Cando Noso Señor andaba polo mundo xunto con San Pedro, chegóu unha vez a Teixido, e iban tan cansos e tan ardidos de sede, sin poderen atopar auga ningunha pra beber, que Noso Señor pidéu axuda ó ceo, e o ceo mandoulle unha mazá, e ó partila en dúas pra comela, no medio da mazá, atópou a San Andrés, quen se laiou de que ao seu santuario ían moi poucas persoas, embora ser santo milagreiro, en canto a Santiago eran milleiros os que asistían. (Sobre esta rivalidade ou ciumes entre Santo André e Santiago, teñen falado varios autores, onde André representa o pobo, a tradición, o elemento autóctono, o agachado e o paganismo; Santiago, ás avesas, o cabaleiro, a invasión, o oficial e a ortodoxia.)
Naquel lugar, Cristo, despois de facer ninxir unha
fonte, fíxolle a promesa de que ninguén habería de
entrar no ceo sen visitar antes o santuario.
Deiquí vén o dito: "A san Andrés
de Teixido, vai de morto que non foi de vivo". Así, a os bechos
-cobras, lagartos, etc.- que se atopan no camiño non se lles pode
facer mal ningún: son almas dos que en vida non fixeron a romaxe,
e que toman esas figuras pra cumprila. Pero non somentes poden cumplir
esta obriga collendo a forma dun animal:
"Van uns mozos de romaxe a San Andrés de Teixido.
No camiño atopan unha caveira, un deles dálle un puntapé
e os outros animados polo exemplo, axudan, levándoa deste xeito
ate preto do Santuario. Cando xa non lles falta moito para chegar ó
cabo da súa excursión, un dos peregrinos di de deixala; pero
contesta outro compañeiro:
-Xa que queda pouc camiño, levémola ata alá, e inda podemos convidala a comer connosco. Chegan a San Andrés; e alí a caveira tórnase por completo en cabeza de cristián agradecendo aos tres mozos que a levaran até o lugar santo, axudándoo a facer a peregrinaxe que non fixera en vida" (
Revista Nós, nº 95 ).
|
|
|
Se ollamos para o océano albiscaremos á nosa dereita uns illotes que son as illas Gabeiras, ou Pena Gabeira. A mais grande das tres é a que chaman a barca de Santo André, que, segundo a lenda, chegou a estes lugares nunha barca que despois virou pedra.
Debaixo da Fonte das Virtudes existen tres olas: unha está ateigada de ouro, outra de prata e outra de arsénico. Se un destapa calquera das dúas primeiras, fica rico; se a terceira, morre decontado por culpa do veleno.
No cume dun monte situado nos arredores, existe un penedo do que se di que é quen de xerar treboadas.
Sinala a tradición que a estes lugares, dos
que se di que foron os derradeiros en toda Galiza en apertaren o cristianismo,
e onde se teñen atopado unha chea de supervivencias de ritos pagáns,
da maor parte dos cuales non hai máis indicio da súa usanza
na nosa Terra, chegou Lanzarote fuxindo de Bretaña en compaña
dun can de tan enormes dimensións que a xente tiña moito
medo e chamábanlle o can grande. Dise que os primeiros animais
estranxeiros que houbo nestes lugares foron mesmamente, os que trouxo Lanzarote.