer bruxerías. Elas negaron todo, e decían que endexamáis se lles pasara pola imaxinación de facer tal cousa; pero a filla non se fióu gran cousa, e, pra sabelo de certo, fixo que lle daba sono e deitóuse nun banco que había tras do lume. Cando a mai i a filla pensaron que durmía, empezaron a comentar o asunto. E dixo a mai:
          -Pois cala, que mas ha de pagar. Hei de ir en forma de tábao cando o home ande arando cos bois e heillos facer remoscar a ver si se lle desgracia un.
          -¡O caso é se a matan! - díxolle a filla solteira.
          -¡Qué va! Menos de que me dían un ramallo de lourero bendito, non me poden facer nada, i eso non o van levar prá arada...
          A filla, que se facía a dormida, tomóu boa conta do que oía. Ao día siguinte, foise pra casa e, cando chegóu, atopóu ao home xinguindo os bois no patio.
          - ¿E logo? ¿Pra ónde vas cos bois, Antón? - díxolle ela.
          -Vou arar ao leiro do lameiro.
          - Boeno, pois eu vou contigo.
          - ¿I a qué has de vir si os bois andan ben?.
          - Boeno. Inda que anden, eu vou e nada máis.
          Ela colléu o ramiño de loureiro bendito e metéuno debaixo do mantelo; e ambos os dous marcharon pra o leiro.
          Serían as dez da mañán cando aparece un tábao grandísimo picando nos bois. Ela empezóu a poaus, pero o tábao seguía, hasta que logo, vai ela e saca de debaixo do mantelo o ramalliño de loureiro bendito. E, dándolle con il, marchóu con unha pata rota o tábao.
          Desde aquela mesmo, os bois seguiron arando tranquilamente, hasta que acabaron. Esí que acabaron, fóronse pra casa, e, según chegaron, sentiron tocar a difunto en Meigarallás. Todos quén sería, quén non sería, hasta que dixo a muller:
          - Seguramente foi miña mai.
          - ¿E logo? ¿Estaba mala, ou? -dixo o home.
          - Non, pero pasóu esto.
          Contóulle o ocurrido, e logo foron aló, e, efectivamente, fora a misma.



       
      Lista de contos
      Páxina Principal
      O que sexa...